‘O BNG puxo a Galiza no mapa político do Estado’

Pausado, como acostumbra a falar, agás cando están en campaña electoral, recibiu a a peneira e durante a entrevista debullou unha serie de cuestións que lle presentamos. Vese tranquilo; confiado nun futuro próspero politicamente, aínda que preocupado polo que lle poida pasar ós cidadáns galegos nestes momentos de crise. Aínda non pensa nun sorprasso ós socialistas pero fala de liderar o goberno galego para aplicar o seu programa. Entende que os populares teñen que clarexar as súas ideas para poder chegar a acordos con eles. Di non estar en campaña porque aínda queda moito programa de goberno para cumplimentar.



Anxo Quintana

Guillermo Rodríguez

Logo de tres anos de goberno, que queda daquel Anxo Quintana alcalde de Allariz?

Todo: as mesmas ideas e a mesma ilusión, cun pouquiño máis de experiencia e con bastante máis de paciencia.

Quintana leva tempo pelexando para que a Galiza se lle recoñeza, nas súas relacións co Estado, un status de igualdade a Euskadi e Cataluña. Que puntuación daría ao conseguido ata hoxe?

Creo que temos aprobado a proba porque temos colocado a Galiza no mapa político do Estado; temos rematado en parte coa invisibilidade de Galiza na política estatal; temos iniciado un proceso de educar a Madrid para que Galiza sexa respectada; pero aínda queda moitísimo traballo por facer e este é un aspecto no que non nos conformamos co aprobado, aspiramos ao notable ou ao sobresaínte.

Veñen de publicarse as balanzas fiscais das autonomías. Nelas Galiza aparece como debedora; pero vostede opina que Galiza é rica; ¿pode explicar a súa teoría?

Galiza é un país rico na medida en que é un país con posibilidades; é un país potencialmente rico. Pero é un país con problemas derivados dunha política estatal e europea que impediu o noso desenvolvemento; dunha política autonómica anterior a este goberno que nunca puxo en valor as capacidades de autogoberno no noso país. As balanzas fiscais son un traxe á medida de quen o encarga para tentar ratificar a idea de Galiza como un país pobre que precisa vivir da caridade do Estado. Isto diferénciase moito da nosa realidade como país e da nosa realidade fiscal e, sobre todo, da nosa realidade en canto ao que aportamos ao Estado e o que Estado nos da a nós. As balanzas fiscais presentadas encubren falsedades que fan do seu resultado final unha mentira; entre outras cousas imputan a Galiza os ingresos reais que Galiza lle fai ao Estado todos os anos; hai impostos de empresas galegas que non se lle computan a Galiza senón a Madrid, e ademais desto no capítulo de traspasos do Estado a Galiza, apúntanse como tales cuestións que os galegos non ven nunca, como é o mantemento de ministerios radicados en Madrid ou construción de infraestruturas como o aeroporto de Barajas, que por moito que digan que é de todos os españois, os galegos non o utilizan a diario.

Dende unha consellería do psoe veñen poñéndolle paus nas rodas do carro nacionalista. Concretamente nos casos de ence e do concurso de novos parques eólicos. ¿Cómo interpreta estes feitos dende a Vicepresidencia?

Dende logo nos os interpreto como paus nas rodas, aquí cada departamento do goberno ten que cumprir a súa función e toda xeración complementaria de unha acción de goberno única. No caso dos eólicos e de ence a nosa pretensión é clara, é conseguir que a explotación enerxética en Galiza por primeira vez renda beneficios para os galegos e galegas e buscariamos que algún deses beneficios significara o traslado de ence da Ría de Pontevedra que é un desexo histórico dos cidadáns daquela cidade e de toda Galiza. Esa é a nosa determinación e estou seguro de que o vamos a conseguir. E dende logo non imaxino a ninguén dentro nin fóra do goberno tentando pór paus na roda nun proxecto deste estilo, sería dificilmente explicable.

Que é o que lle resulta máis difícil de compaxinar entre a cohabitación co psoe no goberno e a consolidación do proxecto nacionalista?

Non me resulta difícil compatibilizar unha situación que é a que os cidadáns galegos quixeron: que houbera un goberno plural. E o bng o que fai é responder a ese mandato dos cidadáns. Temos un goberno de coalición no que o bng está en minoría; por outra parte o goberno galego ten unhas competencias e unhas capacidades de financiación moi limitadas, polo tanto, construír o proxecto político do bng dende o goberno é posible pero levará tempo, e con esa paciencia, que pode ser revolucionaria traballamos todos os días.

Califique de 0 a 10 o apoio da prensa que se fai en Galiza ó proxecto do bng.

Eu diría que é incalificable pero non en termos pexorativos, eu creo que a prensa galega non ten que ter como obxectivo apoiar o proxecto político do bng nin ningún outro. O que espero dos medios de comunicación é que fagan unha interpretación da realidade do mundo dende Galiza, que teñan unha perspectiva de país no tratamento dos problemas e que a súa independencia só teña un límite: o compromiso con Galiza. Se así o fan a min me valerá aínda que non coincidan coas ideas e coas propostas do bng.

Sería partidario de que houbera xornais galegos, en galego e defendendo esta País como parte dun Estado plurinacional?

Creo que é fundamentalque a idea de país, da defensa da nosa identidade, se estenda a todos os ámbitos da vida social, política e económica de Galiza. E creo que é moi importante que existan medios de comunicación en galego. Son vehículos fundamentais para a normalización do uso do noso idioma, e o panorama a este respecto é desolador, resulta incríble que hoxe haxa cidadáns que poñan en marcha manifestos preocupándose pola situación do castelán cando resulta tan difícil en Galiza, entre outras cousas, ver un xornal que non sexa en castelán, ou que haxa emisoras de televisión que están a adherirse a ese manifesto cando o 99,9 % da súa programación é en español e non en galego. É unha realidade que tamén a nós nos toca cambiar, dende o goberno e dende a sociedade.

Falando de medios, como está a situación coa tvg? Conselleiros que non entran, o director que non se cambia... Cal vai ser a solución a este problema?

Hai un compromiso do goberno para levar ao parlamento un novo proxecto de lei de modificación da lei que regula a compañía de rtvg para asegurar a súa pluralidade, a súa independencia e preparala tamén para os novos retos da comunicación do século XXI; eu espero que sexa un dos compromisos que cumpramos antes de que remate a lexislatura.

Cre que os galegos están ben informados do traballo das consellerías do bng?

Do que estou seguro é de que facemos esforzos moi grandes para que os cidadáns estean enterados do que estamos a desenvolver no goberno, porque é unha obriga democrática e de transparencia que temos; penso que hoxe a cidadanía galega valora positivamente a acción do bng no goberno. Sei que hai moitos cidadáns que descubriron un novo bng, que en realidade é o de sempre; moitos cidadáns non nos coñecían, o que coñecían era a caricatura distorsionada que os nosos adversarios políticos moitas veces facían de nós. Dende a nosa estancia no goberno e a nosa opción de goberno creo que hai moitos máis cidadáns que coñecen o bng de cerca e que valoran positivamente o que facemos, cos nosos defectos e cos nosos erros.

Hai quen opina que ao bng lle interesaría máis gobernar co pp que co psoe. Pensa que esta opción podería darse no futuro?

Ao bng o que máis lle interesaría sería gobernar só. Nós temos un proxecto político creado para liderar a sociedade e para gobernar dende o noso propio proxecto; para iso traballamos todos os días. O que pasa é que mentres a sociedade galega considere que ninguén ten que ter maiorías absolutas, a obriga de todas as forzas políticas é tentar chegar a acordos para conformar gobernos maioritarios estables, en base a programas practicables. E de momento, iso en Galiza puidémolo facer co psoe. Temos moitas diferencias co psoe, somos dous proxectos políticos diferentes, pero os dous tivemos a capacidade de dialogar e chegar a acordos. De momento co pp non é posible; ata agora nin dialogar quería. Parece ser que están cambiando as cousas nese partido. Se é así; se se convencen de que non teñen a razón absoluta e de que é necesario dialogar e chegar a acordos, pois benvido sexa; o bng estará moi atento ao que teñan que dicir.

Segundo parece as eleccións autonómicas xa escomenzaron. Non sería convinte que entre os partidos do poder existira un certo faire plait?

Espero que as eleccións autonómicas non escomenzaran, porque aínda queda moita lexislatura e queda moito que gobernar. Ante unha situación de crise económica como a que estamos vivindo os cidadáns o que esperan de nós é que gobernemos; non que nos dediquemos a facer campaña electoral con un ano de antelación. Polo tanto, eu ao que me vou a dedicar é a gobernar, a propór medidas, a intentar construír consensos e alianzas na sociedade galega entre o goberno e os axentes sociais para poder enfrontar a crise económica con garantías de éxito. Esa é a miña intención e en eso estarán centrados os meus esforzos.

Estamos ás portas do 25 de xullo, día que os nacionalistas identifican como o Día da Patria Galega. Cal vai ser a mensaxe que vai transmitir ós galegos?

Vou intentar transmitir unha mensaxe de confianza e de ilusión. Estamos nun momento difícil, de crise económica, pero neste momento máis ca nunca os galegos temos que estar unidos e o goberno ten que construír alianzas coa sociedade civil para enfrontar a crise e utilizar todos os recursos da autonomía para conseguir que os cidadáns padezan as menores consecuencias posibles. Creo que é o momento tamén para dicir que hoxe máis ca nunca é necesario o autogoberno: canto máis autogoberno teñamos en Galiza, máis posibilidades de benestar van a ter os cidadáns e máis recursos contra a crise imos a ter. Polo tanto, hoxe, a reivindicación de máis autogoberno é fundamental; entre outras cousas porque delegar en Madrid nestes momentos é unha auténtica irresponsabilidade.

Galeuzca parécese algo ao Guadiana: un pouco aparece, logo volta a non saberse moito dela. Qué é realmente Galeuzca e cal debe ser o seu papel nestes momentos de movementos cara a opcións políticas cada vez máis centralistas?

Pode ser que Galeuzca apareza e desapareza, pero as veces que aparece notase; senón que lle pregunten a Zapatero como nas últimas votacións do congreso dos deputados, precisamente, como se notou esa capacidade do bng e das forzas de Galeuzca para construír maiorías que teñen significado derrotas para o goberno. Estou seguro de que o señor Zapatero estará pensándoo dúas veces. Preferiu que que o bng estivera na oposición; nós pensabamos que para Galiza e para a estabilidade política no Estado era mellor un acordo co psoe en Madrid; eles non o quixeron así; estou convencido que a día de hoxe ten sobrados motivos para pensar que se equivocou. O bng o que está a demostrar en Galeuzca actuando con outras forzas políticas políticas nacionalistas, é o noso labor en Galiza e o noso labor en Madrid, así como unha enorme capacidade para crear consensos e alianzas. Creo que ese é un valor político moi importante para o bng.

Considera posible chegar a ver un psdeg semellante ó psc?

Considéroo tan posible como que Galiza se pareza a Cataluña, que se parece tanto como un ovo a unha castaña; polo tanto creo que non está no horizonte... As forzas políticas nunca son producto do voluntarismo de tres ou catro persoas; son o produto do esforzo colectivo e obedecen a unha realidade social. Cataluña ten a súa propia realidade social e Galiza ten a súa diferente; por iso o psoe en Cataluña é diferente ao de Galiza e o nacionalismo catalán diferente ao galego.

Faga un vaticinio dos deputados terá o bng na próxima lexislatura.

O que estou seguro é que vai a ter bastantes máis dos que ten agora. Nós aspiramos a que eso sirva para liderar o goberno e poder executar a maior parte do noso proxecto político.

Está na mente do bng superar en votos o psdeg?

Dende logo esa non é a miña obsesión; o meu interese é gañar as eleccións. O bng cando se presenta as eleccións é para gañalas; en calquera caso saberemos administrar a representación que os cidadáns galegos non dean.

 

Voltar ao Índice

 

 

Galiza é un país rico na medida en que é un país con posibilidades; é un país potencialmente rico

Construír o proxecto político do BNG dende o goberno é posible pero levará tempo, e con esa paciencia, que pode ser revolucionaria traballamos todos os días

Anxo Quintana, lider do BNG e vicepresidente do goberno galego