O Día da Pátria na Galiza foi de sempre un espazo para o exercicio dos dereitos colectivos coma Pobo. A praxe da Nación que non cesa, que reivindica a súa condición plural, enérxica e de consciencia libre, que fervorece coma un mosaico de vontades e xenerosidades harmonizadas pola idea do común e da fraternidade. O 25 de xullo o que retumban son os ecos dun país edificado co alento feroz da memoria, dese universo multicromático sulagado de luces e de bandeiras con estrelas da frente.
Hoxe, co nacionalismo organizado por primeira vez no goberno autonómico, esta data non debe perder o alento reivindicativo e de loita que sempre posuíu. Para o Encontro Irmandiño, cómpre replantexar o esquema idelóxico-político polo que se está a mover o nacionalismo galego. Encetar unha transformación de rexeneración democrática participativa para conquerirmos coleitivamente un nacionalismo diametralmente instalado na esquerda, plural, como corresponde a unha alianza de clases representada por unha frente, e convencida no asemblearismo político, como berce dun proceso de ósmose revolucionaria para todos os espectros sociais da Galiza.
O vínculo común, o nexo estrutural, entón, segue a ser a loita dun pobo soberano por conquerir os seus dereitos coleitivos; o camiño da autodeterminación cara a independencia; a socialización a nível colectiva e fraterna, coma chave do avance histórico nas formas que pode revestir a estrutura social dos pobos; a República, como forma de civilización e cultura sociopolítica; en definitiva, cómpre lembrar neste Día da Pátria de 2007 que todo nacionalismo emancipador é, no seu cerne, revolucionario -e até libertario no senso orixinario da palabra. Cómpre un grande "encontro irmandiño" rexenerador desa cultura cívica e política. Cómpre, entón, para ese labor estar dispostos, como operarios incansabeis, na cooperación das xentes do común, da república dos cidadáns e as cidadás galegas auténticamente boas e xenerosas.
*Membro da coordinadora nacional do Encontro Irmandiño e do Consello Nacional do BNG.