Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

A fronteira esvaecida

Camilo Nogueira. Enxeñeiro Industrial, Economista e Ensaista

Con independencia da posición que se manteña sobre a Unión Europea, dificilmente se poderá negar o carácter positivo do esvaecimento da fronteira do Miño e da Raia Seca, un obstáculo determinante que separou por séculos dúas nacións irmás.
A eliminación da fronteira axudará ao desenvolvimento da consciencia do carácter histórico da nación galega, sen cuxa realidade resulta imposíbel explicar a existencia dos dous Estados peninsulares, e potenciará a formulación de propostas de emancipación e progreso superadoras do campo ideolóxico e material do Estado español e de España como nación única.
Contra a tendencia estratéxica do Estado español a ignorar unha realidade que o perturba, a abertura da fronteira fai subir á tona un territorio conxunto supraestatal que, con 13,4 millóns de habitantes constitui un singular continuo urbano e rural, da Ribadeo a Sagres, tendo unha dimensión demográfica superior tanto á do corredor do Ebro que une o Pais Vasco, Navarra, La Rioja, Aragón e Cataluña, como á do Mediterráneo peninsular, que compreende a Cataluña, o País Valenciano, Murcia e ainda unha parte de Andalucía.
Favorece unha visión alternativa do desenvolvimento económico e social de Galiza frente á estratexia de un Estado español concibido como un país mediterráneo, que concentra en Madrid o poder político e económico.
A relación de Galiza con Portugal ten xa máis importancia que mantén con calquer outro territorio da Península. De facto, Galiza é a primeira Comunidade Autónoma en volume de importacións e exportacións con Portugal, por riba de Cataluña ou Madrid. As economías galega e portuguesa procuran unha complementariedade que incorpora unha densa rede de relacións interindustriais, indo para alén dun simples alargamento do mercado de consumo interno.
Traballadores portugueses e empresas residenciadas alén Miño son crecentemente contratados en Galiza. Centos de médicos e titulados de enfermaría cumpren na sanidade de Portugal unha función relevante. Existe o propósito de facer un uso partillado dos hospitais, resaltando a atración que exerce Vigo sobre a rexión portuguesa próxima.
Estas realidades vense acompañadas por fenómenos anovadores como a función interterritorial dos aeroportos de Vigo e Porto ou a relación entre as universidades de ambos paises, entanto que se configura un principio de institucionalización da euro-rexión mediante as relacións entre o Governo Galego e a Administración do Estado portugués, através da Comissão de Coordinação e Desenvolvimento Regional do Norte, e do Eixo Atlántico que agrupa os Governos de 19 cidades dos dous territorios (Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Mon­forte de Lemos, Ourense, Verín, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo, Bragança, Chaves, Vila Real, Braga, Guimarães, Viana do Castelo, Peso da Régua, Porto e Vilanova de Gaia),
As posibilidades do traballo en común poden resultar especialmente acrecentadas se as dúas nacións se recoñecen como un territorio linguístico e cultural común, tendo un valor especial o recoñecimento prático do galego e do portugués como línguas de relación empresarial, como un vínculo humano e persoal que potencie as relacións económicas nun clima de particular entendimento. Constituiría un desatino extravagante e unha inculta anomalía que despois do reencontro, a relación económica entre Galiza e Portugal non se fixer na língua común.
Malia prexuizos ideolóxicos e atrancos materiais doutra época, a desaparición da fronteira materializará a Galiza e Portugal como un espazo institucional, económico e cultural europeu non subordinada ao español. Forma parte dun entendimento global cos Estados de lingua galego-portuguesa que completará a dimensión de Galiza como nación.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986