![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado 09:07 |
De fio a fondo
Antón F. Escuredo

O tren sempre foi considerado un símbolo de progreso. Mesmo agora agárdase que o AVE sexa quen de solucionar boa parte dos problemas do país. Entón, porque insistir no abandono e peche das actuais instalacións?
A chegada do ferrocarril a Galiza foi tardía en relación co resto da península. A liña Barcelona-Mataró comezou a funcionar en 1848 e a partir de 1855, coa Lei Xeral dos Ferrocarrís, principia unha expansión en todo o Estado español marxinando o noso territorio. Deste xeito a primeira liña de ferrocarril do país non chegará ata 1873 co enlace entre Carril e Cornes (Compostela). A conexión coa meseta aínda tardaría aínda algo máis, chegaría en 1885.
Cercanías
O ferrocarril español en Galiza ten moitas asignaturas pendentes. Ademais da mala conexión coas grandes zonas industriais como son Euskadi e Cataluña, quen non lembra traxectos interminables e sucesivos retrasos horarios, está a inexistencia do servizo de cercanías?. Renfe non conta con trens regulares que comuniquen as grandes áreas metropolitanas galegas.
Nembargantes na actualidade funcionan no Estado os de Asturias, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Madrid, Málaga, Murcia/Alacante, Santander, Donostia, Sevilla e Valencia. Un total de 1.300.000 habitantes das áreas A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra carecen do servizo que si teñen estas outras. Excusas como o número de habitantes quedan sen sentido xa que o espazo murciano só ten 450.000 habitantes e o cántabro 300.000 habitantes.
Principais eivas
A situación actual do tren en Galiza presenta un estado lamentable. Despois de anos de inversións mínimas, cando non inexistentes, o panorama podería resumirse en: abandono de estacións, recorte e peche de liñas coa excusa de falta de usuarios, ausencia da dobre vía e treitos excesivamente longos.
Do mesmo xeito que se investiron grandes cantidades de recursos noutros territorios (só hai que visitar a páxina oficial de Renfe para saber cales son) Galiza quedou á marxe dos grandes proxectos.
Peche de estacións
Xa hai ben anos que o proxecto “estrela” de Renfe é o ferrocarril a gran velocidade, o AVE. Este gran proxecto que leva 16 anos comunicacdo Andalucía con Madrid chegaria a Galiza cara o ano 2012 sen arranxar a actual problemática de cercanias. Na actualidade temos 26 estacións pechadas e a previsión é que en pouco tempo queden sen actividade a terceira parte das existentes. A chegada do AVE podería afectar definitivamente ás de A Gudiña, Curtis, Betanzos, O Burgo, Padrón, Pontecesures, Lalín, O Porriño, Carballiño, Ribadavia, A Rúa, O Barco, Guitiriz e Rábade. O resultado é máis que evidente: teremos máis facilidade de comunicarnos con Madrid que de facelo entre as nosas propias vilas.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986
Nas recentes xornadas “Transportes. O ferrocarril e as estructuras de comunicación” organizadas en Lugo por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) varios analistas e colectivos trataron o tema. Falaron Mar Chao, Directora Xeral de Transportes da Xunta, Emilio Manuel Fernández, Director Xeral de Desenvolvemento Sustentable, Xosé Carlos Fernández, Enxeñeiro de Obras Públicas, Xosé Manuel Beiras, e Camilo Nogueira. Tomaron como punto de partida a denuncia de que Lugo é a capital de provincia do Estado español peor comunicada por tren xa que non ten nin un tren diario diurno a Madrid. O nocturno lévalle 9 horas e só funciona seis días á semana. Non ten comunicación directa e diaria nin con Ourense, nin con Vigo, nin con Santiago, nin con Ferrol. Non ten servizos rexionais a Coruña antes das 8:52 horas. Despois, só hai outro as 19:24 horas. Tardan en facer o traxecto 2 horas e xa que ten programadas 15/16 paradas. Todos os participantes salientaron as deficiencias do ferrocarril galego. Mar Chao sinalou como solución “unha futura rede de camiños galega”. Neste mesmo sentido Emilio Pérez Touriño asegurara en maio do 2007 que “o Goberno galego está a impulsar a creación dunha dun ente ferroviario de Galicia que xestione o trasporte integral nas grandes áreas urbanas”. O modelo urbanístico que temos tamén contamina, sobretodo se non empregamos transportes limpos como pode ser o tren. “Durante as últimas décadas tomouse a deción de que o espazo público fóra cedido ao automóbil. O 65% do espazo público de todas as cidades do Estado é un espazo habitado exclusivamente polo coche. O 35% é o que nos queda a nós”, indicou Emilio Manuel Fernández. Para Medio ambiente, engadiu, “hai que fomentar o tren de cercanías. Dende o ponto de vista das emisións é máis importante que o AVE”. Non lle falta razón tendo en conta de que se unha persoa viaxa en tren consume de tres a dez veces menos litros equivalentes de gasolina por quilómetro que se viaxara en coche. No mesmo encontro Xosé Manuel Beiras apostou por un cambio de modelo que invista no transporte colectivo. “Ten que ser a propia presión da cidadanía sobre o poder político”, asegurou. Mentras, Camilo Nogueira denunciou que os fondos de cohesión da Unión Europea que deberían vir para o AVE “adícanse ás liñas de Andalucía, Madrid e Mediterráneo, e no aeroporto de Barajas”.
O exemplo catalán
Cataluña conta desde 1979 cun sitema propio que xestionou, nun prncipio, as liñas históricas transferidas polo Estado, FGC, Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya. Estes contan con toda unha rede de funiculares, a liña Lleida-Pobla de Segur (transferida en 2005) e é un sistema de comunicación complementario moi importante coas vilas da Área Metropolitana de Barcelona. Un exemplo está na localidade de Terrassa, a uns 23 quilómetros de Barcelona, que tens conexións diarias de entre 10 e 30 minutos todos os días.
Mobilizacións

Os cidadáns comezan a mobilizarse para esixir un cambio na política ferroviaria deste país. Varios colectivos convocaron o 7 de maio unha manifestación de protesta en Compostela. Xurde, tamén, a plataforma “Salvar o tren” formada por ADEGA, Verdegaia, Amigos da Terra, Sindicato de Estudiantes, Sindicato Ferroviario da Confederación Intersindical, CGT, Stop Accidentes e a Coordinadora do Tren Rexional. Esta iniciativa defende unha rede ferroviaria que fomente o equilibrio entre o rural e o urbano para favorecer a cohesión territorial e, a un tempo, un trasporte público sustentable, accesible para todos e socialmente xusto. “Salvar o tren” considera que unha sólida rede ferroviaria construiría a alternativa ao actual modelo de transporte baseado no coche e o camión, ineficiente e insustentable enerxéticamente, causa de gran parte das emisións de gases de efecto invernadoiro, do incumprimento do protocolo de Quioto en Galiza e no estado español, da pouca calidade do aire nas cidades e
dos preocupantes niveis de contaminación acústica que deterioran a saúde pública, así como da destrucción do territorio provocada polas sempre insuficientes e permanentemente meirandes infraestructuras
necesarias para o transporte
privado.