O nacionalismo como ideoloxía e como actitude conleva crer na capacidade do pobo galego e optar por responsabilizarnos do noso país. É o mellor antídoto contra o proceso de globalización que cria desigualdades e xerarquías. En primeira instancia, é a afirmación e defensa de que existen pobos que non poden ser eliminados ou negados polo Estado excluínte e prepotente onde están inseridos de forma subordinada. Estamos vendo como a política de exclusión e negación se manifesta a través da hostilidade contra un dos elementos chave da posíbel convivencia entre iguais: O recoñecemento de que os pobos teñen dereito ao uso da súa lingua. A negación deste dereito fai inviábel calquer convivencia que mereza tal nome. Só desde unha posición prepotente, imperial, pode facerse tamaña negación. Curiosamente vai acompañada da idea de que no Estado só existe a nación única que se fundamenta nun único idioma ao que se cataloga de común. No paroxismo da prepotencia e a exclusión chegan a afirmar que a asimetría legal existente no tratamento que se lle dá ao castelán fronte ao galego, ao catalán e ao vasco non é inxustiza. Aspiran mesmamente a reducir ou eliminar toda interpretación da legalidade vixente que lexitime a cooficialidade destes idiomas no seu territorio. Están dispostos a convivir co inglés dentro da súa propia sociedade, pero rexeitan calquera proceso de avance dos dereitos lingüísticos de galegos, cataláns e vascos nos territorios que teñen a súa fala como orixinaria. Quen están pola convivencia e pola igualdade?
Loxicamente, a actitude hostil ao pluralismo lingüístico vai acompañada do ataque da idea de que existen nacións diferentes no Estado e que lexitimamente podan aspirar a un autogoberno real. Negan calquera existencia de vontade política que non dimane de institucións estatais e da existencia dun só pobo, o español. No caso de Galiza esta negación adubíase coa suposta incapacidade material, económica, do pobo galego para sustentar calquer autogoberno. Viviriamos grazas á solidariedade de España. Esta ideoloxía abrangue a todos os partidos españois sen excepción. Resulta sintomático que só o BNG teña unha actitude, fundamentada en análises autónomas, non dependentes, claramente contraria á idea de que os fluxos fiscais de Galiza co Estado son positivos para nós. Estamos dando un debate, que comeza a dar os seus froitos paseniñamente, para demostrar que os impostos imputados a Galiza non son os impostos realmente soportados. Respecto do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas, e os seus resultados para o caso galego, temos demostrado, grazas ás agudas e contundentes análises do economista Xosé Díaz Díaz (ver revista "Terra e Tempo" nº 137-140) a falacia de considerar o denominado "Fundo de Suficiencia" unha doazón benévola do Estado para que Galiza poda soportar o gasto das competencias transferidas (especialmente sanidade, educación e benestar social). A partida do Fundo de Suficiencia provén dos nosos impostos. Tomados no seu conxunto, todos os que forman parte da cesta de tributos ao 100%, dan un resultado de -cómo mínimo- 3.000 millóns de euros máis do que o gasto que o sistema posibilita para Galiza. Resulta alarmante que desde institucións pagadas con diñeiro público de Galiza se adique esforzo a consolidar imaxes de ficción, non reais, sobre a verdadeira situación fiscal do noso país. Recentemente, esta confusión e falla de transparencia acadou o cumio coa publicación dunhas denominadas "Balanzas Fiscais" que son todo un galimatías para volver a reincidir que necesitamos do Estado para subsistir. Non debemos mudar nada porque todo iría peor. Non falan da situación económica real. É unha falsa obxectividade técnica (ver "Terra e Tempo" nº 145-146).
Na Galiza temos moita necesidade de acreditar na nosa capacidade, de coñecer a nosa realidade material e de combatir a anulación informativa que se fai da nosa Historia con graves consecuencias para a consciencia colectiva. A tríade de coñecemento e defensa da nosa capacidade e potencialidade económica, de medre da consciencia e práctica e uso da nosa lingua e de información sobre a nosa Historia, configuran un labor específico e xenuíno do nacionalismo e un antídoto básico contra a globalización destrutiva que provén do aparato do Estado, convenientemente acorde cun modelo de Unión Europea que non podemos aceptar. A virtualidade e positividade dunha forza política respecto dun país hai que xulgala pola súa orientación no camiño de desenvolver as potencialidades do seu pobo. Neste obxectivo, fundamental para a conformación dun mundo acordado entre iguais, o nacionalismo galego resulta vital para Galiza e para outro modelo de Estado e de Unión Europea.
Voltar ao Índice