O 25 de xullo é data importante para os que sentimos e sabémonos dunha realidade común que identifica. Cunha lingua expresa, cun espazo de pertenza e entidade que nos remite á orixe e nos fai sentir parte dun todo que nos enche de orgullo, desde o amor, a lembranza, os usos, os recendos, as festas, as cores, os sentimentos, a paisaxe. Trátase do Día da Patria. Si, da Patria. Á Nosa, cal senón? Coa verba en pé de luz. Sen eufemismos degradantes que destrúan o sentido de canto evocamos e aos que nos teñen afeitos os medios da corrupción informativa cos que colaboran personaxes que ocupan cotas de pantalla onde institucionalizan o seu protagonismo. Cantos nos veñen á memoria, verdade? Teñen a verba presta a rodear, a perturbar e desequilibrar. Para arrastrarse e sacar proveito, confundir. Empregan termos neutros, divagacións sobradas, acentos finxidos, voces brandas, ambivalencias bífidas e viperinas dobreces que non dan razón mais envelenan, chegando ao descrédito e mesmo ás advertencias falsas e ameazas. Así calan o recoñecemento á Patria, á Nosa, por suposto, cal senón?, …á Galega!
Sabemos ben deses crápulas. Empregan dúas habelencias moi sabidas. Unha, a dos silencios. Sibilinos, enigmáticos, herméticos, perversos e misteriosos, gárdanse no faiado da conciencia e co tempo enchen de mofo, chegan mesmo a podreceren nas sombras. Un día, a mesma luz será quen os delate. Eses renegados non quixeron dar voz á dor dos doídos e pensaban que o tempo curaría o que o tempo xa non poderá curar.
A outra habilidade é das afrontas. Notorias e evidentes malas maneiras con falta de verdade, de rigor e de educación. Están á orde do día: temos que pedir permiso para falar a nosa Lingua -na nosa propia casa! Temos que pedir permiso para sermos nós, temos que pedir permiso para pedir permiso, para lembrar, para pensar e recuperar a historia e con ela a nosa dignidade tantas veces negada, …así estamos! Mentres inventan manifestos de diagnose lingüística, común e separadora, amosando a imaxe reducionista e cutre de sempre, …moi hábiles. Pero aínda hai algo máis grave e urxente: saber onde deixamos perdida a nosa vontade de ser. Detrás de silencios, do desprezo, das mentiras, dos tantos traidores, das malévolas prácticas aínda secundadas hoxe pola ignorancia e a ruindade. Con esa vontade de ser, consciencia de Patria, estarían no seu sitio mesmo os que se senten agredidos e agreden, …e levan tanto tempo agredindo.
Por iso temos que celebrar a Patria. A reivindicación de nós, do amor a nós e ao noso para sermos e para, tamén, facérmonos respectar e contestarlles un día e outro día, todos os días do ano, como todos os días da vida. Terá que ser un día máis e todos os días máis, que acendan de novo as ansias, ata que sexamos nós e sendo nós, donos do noso!
Ese día poderemos deixar de celebrar a Patria e celebrarnos nós. Deixaremos de ser carne e ósos para sermos persoas, xente sen máis para sermos pobo, terra e po para sermos Patria. Con vontade e a obriga á matriz común e feminina, Matria poderosa dos afectos. Procesaremos o primeiro amor, o amor propio, para desde esa autoestima xenerosa acadar canto nos pete e co selo singular desa existencia plena na nosa natureza madurada.
Voltar ao Índice