![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado 10:15 |
De fio a fondo

Redacción
Datos do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia sinalan que tan só 7 dos 41 concellos que recibiron unha subvención da Xunta para crear un servizo de normalización lingüística o manterán activo máis alá de finais de ano. Os municipios solicitaran as axudas antes das eleccións e son agora os novos gobernos os encargados de xestionalas. A Dirección Xeral de Política Lingüística creará, antes de fin de ano, un consorcio de planificación no que figurarán o goberno autonómico, as deputacións e os gobernos locais.
A lingua galega segue sen ter un sistema válido de protección no eido local, ou así o aseguran os membros da Coordinadora de Traballadores/ as de Normalización da Lingua (Ctnl). Hai uns días deron a coñecer os datos do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega cuns resultados ben alarmantes. Dos 41 concellos aos que a Xunta lles concedeu unha subvención neste ano 2007 para a creación dun servizo de normalización lingüística, só 26 crearon finalmente este servizo, dos que 19 volveron pechalo despois de 2 ou 3 meses de actividade e só 7 teñen previsto mantelo activo máis alá de finais de ano. Para os responsables do CTNL “as cifras falan por si mesmas e dan conta dunha realidade que non beneficia en absoluto a planificación lingüística no eido municipal”. Constátase a consolidación dos chamados “servizos guadiana”, creados ano tras ano ao abeiro de axudas económicas e que manteñen a súa actividade durante un período de tempo totalmente insuficiente para poder planificar e xestionar con éxito calquera tipo de labor normalizador o que supón tamén unha situación laboral do sector xeneralizada de inestabilidade, temporalidade e precariedade laboral.
Como se indica no informe presentado pola Ctnl, ademais do breve período de duración dos SNL, outra cuestión non menos preocupante é a relacionada coa actividade á que se destinan boa parte destas axudas. En efecto, instalouse nun bo número de concellos a tendencia a acollerse ás citadas subvencións autonómicas co único ánimo de financiar durante 2 ou 3 meses o salario dun profesional “que traduza e corrixa lingüísticamente a documentación municipal”. Neste punto as cifras son alarmantes posto que, segundo denuncia a CTNL, “o 90 por cento destes novos SNL realizan funcións que a lei 5/1988 obriga a realizar aos propios funcionarios municipais”.
Os sindicatos consultados admiten que o problema é complexo. Hai vinte anos que a lexislación obriga ás entidades locais a redactar en galego toda a súa documentación pero hai funcionarios que non a cumplen. Xosé Carlos Crespo (CIG-Administración) sinala que o estatuto do empregado público deixa moi claro que o funcionario público debe empregar o galego e que a adminstración local debe poñer os medios para que así sexa. O que non queda tan claro é que pasa cando os funcionarios non realizan a súa función por escrito. Segundo os datos aportados pola CTNL semella que son os propios normalizadores os que rematan o traballo.
Diferentes casos
A casuística cambia nos diferentes concellos. Algúns como Tomiño atopáronse coa subvención solicitada polo anterior goberno do PP “sen ningún tipo de planificación”, afirmou Sandra González, actual alcaldesa nacionalista. “Contratamos persoal para ese mes coa intención de preparar un proxecto estable de servizo de normalización lingüística para o vindeiro ano”, engadiu. Noutros casos houbo concellos que rexeitaron as axudas da Xunta. Arzúa, por exemplo, acolleuse a unha subvención da Deputación da Coruña “con máis orzamento e mellores prazos”, segundo afirmou Sonia Seoane, a secretaria de Alcaldía. “Agora mesmo estamos en proceso de contratación de persoal para o Servizo de Normalización Lingüística”, engadiu. Tamén de prazos fala Marcelo Rodríguez Acosta, secretario do concello do Porriño. “A subvención foi aprobada o 29 de agosto e a presentación de documentación dos resultados era para o 31 de outubro. Só tivemos tempo de contratar o servizo nos meses de setembro e outubro”, sinalou.
Encontro na Coruña
Para tratar destes temas a Deputación da Coruña organizou, en colaboración coa CTNL, un encontro o pasado 28 de novembro en Bergondo. Nesta xornada participaron arredor de 75 persoas, entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística de 40 concellos da provincia, ademais de representantes doutras entidades relacionadas coa normalización lingüística. Entre as conclusións ás que se chegou foi que os concellos teñen a obriga e responsabilidade de promocionar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais, polo que, ademais da súa galeguización e de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía, tamén deben implementar políticas lingüísticas transversais activas, dinámicas e integradoras para así implicar no proceso normalizador ás distintas entidades, sectores e colectivos sociais. Por este motivo a aposta máis clara sería a creación e impulso de servizos de normalización lingüística (SNL) e a aprobación de regulamentos ou ordenanzas municipais de usos lingüísticos e impulso á normalización.
Queda claro que cada concello trata o tema dunha maneira diferente. Por este motivo outra das conclusións sinala que se o obxectivo é o uso e o prestixio do galego en todos os ámbitos sociais debe ser asumido por todas as organizacións políticas en todos os concellos, deixando de lado as confrontacións partidarias.
Por último sinálase a necesidade de incrementar orzamentariamente as axudas para a normalización da Xunta de Galicia,;a necesidade urxente da creación do consorcio anunciado pola secretaria xeral de Política Lingüística e a realización de xornadas sobre o tema.
Futuro consorcio
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, comprometeuse a crear un consorcio de Planificación Lingüística antes de finalizar este ano. Esta entidade, entre outras funcións, deseñaría e executaría accións de planificación e dinamización lingüística, comúns aos servizos de normalización existentes nas entidades locais, prestaría servizos de asesoramento lingüístico e coordinaría os servizos de normalización para unha toma conxunta de decisións e unha posta en común de accións.
Está previsto, nun principio, que os entes consorciados sexan, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, as deputacións provinciais e os concellos máis grandes de Galiza. O consorcio terá, segundo explicou Marisol López, "autonomía e funcionalidade suficientes como para abordar, coa eficiencia requirida, os grandes retos da Administración local no curto, medio e longo prazos, representado unha peza institucional e organizativa fundamental na achega de iniciativas, a materialización de proxectos e o acadar de resultados".
Nel Vidal Barral*

Cómpren novos modelos para a política lingüística desde as administracións locais. Desde a CTNL levan anos reclamándose, mais é preciso insistir.
A situación actual dos servizos de normalización lingüística (SNL) caracterízase pola falta de planificación, de coordinación, de dirección técnica e política. Pola inestabilidade, precariedade, temporalidade e pola falta de definición de obxectivos.
A CTNL xa presentou en 1998 un outro modelo, unha proposta de coordinación e comarcalización dos SNL, que podería facerse mediante un consorcio. A proposta, case 10 anos despois, parece que por fin foi asumida, pois xa se anunciou a inmediata creación do Consorcio de Planificación Lingüística.
Agardamos que este novo organismo se constitúa cos recursos materiais e humanos necesarios, e que del formen parte todas as administracións locais que libremente queiran adherirse. Este ten que ser o organismo fundamental de implementación da política lingüística no noso país, debe asumir e coordinar os SNL e debe ter capacidade de intervención social en todos os ámbitos sociais.
*Nel Vidal Barral é Presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) .

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986