Actualizado ás 09:34
16 de maio do 2008

E para ti que...?

Saio da miña casa en Compostela ben cediño para pasear pola Quintana chea de bandeiras galegas e gaitas. Gústame pasear entre "guiris" e paisanos nos arredores da Catedral e despois almorzar na Carballeira de S.Roque rodeada de amigos que ese día invaden a miña casa e a cidade. O 25 é o noso día e celebrámolo ao grande, con foguetes de cores e milleiros de almas falando a mesma lingua, cantando calquera himno ou consigna que nos una: O de Pondal e Veiga pola mañán e o Miudiño para a festa. É bo ter un día noso, tamén preciamos da autoexaltación e da enchenta de amor propio, berrar xuntos que este paraíso que compartimos querémolo vivo e con futuro, que non van poder aniquilar unha cultura e identidade de séculos. 25 de Xullo sempre!!!!”
Uxía Senlle, cantante

O Día da Patria Galega é a celebración da autoestima, do orgullo de pertenecer á nación dos galeg@s”
Xurxo Lobato,fotógrafo

Ao 25 de xullo, día da Matria Galega, gústame consideralo, por unha parte, como unha xornada de reflexión, de debate sobre o traballo realizado e sobre aquel que aínda queda facer. Por outra banda, trátase dun día que serve de escaparate fronte á sociedade, un motivo para achegarse e afondar nas teses que a esquerda deste país elaborou en base á máxima de defensa dos valores propios”
Alberte Momán, escritor

O día de Galicia, o día de Santiago, o día da Patria, ou día da Patria Galega, como se chamou en tempos, é festa dunha longa tradición na nosa historia que reborda con moito os tempos da Transición, por máis que poidese semellar cousa de reivindicación política dos últimos trinta ou corenta anos. Xa a finais do século XIX celebrábase con grande fasto popular de orientación patriótica animado polos colectivos sociais e políticos, e por iso debe merecer o respecto e a consideración de todo o pobo galego. O 25 de xullo é o día de todos os que sentimos Galicia no corazón e na cabeza, e así debería de seguir sendo”
Pedro X. Blanco Llano,
xerente da Fundación Carlos Casares


Galicia é un país con vocación universal. O Día de Galicia, que é tamén o Día de Santiago, sinálanos, a todos os galegos, como receptores das correntes do mundo, as mesmas que viñeron camiñando, dende hai benséculos, cara esta cidade asomada ao oeste que é hoxe a nosa capital. Canto máis saibamos abrirnos a esas correntes máis seremos nós mesmos, que é do que se trata. Isto significa para min o 25 de xullo. Galicia en Europa”
Henrique Alvarellos, editor e xornalista

O 25 de Xullo supón para nós, unha data na que visualizar de forma especial a Galiza como Nación, un pobo privado de moitos dereitos como o de Autodeterminación e que, envolto nun ambiente festivo, reivindica dereitos e liberdades concienciando e traballando. É unha data propicia para amosar, orgullosos, e con especial aínco a nosa cultura, a nosa lingua e ... as nosas aspiracións; entras as que ten que estar a de ter un maior autogoberno que nos permitía realizar como pobo”
Renato Núñez, Movemento polos Dereitos Civís

Día da Patria: O 25 e xullo ten para min un feixe de resoancias. É son dun río de augas bautismais, o xordán da Galiza. É xuntanza de "bons e xenerosos" nun país a ser fraternidade internacional. É luz e canción: a Santa Compaña de toda a familia galaica en festa de liberdade. Todos no corazón”
Francisco Carballo, historiador

Un día no que volver reivindicar os dereitos non acadados. Un día para esixir dos representantes políticos que cumplan co traballo para o que foron elexidos. Un día para amosar o feito diferencial de ser galegos. Un día para manifestarnos. Un día para falar galego. Un día para sentirnos orgullosos de ser galegos. Un día. O Día da Patria ou Día de Galiza ten que ser unha escolma de todo o que fixemos ao longo do ano por e para Galiza. Por e para nós”
Ana Belén Real, Presidenta de Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGAC)

Teño para min que ao 25 de xullo, como festa nacional de Galicia, lle cumpriría unha maior diversificación nos actos reivindicativos e, tamén, naqueles actos lúdicos e festeiros que se celebran. Isto é, aposto por unha descentralización daqueles, tradicionalmente vinculados con Compostela. Todas as vilas e cidades deberían manifestar o espírito da nosa festa grande”
Ramón Nicolás, crítico literario

Para os que somos nacionalistas o 25 de Xullo é unha das datas máis importantes do ano. Hai outros días e outras loitas: o 17 de Maio día das Letras Galegas, o 17 de Agosto día da Galiza Mártir, o 10 de Marzo día da Clase Obreira Galega... Pero só hai unha que condense todo o sentimento que acompaña durante todo o ano aos que reivindicamos o dereito do noso pobo a decidir politicamente, aos que defendemos unha nación normalizada e digna, dona do seu pasado máis tamén do seu presente e futuro.Ese é o 25 de Xullo, día da Patria Galega, día de celebración do compromiso das e dos nacionalistas”
Iria Aboi, secretaria nacional de Galiza Nova

Entendo a celebración do 25 de Xullo como a celebración da identidade histórico-cultural galega e o fortalecemento das relacións entre os galegos e galegas que co noso traballo diario facemos unha Galiza máis recoñecida, máis acolledora e máis fermosa. Un viño cun cacho de empanada á vosa saúde.
Tatán, actor. Tanxarina.

O día da Patria é un acto simbólico de reafirmación identitaria de carácter nacional que adopta celebracións distintas segundo as épocas. Nas turbulentas tivo unha resposta máis reivindicativa, incluso de enfrontamento co poder establecido, agora nas de bonanza ten unha orientación máis festiva, de cohesión e fraternidade nacionalista. De calquera xeito a simboloxía do acto anual é importante porque representa toda unha historia e valores que nos identifican como colectividade diferenciada”
Ramón Muñiz, sociólogo

"Un dia de festa partillada con muita xente que ten sentimentos semellantes ao meus cara o meu país. Dia de encontro, con amigos, coa tradición, có compromiso. Música cantos, bandeiras e reinvidicacións."
Adela Figueroa Panisse (Presidenta de ADEGA)

"Para GalegoZ o 25 de xullo é unha data especial, cargada de reivindicación e sobre todo de festa e celebracións, ó igual que todos os anos vamos a celebralo, pero esta vez de unha maneira especial porque o 25 de xullo estaremos tocando para a emigración galega en Barcelona, seguro que este ano o vamos a vivir mais que ningún outro."
GalegoZ (grupo musical)

"O 25 de xullo é, para os que nos sentimos patriotas, a nosa grande festa cívica, o Día Nacional. Dende o universalismo propio da galeguidade, ogallá actuásemos coa mesma falla de complexos ca os franceses o 14 de xullo, os americanos o 4 de xullo ou os cataláns o 11 de setembro. E fósemos quen de encher de bandeiras as nosas rúas, fiestras, peiraos...Como galegos ledos de selo. Con todos e contra ninguén"
Xoán Antón Pérez-Lema (Avogado)

"Un recordatorio anual de que por riba das organización partidarias o pobo galego segue pensando en clave comunitaria e continúa a crer que para que se produzan cambios significativos na estrutura do país han de poñerse en marcha máis cambios sociais que fagan disminuir os ruborizantes desequilibrios económicos que neste momento regulan o país."
Ángel Rodríguez Gallardo (Profesor da Universidade de Vigo)

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986