![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado ás 09:33 |
De fio a fondo

Redacción
Os últimos meses varios sucesos protagonizaron as portadas dos medios de comunicación no Estado español. Ataques violentos realizados por persoas vencelladas á últradereita lembraron, de súpeto, que aínda hai moitos que cren e queren tempos antigos e por moitos esquecidos. Segundo fontes oficiais existen no Estado español máis de 10.000 persoas con tendencias políticas próximas ao pensamento anticonstitucional herdeiro do franquismo. A pesar da recentemente debatida Lei de memoria Histórica varios grupos con esta ideoloxía pretenden homenaxear a memoria de José Antonio e Francisco Franco. Diante deste panorama a resposta das institucións é, nalgún caso, polémica: son organizacións políticas legais.
Ultradereita en Galiza
Por estraño que nos pareza a algúns, dende Galiza non son poucos os que pretenden desprazarse a Madrid nestas datas. Un responsable da Falange ven de confirmar a A Peneira que este ano agardan fretar catro autobuses, un por cada provincia. Algo que fai indicar que, lonxe de desaparecer, Falange medra. O ano pasado tan só dous autocares chegaron a Madrid dende Galiza e tampouco podemos esquecer os 968 votos que acadaron no país nas eleccións do 2005.
O que non nos quixeron facilitar dende o partido foi nin a hora nin o lugar de saída destes autobuses, "porque no se trata de un mitin político y quien quiera ir con nosotros sabe como encontrarnos". Nós o fixemos, atopamolos, por Internet porque, aínda que pareza que na vida real se agachan, na rede proliferan as páxinas da dereita máis retrógrada.
M.P. Fuentes, de FE-JONS Galicia corrobora tamén que o 18N "los falangistas gallegos iremos al Valle de los Caídos a realizar una ofrenda floral delante de la tumba de José Antonio".
Unha ofrenda que pode ser este ano a última vez que se celebre pois, unha vez aprobada a Lei da Memoria Histórica, remataranse os actos homenaxe neste símbolo do Franquismo. A despolitización deste val figura no artigo 16 da nova lei, que prohibe ademáis que no recinto do monumento se leven a cabo actos de natureza política o "exaltadores da Guerra Civil, os seus protagonistas ou o franquismo". Un artigo que foi aprobado tamén polo Partido Popular.
A partir de que a lei sexa aprobada polo Senado nos vindeiros meses, a Fundación que xestiona o monumento deberá fomentar "as aspiracións de reconciliación que hai na nosa sociedade".
Recuperar a memoria
Mentres tanto, mentres uns seguen venerando á sanguinaria ditadura franquista outros seguen entando recuperar a memoria e, en moitos casos, os corpos dos seus familiares. Logo de anos de silencio, de rancores durmidos, de sede de xustiza, ao longo de todo o país se están a levantar as fosas dos represaliados por un réxime que durou case 40 anos e dun esquecemento administrativo que chegou ata os nosos días, cando, por fin, se está a aprobar unha lei que permite lembrar aos desaparecidos.
Esta nova lei obrigará aos concellos a retirar a simboloxía franquista das súas rúas. Un arduo traballo en Galiza, onde as rúas Generalísimo e José Antonio conviven cos xugos a as frechas do réxime plasmados en fachadas, fontes e outras edificacións.
Así desaparecerán da Coruña as rúas Generalísimo, Sanjurjo, División Azul ou Caídos. Tamén os innumerables símbolos, placas e escudos franquistas. No Ferrol nestes últimos anos levan desaparecido a maioría dos símbolos de Franco, como aquela famosa efixie do 'Generalísimo' a cabalo. Quedan, sen embargo, algúns vestixios do réxime, como a Cruz dos Caídos da praza de Amboage.
De Vigo desaparecerá o monolito das Cíes ou o escudo de pedra da fachada da casa das Artes. Coas listas dos caídos que aparecen na Concatedral de Santa María e na Igrexa de Santiago de Vigo, aínda non está claro que se vai facer, logo da proposta de Abel Caballero, actual alcalde da cidade, de engadir á lista os nomes dos caídos do bando republicano. Tamén na provincia de Pontevedra desaparecerán as inscricións da Colexiata de Cangas do Morrazo.
De Lugo pódese destacar a desaparición do escudo da fachada do Instituto Secundaria Nosa Señor ados Ollos Grandes. Mentres en Ourense, en Beariz, non haberá máis graduados no colexio Francisco Franco.
Manifestación en Meirás
Mentres uns manifestan o seu apoio ao anterior réxime en Madrid, outros manifestarán a súa indignación en Meirás. A Asociación pola Memoria Histórica da Coruña organiza unha marcha o domingo 18 de novembro, e ten previsto estar diante da porta do pazo en torno ás 12'30 horas. Con esta iniciativa, pretenden pedir de novo a devolución ao pobo galego dun ben cultural tan importante. "Un pazo que continúa en mans dos herdeiros da Ditadura dende que o expoliaran ao pobo de Sada. Hoxe, nun Estado democrático, non se pode consentir un feito tal", aseguran nun comunicado.
O acto realizarase dous días antes de cumprirse o 32º aniversario da morte do ditador Franco (20 novembro de 1975) e cando está pendente de realizarse a inspección -non facilitada pola familia Franco- solicitada pola consellaría de Cultura para declarar o pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC).
A pesar dos antecendentes sinalados non existe a día de hoxe un debate sobre a ilegalización de formacións políticas de ultradereita. Teñen acceso a todas as facilidades das que gozan o resto de partidos democráticos, ata o de promocionar o seu discurso racista e xenófobo.Pola contra, lembremos que o Estado español si prohibiu varias formacións de esquerda e pechou varios xornais en Euskadi así como algún portal de internet en Galiza.
A dificultade de probar as conexións directas entre as actividades delictivas de certos grupos ultras cos partidos políticos da mesma ideoloxía pode ser unha das razóns para a non actuación pero non a xustifica. O certo é que os últimos acontecementos, con certas decisións xudiciais por medio, deixan en moi mal lugar a tan celebrada mediaticamente “transición española” fronte a outros procesos post-dictatoriais (Alemaña, Italia, Chile, Arxentina) que si actuaron con contundencia.

Durante o acto homenaxe ao sindicalista Manuel Amor Deus, cofundador de Comisións Obreiras de Galiza, o presidente do goberno galego, Emilio Pérez Touriño, mostrou o seu apoio á Lei da Memoria Histórica , coa que "non se pretende abrir feridas, nin dividir á sociedade, senón facer xustiza".
O presidente galego advertiu que é necesario que nas novas xeracións "se manteña viva a memoria do antifranquismo" non para "revivir agravios ou resucitar o pasado", senón para que os mozos saiban "que a democracia non foi un agasallo, senón froito do sacrificio de xente como Amor Deus", que estivo represaliado e encarcerado.
Pola súa parte o BNG apoia a Lei de Memoria Histórica porque será "o fin do silenzo" pese ás "limitacións" desta normativa. Así o fixo saber o deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, que asegurou que supón "o fin de silenzo", aínda que advertiu de que esta normativa ten "limitacións" respecto ás demandas dos nacionalistas galegos.
Na súa intervención na Cámara Baixa, o deputado ferrolán recoñeceu que o texto aprobado polo Congreso "ten melloras substanciais en relación a como saíu do Consello de Ministros", aínda que insistiu en que aínda persisten "limitacións derivadas da concepción dá Transición". Na súa opinión, o feito de que non se discuta "o pacto da Transición" atura que "non asume a anulación dous xuizos sumarísimos".
En todo caso, Rodríguez salientou que coa aprobación desta normativa "poderemos encarar o futuro sen negras sombras", tras lembrar durante o seu discurso a Castelao. "Como dicía Castelao, o militarismo, en definitiva o golpismo, o clericalismo, o centralismo que foi unha dás causas que alimentou ou espírito golpista, son aspectos que neste momento imos deslexitimar no simbólico en favor dos perseguidos", sinalou.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986