Actualizado ás 10:40
09 de maio do 2008

 

Morreu un patriota
*Por Paco Castro

O corpo, que non así o ser, do benquerido Elixio Rodríguez Domínguez deixounos o pasado 9 de xullo na cidade de México, onde moraba exiliado dende o remate da Guerra inCivil.

Aquil valente capitán Rodríguez (hoxe coronel) a quen Afonso Daniel R. Castelao encomendou a responsabilidade da Intendencia Republicana, cando o Governo Lexítimo do Estado Español ficaba xa en Valencia e tivo que se dirixir a Barcelona acosado polo avance do exército franquista… Aquil valente capitán Rodríguez que dinamitou a ponte de Castellfullit de la Roca impedindo a terrible masacre que o corpo italiano do exército fascista pretendía inflinxir aos soldados e cidadáns republicanos que, dende a vila de OIX, na Garrotxa gironina, se dirixían a Francia co único que posuían, a vida e a miseria…

Aquel cofundador das Mocedades Galeguistas que naceu aló polo 1910, na parroquia de Grou (Lovios - Ourense), e que defendeu o seu nacionalismo até o derradeiro suspiro, foi quen finou no mes de Santiago deste 2007… O mosteiro de Celanova cheiraba a morte. Un rapazolo de 26 anos camiñaba inquedo entre aquela heteroxénea humanidade que a senrazón ía "pasear". A homes curtidos polo duro traballo, ollando cara o chan, caíanlle as bágoas. Outros berraban coa desesperanza de saber que as súas mulleres, os seus fillos, a facenda, a horta, todo quedaba a libre disposición dos predadores descerebrados que se uniron -por suposto, sen ideoloxía ninguha- á matanza indiscriminada que liderou o chamado "Alzamiento Nacional".

O rapaz chamábase Elixio Rodríguez Domínguez. Reo culpable de ser galego. Reo culpable de ter dignidade. Reo culpable de sentir orgullo pola súa lingua e pola súa terra. Reo culpable de fundar as Mocidades Galeguistas. Sentenciado a morte, como todos aquiles que co seu sangue regarían o monte do Furriolo.

Tamén ficaba aló, a espera do seu pasamento, Roberto Blanco Torres, coñecido xornalista fundador de pubricacións memorables, entre elas "A Zarpa", a quen un tráxico día, por consideralo excesivamente crítico cos caciques e co clero, o mataron en calquera cómaro dun camiño preto de Santa María de Entrimo.

Pasaban as horas. As gorxas secas, doentes, como rabuñadas. Aínda era noite. Ábrese a porta. Entran uns individuos, algúns desuniformados coa camisa e a gorra da falanxe. Comezan a empuxóns e collen a uns cantos. Bótanos pola porta afora e fanos subir a un camión. Arrancan e diríxense pola estrada que sae de Celanova cara a Xinzo. Algún pretende expulsar a angustia que lle opreme o peito. Crúzanlle a cara cunha labazada. Cando lles parece, detéñense. Báixanos do camión e un tras doutro, a empuxóns, lévanos monte arriba, a algún deles, arrastras. Óuvense tiros. Homes que tentan aferrarse aos derradeiros instantes da súa vida suplican axeonllados. Máis tiros. Cando lle chega a vez ao galeguista Elixio, aparecen as primeiras luces da alba.

O chófer do camión indícalle aos matóns que teñen que "liscar", que non poden ficar nin un minuto máis, que deixen ao rapaz para o día seguinte. "A iste matádeo mañá."

Esa foi a primeira vez na que o noso amigo Elixio Rodríguez se librou da morte. Esas palabras, que lle salvaron a vida, deron título anos despois ao libro autobiográfico que, trala moita insistencia da súa dona Gloria, pubricou Edicións Xerais de Galicia en 1994.

Diante dunha taza de café, hai máis de dez anos, no salón do seu domicilio de Bande (Ourense), contoume estas e outras moitas vivenzas. María Gloria, consciente do histórico pasado do seu compañeiro, é parte fundamental para manter viva a súamemoria. Coa súa verba fluída era Elixio un manancial de lembranzas do galeguismorepublicano. E do activismo do exilio galego en México onde fora un dos promotores da emisión radiofónica "A hora de Galicia", do Padroado da Cultura Galega e da célebrerevista Vieiros, dirixida por Luís Soto e Carlos Velo. Unha das derradeiras entrevistasque concedeu publicouse no Monográfico "A galiza global" do número 2 de reNOVAGALIza.

Visiteino tódolos veráns que veu á Terra Patria, cousa que me permitiu aprender do mellor libro que se pode refollar, a experiencia dun home, dun verdadeiro galego que sesegue a manter íntegro na enerxía que nos legou.

* É o responsable Local do Bloque Nacionalista Galego en Catalunya,
membro do Foro Cívico Galego de Barcelona e membro colaborador de ERGAC.


Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986