David Cal non pecha as portas a un achegamento coa Xunta para completar a súa preparación olímpica en Galiza
redacción

David Cal
O piragüista galego, David Cal, afirmou en Pontevedra que non descarta chegar a un achegamento coa Xunta de Galiza tralo seu enfrontamento cos responsables da Dirección Xeral de Deportes e quedarse en Galiza para completar a súa preparación de cara aos próximos Xogos Olímpicos de Pequín, aínda que puxo como condicións "traballar con tranquilidade, porque máis que as condicións técnicas, o que quero é poder estar concentrado e a gusto".
Despois do cruzamento de declaracións entre o adestrador do palista, Suso Morlán, e o subdirector de Deportes da Xunta de Galiza, Moncho Brigos, acerca das bolsas para deportistas de alto nivel que David Cal non logrou por non haber presentado os papeis a tempo, o piragüista de Aldán (Cangas) se viu obrigado a irse a Trasona (Asturias) para seguir coa súa preparación e tralo seu regreso a Pontevedra, adestrouse en solitario no río Lérez, apartado da disciplina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Este achegamento á Xunta permitiría a David Cal adestrar na pista de piragüismo de Verducido (Pontevedra), onde o pasado verán celebrouse o Campionato de Europa. A este respecto, o palista confirmou que “pode ser unha das pistas para utilizar na miña preparación para Pequín, aínda que tamén Asturias ou Portugal, onde temos que probar unha pista".
Preparación
No que fai á súa preparación para os Xogos Olímpicos, Cal recoñeceu que este ano é diferente: “Estou adestrando nun club, que é unha experiencia nova, e éstouno facendo só, algo que normalmente non acontece a esta altura da tempada xa que adoitaba adestrar cun grupo de xente". Sen embargo, afirmou que "de momento éstouno levando bastante ben”.
“Estamos adestrando a gusto e a preparación marcha segundo o previsto con tempos realmente bos. Ademais o tempo que está facendo en Pontevedra favorécenos, polo que non temos nada máis que pedir”, reiterou David Cal que asegurou que o obxectivo que se marcou é reeditar ou mellorar as dúas medallas, unha de ouro e outra de prata, que logrou en Atenas 2004. “Eu non penso baixar o listón, son bastante ambicioso", sentenció.
Sobre a canoa coa que está adestrando e que llevará a Pequín, David Cal explicou que "é moi parecida á de Atenas con lixeiros cambios para mellorala; de momento estamos traballando con ela e estamos moi satisfeitos. O resultado esperemos que sexa bo".
Ademais, o piragüista galego mostrou a súa satisfacción pola noticia coñecida esta mesma mañá de que será un dos deportistas españois que máis diñeiro reciba este ano das Bolsas ADO, 60.000 euros, a mesma cantidade que recibirán deportistas como Joan Llaneras, os regatistas Mónica Azón, Sandra Azón, Fernando Echávarri, Antón Paz, Graciela Pisonero e Rafael Trujillo, e os taekwondistas Juan Antonio Ramos e Brigitte Yagüe.