Celebrar unha data que signifique que o país existe, que a nosa Patria verdadeira e única, a nación a que pertencemos é Galiza, resulta fundamental.
Posibelmente sexa necesario comezar por unha aseveración: o sentimento de Patria na Galiza é algo moi necesario para que o País exista. Sen unha adhesión sentimental e unha consciencia racional sobre a nosa realidade, tan agachada e negada, é moi difícil, por non dicer imposíbel, que manteñamos unha práctica consoante co que Galiza necesita.
Moitos individuos de nacións que teñen Estado renegan do sentimento patriótico, as máis das veces porque non o necesitan para vivir con normalidade no seu propio país ou mesmo porque o teñen interiorizado de forma tan natural que non se decatan del. É máis, consideran que non é un sentimento patriótico senón a expresión dunha normalidade incuestionábel, embora conleve ás veces unha actitude de superioridade e mesmo de agresividade perante calquera discusión do seu status.
Son incapaces de comprender o papel dominante e mesmo imperialista do seu país. Hai, pois, un patriotismo de nación opresa, sen estado, e un patriotismo que, a meirande parte das veces, significa a disposición a manter o dominio ou a agresión contra os demais.
Galiza é unha nación oprimida, sen unha conciencia maioritaria de si mesma, dos seus dereitos como pobo. Celebrar unha data que signifique que o país existe, que a nosa Patria verdadeira e única, a nación a que pertencemos é Galiza, resulta fundamental. Non foi ademais unha celebración graciosamente concedida. Non se tratou só de represión franquista contra a expresión da nosa razón de ser auténtica, non colonizada. Foi tamén a represión dos primeiros anos da democracia empeñada en que non percorrésemos as rúas da Cidade Vella de Santiago de Compostela o 25 de xullo, en contraste coa celebración dun día do Apóstolo, a medio camiño entre o españolismo máis esésigo e o tradicionalismo eclesiástico reaccionario. Se hoxe acabamos na Praza da Quintana, centro neurálxico da Cidade Vella, a carón da Catedral, cun discurso político nacionalista que concentra a milleiros de patriotas galegos, foi porque resistimos a represión, especialmente nos confrontamos con ela no ano 1983, deixándolle claro ao goberno de España que non renunciábamos á Patria Galega.
Claro está que o importante é manter a actitude patriótica ao longo de todo o ano, batallar por vivir como natural a nosa condición de galegos e galegas sempre, en toda ocasión. Isto forma parte do proceso político. Non é problemático que o día 25 de xullo teña moito de festa e non sexa só reivindicación, malia non teren porque estar separados estes dous aspectos. O problema está en non conseguir máis adhesións a esta data e unha celebración compartida de verdade por todas as institucións de Galiza e polo pobo en xeral. Espallar as bandeiras do país, lograr a súa presenza en moitas casas de cidades, vilas e parroquias, e programar en todas elas actividades que celebren a nosa existencia como pobo aínda á espera da súa liberación, e unha asignatura pendente. Por aquí ten que ir a nosa preocupación.
Porén o 25 de xullo, Día da Patria Galega, expresado na mobilización de Santiago de Compostela sigue a ser vital e unha proba simbólica do motor humano que non se resigna a aceitar unha Galiza sen dignidade nin normalidade. Por unha Galiza ceibe.
* Secretario Xeral da Unión do Povo Galego (UPG) e membro da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG).