O 25 de xullo celebramos o ser e sentírmonos galegos e pertencer a esta realidade viva que é Galicia. Celebramos, polo tanto, o feito de formar parte do mundo como ser colectivo, como comunidade, como pobo.
Este ano, sen embargo, a alegría desta celebración vese ensombrecida polas dificultades económicas que Galicia, como o resto do Estado, está a atravesar.
Unhas dificultades que teñen a súa orixe en aspectos como a suba dos prezos do petróleo ou dos alimentos e pola crise do sector da construción, que están a sementar a incerteza a moitos fogares.
Con todo, como presidente da Xunta, quero trasladarlles que se trata dunha situación transitoria e que nos vindeiros meses imos poder comprobar como a nosa comunidade sae reforzada desta situación, cunha economía máis sólida e máis competitiva.
Os poderes públicos estamos actuando para gañar tempo ao tempo e superar canto antes esta situación. Tanto desde o Goberno de Galicia, como de España, estamos a poñer en marcha as medidas ao noso alcance para facerlle fronte á crise e paliar os seus efectos sobre os cidadáns, especialmente sobre aqueles que menos teñen, garantizando as prestacións e os dereitos sociais nos que tanto temos avanzado nestes últimos anos.
O Goberno da Xunta de Galicia, xa en xaneiro, puxo en marcha un plan de dinamización da obra pública por importe de máis de 1.500 millóns de euros para axilizar a licitación especialmente de estradas, vivenda, solo industrial e infraestrutura hidráulica para dar un novo pulo á construción. Adoptamos o compromiso de mobilizar medio millón de metros cadrados de solo urbanizado para pór en marcha 4.000 vivendas de promoción pública e asinamos un acordo co Instituto de Crédito Oficial por 475 millóns de euros para achegar préstamos a pequenas e medianas empresas a tipos de interese baixos.
Creo sinceramente que Galicia ten unha oportunidade única para dar o salto de modernidade e benestar que necesita. Nestes últimos tres anos, Galicia modernizou e fortaleceu notablemente o seu tecido económico e as súas capacidades competitivas. Boa mostra desta afirmación é o feito de que liderásemos o crecemento económico e a creación de emprego no Estado e incrementásemos a velocidade de converxencia con España e Europa, superando atrancos históricos.
E iso foi posible grazas ao proceso de diálogo social posto en marcha polo Goberno galego con empresarios e sindicatos, que puxo de manifesto que co compromiso, a unidade e o esforzo compartidos Galicia pode acadar os seus obxectivos de progreso e benestar colectivos. Así se referendou en recentes datas coa sinatura do Acordo pola Competitividade entre goberno e organizacións empresariais e sindicais. Un acordo que marca o camiño a seguir para lograr un novo modelo produtivo, sustentable, baseado na innovación tecnolóxica, a investigación e o coñecemento.
Ese é o camiño que iniciou o Goberno galego hai tres anos, e que ten na aposta pola calidade, a competitividade, a excelencia e a sustentabilidade as súas marcas de identidade. As mesmas da Galicia do futuro.
Voltar ao Índice