Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

A festa de todos

Ceferino Díaz. Deputado do PSdeG-PSOE



Escribir sobre a festa do 25 de xullo faime volver atrás, repensar a historia e lembrar o nacemento desa celebración como o Día de Galicia ou a Festa de Todos.
Todo comeza en 1920, cando as Irmandades da Fala organizaron o primeiro Día de Galicia coincidindo coa festividade do 25 de Xullo. O que Castelao definiría en Alba de Gloria como Festa de Todos os Galegos -con variantes na súa celebración dados os avatares políticos da nosa Historia ate hoxe-, é un día de afirmación galega para galeguistas e nacionalistas, e a festa de Galicia para o común da poboación.
A ditadura de Primo de Rivera primeiro e a longa noite do franquismo despois puxeron todos os impedimentos, cando non prohibicións, das exaltacións galeguistas do 25 de xullo. Así non é de estrañar que durante moitos anos a Misa por Rosalía do amencer desa data en San Domingos de Bonaval fose o único acto de afirmación galega.
O Dia de Galicia foi durante moito tempo unha celebración apartidaria, de afirmación galeguista. A entrada en escena do nacionalismo marxista racha esta dinámica, e nos primeiros anos da transición á democracia as organizacións que se moven arredor da UPG comezan a celebrar o Día da Patria Galega, con concentracións ou manifestacións reivindicativas en Compostela. Unha tradición que chega até hoxe xa da man do BNG.
Por outra parte, recollendo a tradición do Día de Galicia das Irmandades da Fala, a primeira Xunta Preautonómicade Antonio Rosón institucionaliza o 25 de xullo como Día Nacional de Galicia, concentrando nesa data unha serie de actos institucionais entre os que destaca a entrega das Medallas de Galicia a persoas ou institucións que fixeron algo destacado polo País. Non sempre acertaron, ao meu parecer. Mais este ano recoñécese un proxecto cultural fundamental para a recuperación da nosa memoria e afirmación da nosa identidade como é o da editorial Galaxia.
Un é dos que se suma a ver no 25 de xullo a Festa de Galicia, a festa de todos. Un día para lembrar criticamente o camiño percorrido, cavilar no que queda por facer para mellorar o benestar dos homes e mulleres que viven na nosa Terra e disfrutar dos logros acadados, que son moitos.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986