Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

Por un nacionalismo revolucionario

Breixo Lousada. Movemento pola Base

O Dia da Patria é un bo momento para facermos unha reflexión sobre o rumbo do movemento nacionalista, e para que cada quen expoña as súas propostas ao respecto.
Nós, como organización socialista e de clase que actúa no seo do movemento nacional e popular do noso país, entendemos o nacionalismo galego como un movemento que debe ter un carácter fondamente transformador e rupturista, comprometido coa subversión da orde vixente, que aposte pola construción dun novo modelo socio-económico xusto e democrático que só é realizábel nun marco de plena soberanía para o noso país. Un movemento que sexa, por tanto, nidiamente revolucionario, con todo o que iso implica.
A dirección do BNG, tristemente, parece por contra ter abandonado -non só a nivel simbólico e de discurso, mais tamén na praxe diaria- esta mensaxe histórica do nacionalismo, substituíndoa pola mera xestión do existente, pola evidente confusión entre medios e fins, coa disolución do discurso en xeneralidades do tipo “aumento do autogoberno”, “cesión de competencias” e demais retórica autonomista que non cuestiona o cerne dos problemas. A orixinaria alianza das clases populares (que en orixe era o BNG) e o discurso centrado nestas foi substituído, ao fin, por unha mensaxe que nega as contradicións entre clases sociais. Como consecuencia de todo isto, unha das prioridades da actual dirección nacionalista, e que leva até a obsesión, é a de non aparecer publicamente como unha forza “radical”, ou antisistema, asimilando imaxe e discurso á dos partidos políticos convencionais.
A nosa aposta, como dicimos, é precisamente a contraria, pois pensamos que a extensión social deste proxecto político emancipador e fondamente revolucionario do nacionalismo popular galego non se conseguirá ocultándolle ao pobo cales son os nosos obxectivos estratéxicos nin renunciando ás nosas bandeiras históricas. Con pedagoxía política, evitando caer no ideoloxismo e ofrecendo respostas ás demandas sociais, apoiando e dinamizando as loitas populares, é posíbel acadar avanzos, mobilizar e organizar máis homes e mulleres sen renunciar ao que pensamos.
Do contrario, caeremos nun círculo vicioso: aprazaremos sine die a realización e mesmo a difusión do noso proxecto político porque “o pobo non está preparado”, mais ao mesmo tempo renunciamos a ser nós quen o “prepare” difundindo e explicando sen complexos cal é o noso proxecto para este país.
A inevitábel xestión do marco existente (con vontade transformadora) e a participación institucional (entendida como subordinada ás loitas sociais e non á inversa) non son para nós incompatíbeis coa defensa do noso horizonte estratéxico, senón necesariamente complementarios deste. Igualmente, as pequenas conquistas e avances do día a día, as loitas cotiás concretas, poden e deben ser ligadas cos nosos obxectivos estratéxicos de transformación social e liberación nacional. Poucos dos problemas que sofren os traballadores e traballadoras, o noso territorio, o noso idioma e cultura, etc. poden ser desligados da realidade de dependencia colonial e dominio do capital que padecemos. Por tanto, combater as causas das inxustizas e propor solucións, indo á raiz dos problemas (ese é o verdadeiro significado da denostada palabra radical) é o xeito de acadar avances na conciencia do pobo e de sumar vontades en favor do nacionalismo.
O noso desexo non debera ser o de conseguir que os non nacionalistas ou a xente de dereitas apoie ao BNG. Os esforzos deberían centrarse en traballar para que haxa cada vez máis nacionalistas e máis conciencia de clase entre o pobo traballador, pois os cambios sociais virán cando a xente acredite neles.
O progresivo alonxamento da política en xeral e do BNG en particular de amplos sectores conscientes e combativos do noso pobo (os movementos sociais en defensa do territorio son un bo exemplo) demostran a necesidade da recomposición dun suxeito político que dinamice e dea corpo a reivindicacións que só poderán ter éxito se son capaces de artellarse en alternativas políticas.
Neste 25 de xullo, podemos reafirmar unha conclusión que cremos compartir coa maioría da base social do nacionalismo: España representa a nosa ruína a todos os niveis, as alternativas de futuro do noso pobo non pasan por ese decadente proxecto imperialista. A nosa aposta, a que pensamos que debe ser a do nacionalismo galego no século XXI, pasa pola ruptura, por comezar a traballar, desde xa, pola construción dunha república galega libre. Un Estado propio como ferramenta imprescindíbel para exercer a nosa plena soberanía.
Os tempos que veñen, cunha forte crise para o capital e o seu modelo de crecemento que van pretender facernos pagar aos traballadores, esixen respostas audaces. Máis aínda nunha nación colonizada como a nosa, que sufrirá con máis dureza e por tanto deberá responder con máis contundencia. Por iso é preciso que o nacionalismo, o único movemento político que pode ofrecer saídas viábeis ao noso pobo, abandeire as propostas de superación do actual modelo económico e do marco estatal que nos impide desenvolvernos como nación libre no mundo. O futuro non pasa por España nin polo capitalismo. Debemos comezar a (re)construir un proxecto revolucionario, nacionalista, para a nosa nación.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986