Actualizado ás 10:40
09 de maio do 2008

 

25 de xullo. O patria viva!
*Por Uxío-Breogán Diéguez

Imos camiño de celebrarmos o centenario do Día da Patria Galega. Era alá polo 1919 cando o movimento irmandiño en defensa da lingua e patria galegas marcaba o 25 de xullo como data de "...lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira..." das galegas e dos galegos.

Aquel nacionalismo de inicios do pasado século, que viña de acumular experiencia e forzas nunha outra etapa previa (de proto-nacionalismo ou nacionalismo natural e intuitivo), sabia da necesidade de se autoorganizar a nazón, mais tamén o movimento na súa defesa. Así foi que lles tocou criar aparato organizativo, así como recriar referencias cronolóxicas e temporais, de carregado simbolismo patriótico, caso do 25 de xullo. Após aquela etapa, foi o soberanismo dos anos trinta, mais, sobre todo, o que se reartellou a partir de meados dos sesenta, os que debuxaron os trazos referenciais do noso Día da Patria.

Unha data na que lle amosar ao mundo que estamos en pé. Hoxendía, ao igual que aquelas e aqueles que tiñan a lingua como bandeira nacional, queremos simbolizar no noso Día Nacional que a Galiza fica viva; que o pobo galego é consciente da situación de dependencia nacional secular na que fica e que exixe e traballa pola súa emancipación.

Aliás, cada 25 de xullo é un fito que marca un antes e un despois; remata e comeza un novo curso. Nesta orde de cousas, novos reptos son os que lle toca asumir ao nacionalismo galego. Contodo, hai un fundamental: acrescentar a súa introduzón e influencia social sen perder/abandoar a súa substancia ideolóxica. Unha substancia sen a que non sería o que foi. É necesario acrescentar a base social mais é, tamén, necesario manter o perfil popular, de esquerda e soberanista disto que coñecemos por nacionalismo galego.

* Membro da Coordinadora Nacional de Movemento pola Base.


Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986