Actualizado ás 10:40
09 de maio do 2008

 

Os meus días da Patria
*Por Carlos Méixome


Miña nai, labrega da cerna do país transmutada en vilega, contra a súa vontade, polo Plan de Estabilización franquista e o espectacular crecemento económico mundial que seguiu á Segunda Grande Guerra, lembraba que a primeira vez que saíu da casa (institución que estudou Lisón Tolosana e non mero edificio) foi para ir a Compostela, o día de Santiago. Recorda viaxar na compaña dos seus irmáns maiores e do meu avó. Rememora, mais non atopa entre as imaxes, acariñadas durante décadas, recordo algún da catedral, nin do botafumeiro, nin sequera da praza do Obradoiro. Describe, pola contra, con viveza a carballeira de Santa Susana, a sorte do paxariño, a ferradura da Alameda, as garapiñadas, a estatua de Rosalía, o palco da música e a ringleira de fotógrafos que retrataban aos namorados no medio dun corazón bordeado de barrocas grilandas.

Miña nai non é quen de dicir o ano. Fago contas e albisco que debeu ser en 1934, ou quizais en 1935. En calquera caso nun dos poucos anos da República. Dígoo porque ela era moi cativa e o avó, amigo e admirador de Manuel Ferreiro Panadeiro(o dirixente de Izquierda Republicana, de tendencia galeguista, que foi alcalde de Lalín e asasinaron o 27 de xullo de 1936) non volveu saír da aldea a non ser polas festas das parroquias veciñas, para acudir, moi de cando en vez, á feira de Lalín ou nunha ocasión na que nos veu visitar. Tres lustros antes, en 1920, as Irmandades da Fala celebraran por primeira vez o Día de Galicia.

O meu primeiro día da patria foi o de 1975. Levaba dous anos en Compostela como estudante pero nunca acudira á Festa Maior de Galicia como gustaba dicir Otero. Aquel ano, e moitos máis despois, para nós non sería unha xornada de lecer senón de zoupadas. Acudiramos uns cantos mozos amigos, algúns case nenos, ao chamado da Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG) para concentarnos en Santo Domingo de Bonaval, ás seis da tarde, ao remate da misa a Rosalía. As diversas castes de policías tiñan controlados os accesos á cidade e as rúas próximas a Bonaval. Houbo detidos e pancadas abundantes. O réxime de Franco quería morrer matando. Uns días despois foron detidos varios militantes nacionalistas, outros tiveron que fuxir e un deles, Moncho Reboiras, morreu polos disparos da policía. En setembro, os cinco últimos fusilamentos. En novembro, Franco deixábanos en paz.

Para nós as celebracións nacionalistas ou galeguistas anteriores formaban parte do mito. Oíase falar das reunións dos "galaxios" na casa de Sabell, da pancarta pendurada na Alameda, ou de cando -dicían que fora o meu admirado Bautista Álvarez- berraran ¡Viva Galicia Ceibe! e prenderan a Xaime Illa Couto. Ocupados nas nosas arriscadas aventuras nocturnas inzando as paredes do país de pintadas e nos tensos debates cos outros grupos antifranquistas tiñamos a sensación de estar creando algo novo na nosa orfandade da memoria.

Vistas desde a distancia as tirapuxas nominalistas coas organizacións políticas que empregaban a expresión Día Nacional de Galicia parecen inútiles mais no momento serviron para identificar as mensaxes, aglutinar mozos e conformar un nacionalismo de base popular. Esa tensión cos demais grupos da esquerda e mesmo nacionalistas predominou na acción política do ano seguinte e tivo a súa expresión na manifestación do día da patria que comezou na Ferradura convocada polo Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG). Aquel foi a primeira campaña de propaganda centrada na celebración do 25 de xullo e tamén de organización do transporte en autobuses, tarefas que ocupaban a moitas persoas, e que nos anos seguintes acadarían a dimensión case dunha campaña electoral. Volveron as pancadas cando fomos apupar ao Borbón restaurado sen respectar a lexitimidade dinástica que os vencedores de Napoleón puxeran no frontispicio do súa xuntanza vienesa en 1815. Franco saltara por riba dela e mira ti que a min impórtacheme ben.

A cousa ía camiño de festa, mesmo procurando unha replica de Santa Susana na carballeira de San Lourenzo. Feliz cidade que conserva dúas carballeiras no seu corazón. Ata que as cousas volveron encirrarse.

A escasa visión, a rixidez excesiva e a pouca capacidade para adaptarse ao novo marco político dos dirixentes do BN-PG levaron ao nacionalismo por el representado a un abandono da acción política que estivo a piques de arrastralo á marxinación. Moitos eran os interesados en que tal acontecese. A teima en non deixarnos entrar na parte vella, en impedirnos ocupar a Quintana, formaba parte da mesma estratexia que a expulsión dos tres deputados do Parlamento Galego. Os erros purgáronse ao longo da década dos oitenta e só a conciencia da necesidade dun nacionalismo galego de esquerdas, o maior realismo político e o liderado de X.M. Beiras permitiron saír do deserto para baterse con Fraga durante tres lustros.

Na altura dos primeiros oitenta quedou outro dos meus días da patria. Foi o do 83. Plantámonos na Praza de Galicia ata que nos deixaran entrar na parte vella. Na espera, supoño que por aburrimento, o meu fillo maior prendeu a andar. Tiña once meses e entre as chanzas da nai, do avó e dos amigos exhibía os seu novo dominio de pernas. Paciencia contra paciencia. Resistencia contra resistencia. Nós tivemos máis. Contra as seis da tarde comezaron a mallar. Ao ano seguinte entramos na Quintana.

Moitos outros días da patria teño na retina. Só lembrar dúas imaxes. Unha breve, a de Telesfóro Monzón, roupa branca, erguendo o bastón e saudado aos manifestantes. Outra constante, a dos moitos discursos de Bautista Álvarez ou de X.M. Beiras, tamén vestido de branco, que fornecían de ideas e razóns aos que acudiamos a manifestarnos a Compostela. Despois viña a festa.

Será este o segundo día da patria co nacionalismo cogobernando a autonomía galega. A harmonía baixo o botafumeiro dos poderes políticos, militares e relixiosos propia das celebracións franquistas aínda segue presente. Tres décadas de democracia non foron suficientes para que o Estado laico sexa realidade.

Volverei este ano, agardo, a Festa Grande do día de Santiago. Pisarei as rúas empedradas, virarei a ferradura e visitarei as carballeiras mentres observo o granito secular feito arte. Sosegadas hai tempo as fervenzas políticas procurarei o abrazo de amigos e amigas e os cómplices acenos de irmandade.

* Director do Instituto de Estudos Miñoranos

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986