![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado |
De fio a fondo
Antón F. Escuredo

Hai uns anos a maior preocupación do home era atopar fontes de enerxía renovable e non contaminante. Grupos ecoloxistas e unha boa parte da sociedade apostaban daquela polo investimento en aproveitamento solar e eólico. Hoxe en día as grandes empresas do sector, beneficiarias algunhas durante o franquismo da exclusividade na explotación hidrolóxica, integran estes novos sistemas de explotación e os consideran unha maneira de incrementar beneficios. Como aconteceu no seu momento con outros aproveitamentos que implicaron cambios na paisaxe, lembremos os encoros, o seu control e lexislación pode evitar grandes estragos no feble equilibrio ecolóxico e cultural do país.
A enerxía eólica en Galiza
A enerxía eólica aproveita entre o 1% e o 2% da que provén do sol ao transformarse en vento. A partir dos anos 70 a súa tranformación en enerxía eléctrica foi unha primeira resposta á crise do petróleo. En Galiza o primeiro experimento eólico comercial foi en Santa Comba no ano 1983 pero non foi ata 1995 cando se comezou a súa instalción masiva. Hoxe o noso país conta con 117 parques eólicos e máis de 3.000 muíños de vento. Numerosas empresas ven aqui unha nova e e importante fonte de ingresos. Non é de estrañar que xurdan casos como o de Ramón Ordás, ex-director xeral de Industria do PP, que foi imputado pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, TSXG, dun presunto delito de tráfico de influencias: acúsaselle de que en xullo de 2005 acelerara os trámites de concesión de parques eólicos e minicentrais.
O problema non é, nin foi, o aproveitamento deste tipo de enerxía senón o seu emplazamento no territorio. Grandes grupos ecoloxístas a nivel mundial como Grenpeace ou Ecologistas en Acción defenden a implantación dos Parques Eólicos e non dubidan dos estudos medioambientais que se realizan en cada caso.
Non acontece o mesmo con ADEGA, Verdegaia e Amigos da Terra que levan tempo solicitando máis coherencia e control á administración.
A Xunta da Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria, é a responsable da adxudicación de licencias que soliciten menos de 50 megavatios de potencia. As que superen esta cifra dependen directamente de Madrid. Hai un mes a Consellería de Innovación e Industria presentou un decreto que pretende regular este sector. O modelo, segundo a Xunta, “sustentarase no retorno social das explotacións eólicas a través da participación pública, na preservación do medio natural, no uso da enerxía como factor de dinamización económica, na transparencia e a non especulación”. Este decreto prevee admintir a trámite 2.330 novos megavatios ata 2010, que se sumarán á potencia total actual de 4.172,44 MW. O obxectivo do Goberno galego é, pois, contar en 2012 cunha potencia total autorizada de 6.500 megavatios. Na liorta pola adxudicación de licencias entraron numerosas empresas. Algunhas tentaron forzar, a través dos medios de comunicación, un mellor trato por parte do departamento que dirixe Fernando Blanco. Apelaban ás “raigames galegas”, caso da actualmente madrileña Unión Fenosa. Outras, pola contra, queren tratar directamente con Madrid, caso de Endesa e Estrela Eólica.
Resposta dos ecoloxistas
Verdegaia considera que o novo decreto non garante a prevención de danos significativos á biodiversidade e á paisaxe. Aínda que a prohibición de construír parques en espazos da Rede Natura 2000 representa un avanzo importante, sinalan que “o decreto ignora a existencia de áreas con elevado valor ecolóxico fóra da rede Natura”.
As asociacións excursionistas tamén están en pé de guerra contra a instalación indiscriminada de muíños de vento. Para o Club Alpino Ourensán “O que queremos os colectivos de montaña, é que toda a Alta Montaña Galega -e nomeadamente as serras orientais- quede libre de aeroxeneradores, dado o seu impacto ambiental, pero tamén social, incidindo especialmente dun xeito negativo no sector do lecer e o turismo”. Por outro lado a Agrupaçom de Montanha Augas Limpas (AMAL) sinala que “o Plan eólico de Galicia nom está feito para as energias renováveis serem alternativas ás nom renováveis. Enquanto se construem parques eólicos estragando os montes nom se desmantelam as térmicas nem se deixan de construir minicentrais”. Esta mesma entidade considera que “já que a Galiza exporta o 40% da electricidade que produz. Os mais favorecidos som os interesses de lucro das empresas privadas como Iberdrola, Fenosa, Acciona, etc”.
Pendentes de aprobación
A Consellería de Innovación e Industria ten nestos intres varios proxectos pendentes de aprobación. Entre eles hai dous que afectarían a importantes zonas paisaxísticas, de alto interese etnohistórico e natural: a Serra da Groba e a Serra do Eixe.
Ambos os dous entraron a trámite o 6 de febreiro de 2007 polo que se lles aplica o Plano Eólico de Galiza aprobado polo anterior goberno. Esta lei, vixente aínda despois das eleccións, provocou e está a provocar o incumprimento sistemático nas zonas que fan parte da Rede Natura 2.000.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986
A. F.E/ A PENEIRA
-Que consecuencias tería a instalación deste Parque Eólico na Serra do Eixe?
-Primeiro que está localizado en Pena Redonda xustiño o lado do pico Maluro, que xa está dentro da zona da Rede Natura 2000 de Trevinca que tamén e zona ZEPA rompendo o nexo de unión entre o futuro Parque Natural de Trevinca co do Macizo Central Ourensan. Tamén sería o inicio da instalación de máis parques eólicos. Na comarca limitrofe da Cabreira (León) están xa proxectados cinco parques eólicos. Moralexa: ¿por que non hai apenas parques eólicos no Pais Vasco e en Cataluña?
-Seica hai irregularidades na súa tramitación, non estivo a exposición pública no Concello de Carballeda?
-Solicitouse o proxecto no Concello de Carballeda, pero "que si non estaba" que "había moitos festivos polo medio (era Semana Santa)" que "faltaba personal"...Tamén é certo que este Concello é tremendamente partidario da instalación de parques eólicos e como exemplo basta dicir que case a totalidade das canteiras de pizarra que se ubican dentro da sua demarcación son explotacións ilegais... e seguen a funcionar. Faise chantaxe cos postos de traballo.
-Hai dous anos anos entregaron á Consellería de Medio Ambiente un dossier solicitando a figura de Parque Natural na zona. Cal é a razón?
-Por que xa se preveía o perigo por dúas bandas. Por un lado as canteiras de pizarra seguían avanzando ata os cumes de Trevinca e por outro lado as comunidades de Montes dos pobos do Concello de Carballeda requerían a instalación dos parques eólicos. Como exemplo en este sentido hai pobos neste concello que polo aluguer do seu terreno as canteiras cobran grandes cantidades de diñeiro e queren cobrar agora máis por este novo concepto. Neste senso non se da fixado poboación.
-Que outra alternativas plantexas na zona para o desenvolvemento económico da mesma?
-Apoiamos
as inicativas que neste tema está levando o outro Concello implicado na zona, o da Veiga. Xa esgotada a alternativa da estación de esquí, apostan polo turismo rural. Desenvolvemento do embalse de Prada. Nós tamén apostamos pola conversión das antiguas minas de Wolran en Casaio e Vilanova en sendos centros de interpretacion da natureza. Rehabilitación integral do pobo de Ponte, Riomao e Vilanova. Creación dun banco de casas para aluger e venda por parteda Xunta de Galicia. Desenvolvemento da gandería de montaña no pobo de Valdín.
Patrimonio na Groba
A Serra da Groba é un dos territorios costeiros máis singulares do sur de Galiza. As 6.600 hectáreas de monte afectadas polo proxecto presentado pola empresa Eurovento non están incluidas na Rede Natura. Na extensión de territorio solicitado (equivalente a uns 3.300 campos de fútbol) instalaría 21 aeroxeradores de 125 metros de altura, cunha potencia nominal unitaria de 2.300 kW.
A potencia total instalada sería 48,3 MW, regulada a 48 MW e a produción neta anual estimada acadaría uns 117.500 MWh/ano. O orzamento total do proxecto é de 27.406.347,62 euros.
O primeiro paso xa o deron: mercar a maior parte das terras ás Comunidades de Montes da zona aínda que hai algúns que se resisten. Agora só lles queda obter o visto bó das consellerías de Medio Ambiente, Cultura e Política Territorial (Dirección Xeral de Urbanismo) para construir o Parque Eólico.
A Plataforma SOS Groba asegura que se o proxecto se realiza desaparecera o riquísimo patrimonio natural, histórico e inmaterial da zona. “Falamos dunha concatenación de curros de cabalos por un lado”, apunta o arqueólogo Xosé Lois Vilar, “un cemiterio neolítico con catro mámoas, o Foxo Pedriño e o labirinto da Laxe Cruzada e algo máis alá un castelo que foi derrubado polos Irmandiños, todo en dous quilómetros. Se lle plantas 21 muiños, imaxina”. SOS Groba procurou, desde a súa fundación, compenetrar ás Consellerías de Medio Ambiente, Cultura, Industria e Medio Rural. “Coa administración falamos.”, sinala Vilar, “estivemos con delegados, directores xerais, só nos fai falta falar co Presidente. Danos a impresión que non lle dan a importancia que ten”.
O Eixe: teito de Galiza

A Serra do Eixe, o denominado teito de Galiza, salvouse ata o de agora da presencia dun parque eólico. A Consellería de Innovación e Industria ten nas súas mans decidir se vai continuar así ou non. Nos seus despachos está o proxecto que a empresa Galaico-Portuguesa que pretende construir nas zonas denominadas “Os Gaviais”, “Poula das Borraxes” e “Pena Redonda”, con altitudes comprendidas entre os 1.400 e os 1.500 metros. Serían sete aeroxeneradores cunha potencia de 15,2 megavatios que estarían conectados por dous circuítos subterráneos e haberá que construir outra torre meteorolóxica de 80 metros de altura. O orzamento da empresa é de algo máis de 19 millóns de euros. Toda a zona onde se pretende instalar o Parque Eólico foi declarada Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) a instancias da Unión Europea. Especies inventariadas neste territorio están entre as que son obxecto de especial protección e conservación. En concreto falamos da Águia real e o Falcón peregrino, ámbalas dúas vulnerábeis e a protexer. Aínda que o estudo proporcionado pola empresa indica que “El número máximo de colisiones estimadas para las Águilas Reales en el Parque eólico de Pena Redonda sería el de una colisión/año”, o rexistro de exemplares avistados na zona é de catro polo que nun prazo de catro anos desaparecerían. A Sociedade Galega de Ornitoloxía xa se amosou contraria á instalación deste parque eólico. O sector do turismo rural, un dos motores do rexurdir económico desta zona de alta montaña, tamén está profundamente preocupado. A hostelería e as empresas de deporte de aventura e natureza poderían pechar se o atractivo paisaxístico desaparecera. A Plataforma “Salvemos Trevinca” lembra que “A Lei da Paisaxe, de obrigado cumprimento e recente aprobación, así como a previsíbel declaración do Parque Natural do Macizo de Pena Trevinca, obriga-nos a toda a cidadanía galega e tamén ás Administracións a conservar e recuperar unha das mostras do noso máis valioso Património Natural, as nosas máis altas montañas, coas suas máis fermosas paisaxes”.