Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

Pola reformulación da esquerda nacionalista

Mariano Abalo. Portavoz nacional da fpg

Calquera Día da Patria invita á reflexión do movemento nacionalista. Observamos que a liña oficial do BNG quere afondar nas políticas máis dereitistas como a privatización ou a oferta da especulación eólica. Pero non é a FPG a única que se dá conta desta situación. As voces críticas nacen no seo do unionismo, no que cada día é máis difícil convivir.
Fixemos unha travesía polo deserto que non foi inútil porque a nosa mensaxe é necesaria. Precisamos xuntar as forzas da esquerda para poder artellar o movemento social que cambie a táctica pesebrista e enfermiza do bipartito. Non renunciamos a esa loita.
Para iso precisamos que se avance na reformulación da esquerda nacionalista, na que reclamamos e traballamos. Precisamos de novos axentes políticos e sociais que renoven o campo independentista para afianzar unha alternativa real. As medidas laborais europeas (65 h. laborables ou os recortes de dereitos aos inmigrantes), a agudización da crise económica (visualizada na caída de Fadesa), a escandalosa carestía que afecta sempre ao pobo traballador… Son razóns que impiden mirar para outro lado aos sectores máis comprometidos coa nosa nación.
Neste 25 de xullo a FPG cre urxente a reformulación do nacionalismo galego de esquerdas que permita a creación dunha nova ferramenta que lle sexa útil ao noso pobo. Se temos responsabilidade e somo honestos, chegaremos a bo porto. Non podemos adiar esta tarefa. Esíxeo a liberación nacional e social de Galicia.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986