Medio Rural prevé dispoñer de todos os efectivos do operativo contra incendios despregados no territorio galego o 1 de xullo
Redacción
A Consellería de Medio Rural conta con despregar a todos os efectivos do dispositivo contra incendios da Xunta o próximo 1 de xullo.
Así o afirmou en Santiago o director xeral de Montes, Alberte Blanco, quen avanzou que a incorporación do persoal de reforzo do operativo, uns 2.700 traballadores, realizarase "de forma escalonada" en tres fases, a partir do 1, 15 e 30 de xuño.
O titular de Montes recordou que o operativo contra incendios estará integrado por 5.800 efectivos, entre técnicos, persoal de mando, axentes forestais e brigadistas, ademais dos correspondentes operarios de vehículos motobomba, emisoras, avións, helicópteros e outros medios terrestres.
Aos pouco máis de 3.000 traballadores, entre fixos e fixos discontinuos, que integran o Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais súmanse os efectivos temporais destinados a reforzar o dispositivo na época de máximo risco de incendio, os meses de xullo, agosto e setembro. En suma, contarase cuns 500 efectivos contratados a través da Administración Pública, directamente por medio da Consellería de Medio Rural, e outros 2.200 que este ano contratará a empresa de titularidade pública Seaga (Servizos Agrarios Galegos).
A novidade deste ano prodúcese ao derivarse a maior proporción de incorporacións a esta sociedade dependente de Medio Rural, aínda que, como aclarou o director xeral "ningún dos traballadores eventuais que estaban no dispositivo os veráns anteriores vai quedar sen traballo porque temos un déficit de man de obra que nos obriga a recorrer ás listas do Inem para contratar persoal".
Novidades do operativo
A estrutura do operativo, "similar no seu deseño ao ano pasado", segundo apuntou Blanco, estará encabezada por un mando único que trasladará as decisións desde o Centro de Coordinación ubicado en Santiago aos xefes de cada un dos 19 distritos forestais de Galicia. Estes, á súa vez, terán ao seu cargo a diversos técnicos que distribuirán aos axentes forestais nas diversas áreas que lles correspondan. Cada un deles dirixirá a unha das 600 brigadas que operarán na comunidade galega.
Os avances en materia de medios tecnolóxicos será unha das principais novidades do dispositivo contra incendios deste ano, como asegurou o director xeral. Blanco recordou que todos os vehículos, desde os todoterrenos dos axentes forestais e brigadas ás motobombas, dispoñerán de localizadores XPS que permitirán ao Centro de Coordinación saber a súa ubicación exacta en todo momento.
Ademais, este ano dispoñerase de dous novos vehículos cun posto de mando incorporado para poder asistir con todos os medios necesarios aos incendios máis complicados, segundo agregou. A esas melloras tecnolóxicas engádese a esixencia dunha mellor preparación física dos brigadistas, que este ano deberán superar unhas probas de aptitude para aspirar a integrar o dispositivo.
"Os traballadores deberán reunir as condicións físicas adecuadas para desenvolver o seu traballo", asegurou o director xeral, que manifestou que "sería terrible" ter que admitir a efectivos seleccionados "polo sistema demográfico da Administración anterior ou dos concellos". E é que o titular de Montes recordou que moitos dos efectivos incorporados ao dispositivo hai dez anos hoxe poden roldar os sesenta anos, polo que considera que quizais as súas condicións físicas non son as máis "idóneas" para enfrontarse aos labores de extinción dun lume.
Á modernización dos medios técnicos e as condicións físicas probadas dos brigadistas uniranse os esforzos que xa veu desenvolvendo a Administración galega en materia de prevención de incendios. Un ano máis, a Xunta reeditará os convenios de limpeza de núcleos subscritos cos concellos, os acordos coas comunidades de montes e a cooperación das unidades de defensa veciñais.
"Este ano incrementarase ademais a actuación do voluntariado, que desenvolverá labores de vixianza e disuasión diferentes ás que realizan as comunidades de propietarios", asegurou Blanco. Tamén se referiu á renovación do convenio coas forzas armadas, que do mesmo xeito que o verán pasado, patrullarán os montes da comunidade galega para disuadir e vixiar, aínda que non participarán nos labores de extinción. "O despregue permanente dos axentes é importante como forza disuasoria e de vixianza", valorou.