Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

Patria e vida

Francisco Carballo. Historiador



O senso de “pertenza” é antigo, é humano. O habitantes do Noroeste fisterrán, dito hoxe Galiza, levan séculos afirmando a súa perteza “galaica”.
Nos séculos das monarquías absolutas- XVI a XVIII-, apoderáronse da soberanía de Galiza a raiña Sabela, os Habsburgos e os Borbóns. Facíanse representar por un Gobernador xeral e ofrecían ao Após­tol unha simbólica lealdade en Compostela. Mais os galegos reivindicaban o seu reino e entidade nunha ofrenda en Lugo ao son do Himno do antigo Reino da Galiza.
No 1916 os galegos -os bos e xenerosos- os da Irmandades da Fala atoparon en Bonabal -Compostela- sitio e hora de sentirse ceibes o mesmo día do Apóstol que acabou sendo o Dia da Patria. A praza da Quintana –entre a catedral e San Paio- é desde aquela o espazo da nación que se declara Galiza ceibe. Garda os ecos das voces de Castelao, de Bóveda, de Beiras, de A. Quintana e os nosos. No 1981 quixeron impedirnos a entrada nese lugar simbólico. Mais perderon. É o noso foro.
Pertencer a un colectivo é tan vital como sermos persoas libres e autónomas. Acada madurece humana quen se sinte parte da humanidade, quen se relaciona cos próximos e con lonxanos, ese tal é universal, cosmopolita, humano. Feixóo é o escritor ilustrado maís universal, asinaba: B.X. Feixóo e Montenedro, monxe de Samos , do Reino de Galicia, a miña patria. M. Sarmiento sempre se sentíu de Pontevedra e do reino de Galiza.
Sermos libres e acadarmos paz interior e ledicia, eis o senso humano de felicidade. Para iso necesitamos poros abertos á circunstancia espacial, cultural, lingüistica... Só somos universais cado somos persoas con capacidade de dar e recibir, de amar e sermos amados. A patria significa a relación de cada quen co entorno, e desde el co planeta e a inmensa galaxia que fai posíbel vivir e espera sobrevivir.
Irmos a Santiago de Galiza o 25 de xullo, irmos cantando e falando a lingua universal que é a galega, irmos coa paz e a garantía da fraternidade, iso é vivir, superarse e medrar. E sempre así. Indo ou ollando e sentindose irmáns dos que van.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986