![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado ás 09:34 |
|
|
Feliz día da praia galega !!
(Pseudoparáfrase de “Alba de Groria” de Castelao) *Por Camilo F. Valdehorras
Pero no día de hoxe, eu e a maioría dos que me len temos tamén a obriga de percorrer, devotamente co maxín, os montes da Galiza, mártires arrasados nos últimos vintecinco anos coma reos dun xeocidio silandeiro. Se no abrente deste 25 de xullo poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direccións abrangueriamos o portento dunha interminable ringleira de coches a rebordaren as estradas do litoral ateigando as pistas até os campos da festa das nosas aldeas.
Quen son? Millentos praieiros, miróns, paseantes e bañistas, ánimas sen nome que cada 25 de xullo ateigan a orla marítima da Nosa Terra, os que conservan o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza. Eles son os que humanizan a nosa terra patria, infundíndolle a tódalas cousas que na paisaxe se nos amostran o seu xeito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteísta. Eles son os que custodian o legado múltiple da tradición, os xermolos incorruptibles da nosa futura hestoria e as fontes enxebres do noso xenio. Esas ánimas sen nome son o Pobo, que nunca nos treicionou; son a enerxía colectiva, que nunca perece; son en fin a espranza celta, que nunca cesa. Representan o que fomos, o que somos e o que seremos sempre. Vémolos moverse nun incesante férvelle-férvelle pola area, da antuca á orela, saír e entrar na auga, da hamaca ao chiringo, desfilar de punta a couso do areal... E velaí irrompe á fronte da "pirámide demográfica invertida" da nosa xente a Anciá en cadeira de rodas falando en castrapo coa neta que "descalciña pola area parece unha rianxeira". Apionan detrás dous magnates enxoiados con rolex de ouro, gafas escuras, paquete de eleme falando polo móbil loxicamente en castelao. Ollamos dispois dúas mozas en tanga de mans dadas, cos cabelos osixenados, ufanas da súa condición homosexual. Vexo logo un alzheimer, a refucir os calzóns e abanear a chola, mentres se comba sobre a res para mellor fregar as dedas dos pés co sargazo. Detrás, ao fondo, aparece un síndrome de Down cun flotador chillón guiado por quen semella a monitora que exclama "Nada de nadar bajo el auga, he!". Recoñecemos alí o director de Caixa Galicia coa súa señora nai, lambendo un sorbete de limón, en leda parola coa interventora de Caixanova, sobre os fillos de ambos probos funcionarios na Xunta. E acolá a dependenta do Froiz xogando ao tute cabrón cuns cataláns. Areeiro adiante serpentea, baixo un alto sol de xustiza, o rapaz caboverdiano coa neveira que serve lealmente a quen non merece ser servido. "Levo camis, frigos, cocas, fantas..!". Velaí dúas fondonas en minixort, coma dúas rosas murchas, lucindo o palmito e abaneando moito a piragua. Tras delas, rema que rema, dous santos varóns altaneiros, deses que en Galiza non saben vivir en paz consigo mesmo senón é dacabalo dalguén, convídanas. 3. Troupeleo de fiambreiras. Fai un sol de carallo e as barbacoas no piñeiral cercano atufan co cheiro dos polos fritidos, das paellas mixtas e do churrasco fumegando nas grellas. Aquí comeza a decaer a categoría de Santa Campaña praieira deste 25 de xullo, como decaeu Galiza ao se trocar en pobo sometido polo fraguismo ás enchentes de exaltación gastronómica. Agora, o areal case se baleira ao tempo que todos xantan, rin, berran, liortan, beben, botan a partida... E a tarde e os sesteiros tórranse na calma chicha ata espertaren da abafante sesta, roxos coma cangarexos. Subiu a maré, achicouse a praia, entrou a brisa e rizouse a tona da auga. Uns saltimbanquis fan malabares mentres malbaratan talento e arte perante unhas mozas que, espatarradas, só teñen ollos para o aeroplano que, cunha pancarta despregada, dá varias pasadas anunciando "ofertas de infarto" nuns coñecidos grandes-almacéns que enchen de satisfacción ao noso oprimido proletariado simbiótico. Nun recanto berrean na radio, a toda pastilla, os tertulianos que cada serán remedian o atraso cultural de Hespaña coa súa erudición e o seu xenio enciclopédicos. Alguén deixou tirado nunha fochanca No ventre do silencio de Ferrín quen, dende hai medio século, ven turrando da segunda renacencia literaria galega. 4. Rola o sol cara o poente. Cada vez máis vellos, mulleres, mozas e nenos medio encoiros e en chancletas desmontan o estaribel e desfilan abatidos cara os coches cuxo interior, ao se abriren as portas, gomita queimantes bafaradas. Os bañistas máis serodios amoréanse, melancónicos e exhaustos, nas terrazas improvisadas dos merendeiros, dos chiringos, dos furunchos da contorna... á agarda de que outros inicien a temible caravana de regreso. No lusco-fusco a santa compaña de praieiros pouco e pouco se desvanece. E en canto se perde detrás do pinal cercano ao areeiro, descubrimos que os restos da batalla ateigan os contedores, dos que xorden, como do humus da terra-nai, unha moitedume infinda de cínifes, moscas, mosquitos, moscardóns, abesouros, abellóns... Seres innominados dos que ninguén se acorda ao botarmos o lixo e o envrullo dos xeados por fóra nas papeleiras e que xuntos compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Pero no día de hoxe, eu e a maioría dos que me len temos tamén a obriga de percorrer, devotamente co maxín, os montes da Galiza, mártires arrasados nos últimos vintecinco anos coma reos dun xeocidio silandeiro. A nosa imaxinación verá con horror unha fogueira en cada lomba arborada demandando, como tantos outros desmáns especulativos e ecolóxicos, reparación. Súpeto aló en Vilalba contemplo como medra unha labarada que chega ata o ceo. É a chama do esprito dun chairego que non participou na santa campaña dos praieiros porque a súa figura -aínda non ben descarnada- non pertence, aínda, á Tradición. É o lume do espírito de don Manuel... 5. Velaí o que eu quería dicir a todos os galegos (e galegas) acerca da significación espiritual da Díada de Galiza: louvar a nosa Tradición de salutíferos baños mareiros como modo de iodar a propia conciencia nacional. Pois para a maior parte dos íncolas, inmigrantes e emigrantes retornados, Galiza é "a patria chica" (a grande?: a España constitucional). Descolonización. Desalienación. Emancipación. E máis nada, amigos e irmáns. Que o bendito sol de xullo siga dourando, como cantara Andrés do Barro, o voso "corpiño xeitoso". E que este verán as fogueiras dos lumes vos deixen tomalo tranquilos, sen hidroavións nin fumazo, así nos campos das romerías dos nosos montes como nos areeiros do noso litoral. E na praia de Rianxo que o Mar ince ao vento a bandeira azuralba, cunha estrela. * Escritor. Doutor en Filoloxía Románica, profesor de filoloxía galega da U.B e director de reNOVAGALIza.
Espalla esta nova
|
|
![]() ©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA |
|