Actualizado 09:26
20 de novembro

Día da Patria 08

Día da Patria Galega-2008

SUSO SEIXO. Secretario Xeral da CIG

Afrontamos a celebración do Día da Patria Galega deste ano en plena euforia de patriotismo español ao abeiro do triunfo da selección española de futbol (La “Roja”?). Estaban necesitados os defensores da unidade da patria española, de dereitas e de esquerdas, PP ou PSOE, dun evento da “transcendencia social” como é un campionato de futbol para encirrar a imperialista idea dunha España uniforme,
patria común e indivisíbel de todos os españois, para defenderse ante tanto ataque proveniente do nacionalismo galego, vasco ou catalán, cando reivindicamos o carácter plurinacional do Estado español e en consecuencia o respecto aos dereitos das nacións que o integran, entre eles o dereito democrático de poder decidir por nós mesmos, o dereito de autodeterminación.
Necesitaban pois os zapatero, os pepe blanco, os rajoy, os aznar, os josé luis méndez, os roberto blanco valdés, os feijoo, os touriño, os rouco varela, os botín, os entrecanales, os garzón, etc., etc., dar rédea solta ao seu atormentado orgullo patrio, manipular paixóns, propagar a toda “España” o fundamentalista chauvinismo español, unir baixo a mesma bandeira, a mesma que durante tantos anos utilizou a ditadura franquista para reprimir calquera manifestación de ansias de liberdade, a millares de reaccionarios españois, colonizados e acomplexados galegos, oportunistas, estómagos agradecidos e a moitos millares de ben intencionados cidadáns de todo o Estado descoñecedores da utilización política de que estaban a ser obxecto.
A idea coa que se promove toda esta campaña en defensa “del orgullo de ser españoles”, con calculada cobertura mediática, é a mesma coa que se fomenta o bipartidismo en plenos procesos electorais e busca o mesmo obxectivo, restarlle base social a toda opción política ou movemento social que poña en cuestión o modelo centralista e opresor do Estado español . Os poderes económicos, os poderes fácticos, que controlan e utilizan o aparello do Estado en beneficio propio, non poden consentir que medren, que teñen base social, as ideas que defenden o carácter plurinacional e outra forma xurídico-política de organización do Estado, e nesa guerra, a que manteñen
dende sempre os poderes españois, baixo formas de goberno de ditadura militar ou de monarquía parlamentar, vale todo incluído a utilización do triunfo dunha selección de futbol. E se de paso poden tirar proveito da euforia da xente e evitar que paren a pensar do por que da crise económica que estamos a vivir e quen son os verdadeiros responsábeis da mesma, pois moito mellor, matan dous paxaros dun tiro.
Os nacionalistas, os/as patriotas galegos/as que nos sentimos orgullosos de selo, sen complexos, sen entreguismos interesados ao poder estabelecido, imos celebrar como sempre o Día da Patria Galega deste ano, reivindicando, ademais do orgullo de sermos galegos e galegas, o dereito a falar na nosa lingua, a coñecer e respectar a nosa cultura e a nosa historia, a defender o noso ecosistema, a crecer e traballar na nosa terra, a decidir por nós mesmos o que facer cos nosos recursos naturais, cos nosos salarios, coas nosas pensións, coas nosas vivendas, sobre que modelo socioeconómico queremos para o noso país, en definitiva reivindicar o noso dereito a gobernarnos por nós mesmos, a termos soberanía política plena.
Os galegas e galegas somos só iso, galegos e galegas, non reivindicamos nin precisamos de dobre nacionalidade, polo tanto non temos porque aceptar que nos quiten a que por natureza nos pertence e nos impoñan outra. O noso é un nacionalismo liberador, sen afáns expansionistas, respectuoso coas diferenzas e os dereitos das nacións que integran o Estado español e as do resto do mundo. Os/as nacionalistas galegos/as temos un ideario e unha visión do Estado que é antitética á do nacionalismo –imperialismo– español, de corte claramente expansionista e opresor. Somos pois nacionalistas non por vocación senón por obrigación, pola necesidade de defender os nosos dereitos como pobo fronte a un poder central español que leva séculos negándonolos e impedíndonos o noso pleno e libre desenvolvemento como nación a nivel económico, social, cultural e político.
Participemos pois nos actos de celebración deste 25 de Xullo con naturalidade, sen resentimento, pero si coa firme convición de que os nosos dereitos como pobo imos ter que conquistalos a base de unión, presión, organización e mobilización, pois non nos van vir cedidos por propia iniciativa e sen resistencia por parte do Goberno español do momento, sexa da man do PP ou PSOE, tanto monta...

Voltar ao Índice

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986