O seleccionador de Camerún, Otto Pfister, deu a coñecer a convocatoria previa para o partido do próximo día 27 de decembro, no que a súa selección se enfrontará contra Galiza en Balaídos.
Nesta convocatoria, formada por 27 xogadores, figuran importantes futbolistas coma Eto'o (do Barça), Webo (xogador do Mallorca, e anteriormente, dianteiro do Osasuna) ou Kameni (que xoga no Espanyol), ademais do ex madridista Geremi ou o ex mallorquinista Lauren, máis que coñecidos para os seguidores do fútbol estatal.
A selección galega de fútbol feminino que disputará o seu primeiro partido o día 27 de decembro diante de Catalunya comezou a adestrar en Compostela. A PENEIRA estivo presente e puido falar coa adestradora Pilar Neira e algunhas xogadoras. Ademais conseguiu a primeira imaxe oficial de equipo para un medio de comunicación.
Polo de agora son catro os galegos clasificados para competir en Beixín contra os mellores deportistas do mundo: David Cal en piragüismo; Xavier Gómez Noya, en triatlón; e os regatistas Antón Paz e Fernando Echávarri, todos actuais campións do mundo nas súas disciplinas
Breves
O Supremo obriga á ACB a readmitir ao Obradoiro
O Tribunal Supremo obriga á ACB a readmitir na súa competición ao Obradoiro, conxunto galego que na eliminatoria de ascenso da tempada 1989-1990 reclamou unha aliñación indebida de Esteban Pérez (por falsificación de documentos para xogar como español), xogador do Júver Murcia.
"Estamos moi satisfeitos, porque despois de dezasete anos a xustiza deunos a razón", sinalou o presidente de conxunto compostelán, José Ángel Docobo (que non descartou unha hipotética fusión entre o Obradorio e o Beirasar Rosalía, equipo compostelán que na actualidade milita na Adecco LEB Ouro, para afrontar o sono da ACB).
Gómez Noya premiado como mellor deportista galego
A gala dos Premios Nacionais do Deporte Galego premiou ás figuras máis destacadas do 2007.
Celebrouse no Teatro Rosalía, na Coruña. O gran protagonista foi o triatleta Javier Gómez Noya, que recibiu o galardón ao mellor deportista do ano. O acto será presentado pola xornalista Lis Franco.
O ferrolán Gómez Noya viu recoñecida a súa brillante traxectoria nesta tempada. Gañou a Copa do Mundo por segundo ano consecutivo, proclamouse campión de Europa e foi segundo no Mundial.
Subcampionato estatal para as seleccións de halterofilia e de squash
Disputouse en Pamplona o V Campionato de España Sub17 de halterofilia, no que a Selección Galega rematou en segunda posición na modalidade feminina, e en terceira na masculina. Tamén un excelente papel xogou o combinado galego de squash, que se fixo co subcampionato na cidade de Málaga.