Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

25 de xullo: patria dos traballadores

Manuel Anxo Camaño. Secretario Xeral da cut

Estamos as portas do 25 de Xullo, Día da Patria dos galeg@s. Os traballador@s de Galicia temos moito que dicir cando se achega esta data, e sobre todo os que, partindo da nosa condición de clase explotada, sentimos o noso horizonte liberador no indisoluble binomio de liberdade nacional e liberdade de clase. Ese é o principal obxectivo programático da CUT.
Á máxima reaccionaria de que a política é para os políticos, os que aínda cremos nunha sociedade sen clases, onde os dereitos humanos prevalezan sobre os “dereitos individuais”, respondemos que a política é unha obriga de tod@s, e nomeadamente debe de selo para os traballador@s e sectores populares. Se esto non é así, unha minoría da sociedade (a burguesía) seguirán sendo donos da política e tamén das nosas vidas. A nosa loita diaria non debe permitilo.
En nome da palabra “Patria” téñense lexitimado as maiores aberracións e monstruosidades na historia. Patrias fabricadas a medida dos intereses da clase dominante, patrias que encheron as cunetas e montes de asesinad@s, patrias reaccionarias que hoxe son vendidas sen rubor ó mandado superior das transnacionais.
De que Patria falamos entón? Nós, os traballadores e as traballadoras galegas, temos unha Patria berce da nosa naturalidade nacional e do noso idioma perseguido e desprezado por ser “lingua de pobres e de escravos”. Somos pois perseguidos pola nosa condición de clase e por falar a lingua que ela conservou; este é o principal motivo para que nós demandemos e loitemos por unha patria de traballadores e traballadoras, onde o poder sexa popular e onde a solidariedade e a humanidade sexan premisas para sermos galegos e galegas de ben. A nosa obriga de clase é construir unha Patria na que calquera traballador, veña de onde veña, se sinta dono da súa vida e da súa forza de traballo. Os traballadores e traballadoras temos que, coa nosa presenza e exemplo diario, poñer a semente dunha patria construída sobre os valores universais e solidarios do internacionalismo proletario; cada un de nós ten unha responsabilidade histórica á hora de levantar un futuro para todos os galegos e galegas. Non queremos patrias e bandeiras que se prostitúan ao capital e fagan de mercenarias ou verdugos. Denantes apátridas que miserábeis opresores.
Este próximo 25 de Xullo do ano 2008, os traballador@s de Galicia, lonxe moi lonxe de acadar as conquistas obreiras ás que estamos chamados, vemos como, día a día, estanse a recortar os nosos dereitos. O inimigo de clase é máis dono dos nosos destinos, cada día os pobres somos máis pobres e os ricos, cada día, máis ricos.
Os traballador@s de Galicia temos o deber ineludible da participación política alternativa; temos o deber de combater en cada centro de traballo, en cada asemblea, o fraude do politiqueo profesional perfectamente instalado na vida pública e nas institucións, e que cada vez está máis lonxe de representar os intereses populares. Desde o sindicalismo galego, de clase, asembleario e combativo tamén temos o noso espacio socio-político para, a través del, organizarnos e combatir as políticas do réxime que nos afogan como nación e como clase. A patria constrúese en cada palabra e en cada acto de dignidade e defensa dos nosos intereses de clase, o demais son estéticas burguesas.

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986