Actualizado
Xullo do 2008

De fio a fondo

Himno Galego: 100 anos escoitando aos rumorosos

Redacción



Eduardo Pondal

O poema musicado de "Os Pinos" celebrou por todo o alto o seu centenario na Habana, aínda que a verdadeira data do aniversario non será ata o próximo 20 de decembro. No mesmo escenario que entón, o Gran Teatro da capital cubana, volveu a interpretarse a música de Pascual Veiga e as palabras de Eduardo Pondal perante máis de mil persoas que enchían a platea e os palcos.

O texto do himno é froito da correspondencia que mantiveron Eduardo Pondal e Pascual Veiga en 1890, no que o compositor lle solicitaba ao escritor un texto para unha partitura que ía presentar con motivo dun certame que ía elixir o mellor himno galego para o caso que o premio resultase deserto. Logo de varias redaccións envíalle un primeiro texto que titulou Breogán. Pascual Veiga solicítalle algúns cambios na acentuación para adaptalo ritmicamente á música.

O texto definitivo publicouse xa como Os Pinos por primeira vez o 22 de maio de 1890 nun folleto do certame musical que convocara o Orfeón nº4 da Coruña para elixir a mellor Marcha Rexional Galega. O texto apareceu tamén n'A Monteira e en El Eco de Galicia da Habana. Ao final, aínda que houbo ensaios, o himno non se a interpretar. A maioría das versións do texto derivan do texto que apareceu no número 18 da revista Galicia da Habana en 1905. En 1935 o texto integrouse na segunda edición, realizada pola RAG, de Queixumes dos pinos, base das versións modernas do texto.



Pascual Veiga

O motivo central do texto é que Galiza debe acordar do seu sono (apatía política) e emprender o camiño cara a libertazón. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica.

Nas homenaxes
Tanto o presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, presente na homenaxe celebrada na Habana hai uns días, coma o vicepresidente Quintana, no programa especial emitido na Galega, quixeron deixar constancia da importancia do himno.
Pérez Touriño considera que esta canción de Pondal e Pascual Veiga, serviu para que a comunidade "tomase conciencia de si mesma e as súas posibilidades", é "unha chamada a seguir afondando na edificación dun gran soño colectivo". Así, instou a continuar o traballo diario por unha Galiza "máis libre, máis xusta, máis culta e máis solidaria".

Manifestou que o Himno Galego, cen anos despois da súa primeira interpretación, forma parte de "o mellor legado galeguista e democrático".
Quintana, pola súa banda, definiu “Os Pinos” “o canto da Galiza que se sente responsable do seu porvir" e "o son dun país que está certo de ter un futuro de benestar se confía na capacidade das súas xentes".

O nacionalista botou a vista atrás para lembrar que fai un século, a sociedade galega empezou a recoñecerse como suxeito de dereitos políticos, desexosa de "dotarse de institucións propias para gobernarse" e "decidida a destacarse como nazón botando mans de símbolos de identidade".
Tamén subliñou o "importante" papel dos galegos da diáspora que, naquel entón, perseguían o sono común de que "a nazón de Breogán tivese voz propia".

Quintana explicou como o pobo galego se reuniu "arredor da bandeira e do himno" para reclamar "a súa personalidade nacional" e "un futuro de felicidade". Neste sentido, indicou que a principios do século XXI "procuramos ampliar as súas capacidades soberanas" coa finalidade de construír "un novo espazo de cidadanía que nos permita o exercicio real dos nosos dereitos”.

Espalla esta nova
Mondoñedo, a celebración na terra de Veiga

Mondoñedo é, sen lugar a dúbidas, un dos centros neurálxicos da celebración do centenario de “Os Pinos” debido a que o autor da música, Pascual Veiga, era veciño dese municipio. Unha extensa programación de actos que van dende conferencias a concertos poderán disfrutarse na vila lucense dende o xoves 20 ata o sábado día 22.

Un mindoniense universal
Pascual Veiga foi un compositor e músico precoz nado o 9 de abril de 1842, autor da popular "Alborada" e da música do Himno galego.
Foi en Mondoñedo onde toma un primeiro contacto coa música, como neno de coro. Preséntase ás oposicións para organista da Catedral de Mondoñedo e da Colexiada de Covadonga, que non gana por non ter a idade requirida. Foi organista da Igrexa de Santo Domingo de Betanzos e da Colexiada da Coruña, ademais de profesor do Conservatorio Nacional de Madrid. Fundou e dirixiu varios orfeóns, recibindo numerosos premios. Durante esta época compón a que sería unha das súas obras máis emblemáticas, a "Alborada de Veiga", que sería estreada en Pontevedra, no ano 1880, espertando gran admiración en Galiza, e convulsión entre o galeguismo da diáspora. Dois anos despois funda "O Novo Orfeón", máis tarde coñecido como "Orfeón O Eco", e que pervive ata os nosos días. No ano 1889, funda o Orfeón Coruñes nº 4, e durante a Exposición Universal de Paris, gana co a medalla de ouro e as Palmas Académicas. En 1896 se vai vivir a Madrid, onde dirixe o "Orfeón do Centro Galego" e o "Orfeón Matritense", e traballa como profesor do Conservatorio nacional.
Morre en Madrid o 12 de Xullo de 1906; seis meses máis tarde, e grazas a unhas xestións de Fontenla Leal en Cuba, o Himno Galego estrearíase o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro de La Habana.

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986