
:::: EDICION DIXITAL
Actualizado 09:07
12 de febreiro
Explicar o que é o independentismo galego non é tarefa fácil. Non o é porque non hai nel uns universais, nen unha referencia definida, mais unha feixada de grupos e posturas que dificultan chegar ao seu cerne.

Estes catro grupos, aos que se somarían independentes, virían a confluír na Causa Galiza como unha plataforma política para organizar o soberanismo galego nunha posición política unificada en referencia ao debate estatutario, máis que nunha situación política como a se reflexaba anteriormente, para algunha xente vén definirse como a esperanza para acadar unha unidade por tempo arelada. O certo é que o independentismo galego é un movemento político de relativo potencial. Ese potencial baséase fundamentalmente na idade moza da súa base social, o que lle asegura un relevo xeracional, e na posibilidade de ocupar espazos políticos ora abandonados polo nacionalismo oficial ora criados de novo polas diferenzas brutais abrolladas tralo neoliberalismo na periferia dos países ocidentais. Ora ben, o desenvolvemento dese potencial pasa por superar as diferenzas entre as partes implicadas e a consecución duns mínimos comúns a nível ideolóxico. Pasa por suposto, por deixar de ser unha posibilidade política, por abandonar o campo das hipóteses e facer parte da materia social. Non é abondo nun movemento transformador coa vontade ou coa historia, senón que hai que somar un factor máis á ecuación, que é ao fin o definitorio: a capacidade. E fica claro que se ben o independentismo galego posúe a historia e a vontade en doses abondas, non hai que ser agudo de máis para darse de conta que carece absolutamente de capacidade para incidir na sociedade. Para adquirila o independetismo contemporáneo deberá superar fundamentalmente os seguintes obstáculos:
- a normativa da lingua galega: os sectores independentistas atópanse escindidos en dúas posturas normativas; a normativa oficial, defendida polos sectores da fpg e parte do nacionalismo popular, e a normativa reintegracionista, que recollería no seu seio ás restantes sensibilidades. É o debate encorado por excelencia, que aínda nin foi superado. A súa resolución pasa, segundo algúns dos portavoces da Causa Galiza, por asumir por parte dos reintegracionistas a maioría social da normativa oficial e por parte dos oficialistas aceitar a democratización lingüística, permitindo que a normativa reintegracionista poda acceder a premios e á docencia en igualdade de condicións e esixindo que cese a súa perseguición legal.
- a falta de compromisos e de cultura política: a falta de proxectos realistas e posíbeis e a carencia de traballo social conforma un esquelete cultural a nível político que é desordenado, ácrata e sen compromisos a respeito dos eidos do debate e do organizativo. Superar unha cultura política de individualismo e de enlizadas liortas é un dos grandes reptos para a Causa Galiza.
- a unidade organizativa: é o debate subterráneo que se está a establecer en todo este proceso. Unha postura eleitoral conxunta e unhas posicións organizativas máis encontradas serán as chaves fundamentais, segundo os portavoces, para superar o actual status quo e criar unha Morada Común.
- a expansión pragmática, entendéndoa como a expresión social dun traballo municipal en termos sociais e eleitorais como tamén a expansión xeográfica e sectorial do seu traballo militante (máis influencia en espazo xeográfico e máis influencia en sectores da sociedade).
Só o tempo e o facer, resolverá a cuestión de si na Galiza hai un espazo nacionalista de esquerdas alén do BNG. Se callar a Causa Galiza poda ser un xermolo de ese espazo e dar a coñecer á sociedade galega novas propostas e ofertas políticas que até o de agora ficaron soterradas baixo a obscuridade da indiferencia. De non for así, pode que se faga realidade a frase daquel socialista francés que saudoso, afirmaba que hai que ser vangarda, si, mais nen tanto como para bracear e berrar en soidade como un louco separado a grande distancia da xente do común.
* Ramón González é actualmente delegado dos traballadores en Mercadona S.A. pola CIG. Foi un dos promotores do Proceso Espiral e director do xornal Novas da Galiza. Na actualidade é colaborador de A Peneira.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986