Un ano máis, o 25 de xullo celebrámo-lo Día da Patria Galega. "A festa maior de Galicia, a festa de tódolos galegos", como dixo Castelao.
No canto de pretender face-la historia dunha data transcendental na vida do noso pobo penso que témo-lo deber de lembrar, coa meirande emoción, a tódolos nosos devanceiros. A tódolos egrexios forxadores do nacionalismo galego que consagraron as súas vidas á causa nobilísima do soerguemento cultural, social, económico e político da nosa Terra.
Nas nosas tradicións, as festas tiveron sempre e aínda conservan unha grande importancia.
Desde a parroquia máis arredada da montaña, ata a cidade ou a vila mariñeira, as festas foron sempre un rito de irmandade que convocan ós veciños nunhas xuntanzas presididas por unha agarimosa cordialidade, un gran desprendemento e unha fonda amizade.
Frente a esas festas parroquiais e comarcais, o Día da Patria Galega é a festa de tódolos galegos, a festa da nosa comunidade. E neste día todos debemos cavilar nas nosas obrigas e nos nosos deberes cara á terra que nos viu nacer, ou mellor cara á terra que nos deu o ser.
Neste día tódolos galegos debemos facer unha sinxela meditación sobre o ileso comportamento en relación co espallamento do noso ideal; debemos meditar sobre a nosa conciencia de membros dunha cornunidade que ten unha cultura, unha lingua, unha historia e aínda unha maneira de ver e de entende-la vida.
Neste día, cómpre facer un exame da nosa actitude e do noso compromiso como galegos.
Neste día, deberamos facer unha firme promesa de servir mellor, de traballar máis en favor da nosa terra e da nosa xente.
Desde aquel 25 de xullo do 1920, no que as Irmandades da Fala organizaron o primeiro Día de Galicia, ata hoxe, "unha Santa Compaña de inmortais galegos en interminable procesión" fóronse sucedendo e transmitindo o facho da galeguidade ás sucesivas xeracións, como diría Castelao na súa "Alba de Gloria".
Pero eu limitareime a conta-las miñas vivencias deste día, desde que -sendo un rapaz-- ollei por vez primeira aquel desfile, aquela procesión cívica que se facía desde a Praza do Hospital ata o monumento a Rosalía na Ferradura compostelá.
Aquel desfile multitudinario, as ofrendas de ramos de flores e coroas de loureiro, nun acto que remataba co canto do noso himno, deixaron en min unhas lembranzas agarimosas e inmorredoiras. Porque nós -sen renunciar ó ideal particular de cada quen-, nós, os nacionalistas galegos, tivemos sempre unha gran dose de sentimentalismo enraizada no máis fondo do noso ser.
Outra das lembranzas sobranceiras deste día é a do Mitin das Arengas, que se facía na Praza da Quintana. Canda as badaladas tomaron parte: Víctor Casas, Aquilino Iglesias Alvariño, Manuel González, Sebastián González, Luís Villaverde, Antón Vilar Ponte, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Otero Pedrayo, Plácido Castro, Manuel Gómez Román, Ramón Suárez Picallo e Castelao.
Con eses nomes esclarecidos -¿,quedará aínda algún vivo?-- ten Galicia unha inmensa débeda de gratitude. Foron todos membros dunha xeración de bos e xenerosos a quen se podería aplicar con toda xustiza aquela frase célebre: "Nunca tantos debemos tanto a tan poucos".
Porque Galicia aínda é un proxecto, aínda é un porvir -por vir- como dixo o poeta; un porvir que tarda, que non acaba de chegar e polo que tódolos galegos, especialmente os nacionalistas, debemos traballar cada día con meirande ilusión e entusiasmo.
Galicia aínda ten unha conciencia inxenua da súa personalidade. Dar sentido crítico a esa conciencia, recoñece-lo que somos elevándoo a nivel consciente e comprometido é a principal tarefa que temos por diante.
Outro recordo para min entrañable é o do Día da Patria Galega de 1935. Ese día, desde o quiosco da banda de música da Alameda compostelá, un grupo de rapaces das Mocidades Galeguistas poñiamos discos de música galega e pronunciabamos unhas afervoadas arengas de exaltación galeguista.
Eran tempos en que os mozos soñabamos cunha Patria ceibe, máis rica, máis culta e máis nosa. Traballabamos cunha enorme ilusión porque pensabamos que tiñámo-lo porvir da Terra nas nosas mans.
Aquela xuventude entregábase ata quedar sen folgos á tarefa de traballar polo engrandecemento de Galicia. Incluso saltamos ás feiras da bisbarra a vender libros galegos publicados naquela Imprenta Nós dirixida polo alcalde mártir Anxel Casal que me honrou coa súa amizade.
Moitos daqueles mozos que soñabamos cunha Galicia mellor xa morreron; algúns hai moitos anos, na guerra civil, outros despois. Os que quedamos conservámo-la lembranza daquel día como unha das máis ledas e agarimosas da nosa vida.
* Presidente da Fundación
Castelao.