Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

Metamorfose ideolóxica

Bernal Rúa. Membro da Mesa Nacional de isca

Na Metamorfose, Gregorio Samsa esperta unha mañá convertido nunha extraña criatura. É aceptado a duras penas pola súa familia, e pouco a pouco as tensións familiares chegan a un ponto no que o abandonan no seu cuarto e o deixan esmorecer, logo do cal marchan de viaxe e fechan esa etapa da súa vida.
O nacionalismo galego inicia outra viaxe na que a mutación ideolóxica , a aceptación das regras de xogo impostas, e o que é pior , a asimilación a marchas forzadas dos dogmas neo-liberais van pouco a pouco cercenando o xerme revolucionário e rupturista co que muitos partiran. O eixo de coordenadas , segundo nos contan, é inamovíbel, e debemos traballar estritamente nos vectores indicados para, se cadra, lograr que rectifiquen parcialmente a súa dirección.
Nunha realidade en continuo movemento os obxectos observados nun determinado instante xa non se atopan encadrados na mesma posición ao seren examinados. Sobre todo se temos en conta que os pontos de referencia tamén se están a desprazar. Con esa dificuldade engadida, a tarefa de analisar a realidade e calcular as solucións aos problemas complícase. No fondo, sabemos que cómpre mudar de eixo de coordenadas. Eis a verdadeira liberdade.
Mentres tanto, as asembleas convertíanse en puro significante, en mito. Xa nada se decidía dentro delas: só importaba figurar e perpetuar a farsa da súa propria existencia. Nada tiña sentido xa, e a familia de Grigori partía rumbo a ningures, con novas metas, mais sen saber que os que verdadeiramente fixeran a metamorfose foran eles e non o fillo e irmán que abandonaran no seu cuarto, sen saber que a única rareza é traizoarse a un mesmo.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986