Actualizado ás 09:34
16 de maio do 2008

 

A festa da Nación
*Por Iago Tabarés

Aproxímase a celebración do Día da Patria, a festa da Nación galega, que nesta ocasión, ten para nós unha especial significación. Este ano terá un sentido, persoal e coleitivo, singularmente importante e tamén agridoce.

O Día da Patria é un día de ledicia. Ledicia polo reencontro, cos amigos, cos irmáns, ledicia por compartir a celebración dun sentimento coleitivo, dun pobo que festexa a súa propia existencia, ao tempo que reafirma a súa vontade irrenunciábel de seguir existindo. E por iso este ano, como desgrazadamente noutras ocasións anteriores, ten especial sentido a celebración do Día da Patria, porque este ano moito se discutiu sobre o carácter nacional de Galiza. No proceso de elaboración dun novo estatuto para Galiza, houbo quen defendeu, con tanta teimosía como falla de honestidade, que o feito de que Galiza fose ou non nación era soamente un debate nominalista sen eficacia práctica. ¿Se así fose porque fan do tema o seu particular cassus belli? A consideración que se teña dun territorio ou que os habitantes do mesmo teñan da realidade que conforman, ¿non condiciona a elaboración das normas que o organicen, e que establezan o xeito de se relacionar con outros territorios, estados, pobos ou nacións? A obviedade do dito é tal que o único que reflicte é a existencia dunha forte resistencia -dirixida dende dúas rúas de Madrid- a recoñecer a realidade nacional de Galiza e, xa que logo, a permitir o aceso dos galegos e das galegas ás cotas de autogoberno que reclaman, e que xa acadaron outras nacións do estado. E por iso este Día da Patria ten unha especial importancia, porque unha nación o é por ter unha cultura propia, por contar cun territorio determinado, unha realidade económica diferenciada..., mais por riba de todo, pola súa vontade de ser nación. E iso é o que, ao meu ver, celebramos o 25 de xullo. Que somos unha nación, e que iso é así pola vontade da galegos e das galegas, que o viven e o celebran de xeitos moito diferentes, algúns seguindo unha tradición mantida, en tempos moito máis complicados polos nosos precursores, en Compostela, outros en Ourense, Monforte ou O Porriño, mais co mesmo sentido e vontade de afirmación nacional e sendo conscentes de que cada vez somos máis.

Asemade, este ano existen máis motivos para a celebración e o festexo, pois é innegábel que o nacionalismo galego, representado polo Bloque Nacionalista Galego, ven de incrementar significativamente a súa capacidade transformadora. Os resultados dos eleizóns locais recentemente celebradas serviron non só para a consolidación do espacio eleitoral que representa o nacionalismo, senón para o acceso a un grande número de alcaldías e gobernos locais, constituíndo unha oportunidade sen precedentes para a defensa, promoción e valorización dos dereitos, intereses e recursos do noso País, mesmo para axeitar á nosa realidade a organización territorial da nosa nación. O avanzo do nacionalismo debe ser motivo de celebración no día nacional de Galiza.

Porén, como dixen ao principio este ano o Día da Patria ten un sabor agridoce. Todas as celebracións que periodicamente se repiten no tempo con certo grao de continuidade acaban por te-lo. Os familiares, as de amizades ... as que sexan. Amargura que produce a falla do compañeiro/a, familiar, amigo/a ausente. E para min, para todo o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) e penso que para todo o nacionalismo galego no seu conxunto, este ano non será como todos. Será o primeiro que non poderemos compartir co que foi e aínda é un dos grandes referentes políticos, persoais e, sobre todo, humáns da nosa Galiza, Xosé Henrique Rodríguez Peña. Fundador do PNG-PG e pai político de moitos de nos. Ausencia que, en días como o 25 de xullo, se fai especialmente patente e intensa. Mais tamén neste ponto, a especial significación que o 25 de xullo vindeiro vai ter para moitos de nós, a reafirmación da continuidade dun proxecto político e a ratificación dun compromiso de traballo e defensa dun País chamado Galiza. Todo nun día sempre festivo, e cada ano máis festivo.

* Secretario Xeral do PNG-PG


Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986