Actualizado
Xullo do 2008

De fio a fondo

Maxia nas rúas de Compostela
O mes de Abril trouxo este ano moito máis que auga a Compostela. A maxia e a ilusión ocuparon as rúas da capital de Galiza nunha semana na que todo era posíbel: "A primeira semana internacional de Ilusionismo" lembrou aos composteláns e compostelás que hai todo un mundo máis aló da realidade cotiá.

Redacción

Nun país como o noso, cunha fonda tradición de crenza nos fenómenos máxicos, non podía faltar un evento dedicado a festexar o fascinante mundo do prestixio. Para acadar este recoñecemento necesario puxeron mans á obra os profesionais reunidos baixo as siglas da Asociación de Magos Profesionais de Galiza (MPG).
Difusión e protección
A MPG naceu co espírito de defender e impulsar a actividade da maxia profesional en Galiza. Xurdiu como unha iniciativa dos profesionais para tentar crear un espazo propio dentro das actividades artísticas e culturais do país. A súa finalidade fundamental é a de situar a actividade artística da maxia na consideración da sociedade galega como unha arte con entidade propia.
No seu amplo grupo de actividades destacan o interese por colaborar coas Administracións Públicas na difusión da maxia, o uso da língua galega como vehículo de difusión dos seus espectáculos e o interese por difundir o gusto pola maxia a novas xeneracións de magos.
Mais, sen dúbida, un dos proxectos máis ambiciosos da Asociación de Magos Profesionais é o de sentar os piares para a creación dunha futura Escola de Maxia de Galiza tentando acadar un recoñecemento legal das ensinanzas que podan impartir no futuro.


Ilusión nas rúas
E foi así, a través do interese da MPG, como o Concello de Santiago en xeral e a Concellaría de Cultura en particular se interesaron pola celebración desta Semana Internacional do Ilusionismo.
O programa de actividades deseñado polo Concello alongouse durante a semana que foi do 15 ao 22 de Abril. O conxunto de espectáculos deseñado ascendeu a un total que superaba os 60, a maioría deles de acceso libre.
Deste xeito, rúas, prazas e espazos públicos en xeral convertíronse en inesperados escenarios para acoller representacións de ilusionismo, maxia e presitidixitación. Máis de 30 magos procedents de todo o mundo colaboraron para transformar Compostela nun referente da maxia e a ilusión.
A iniciativa de "Compostela Maxia" partiu, como xa se dixo, do colectivo d eMagos Profesionais de Galiza. Así, esta Iª Semana Internacional do Ilusionismo se integra nun proxecto máis amplo e ambicioso, denominado Mil Primaveras Por Arte de Maxia.
Unha finalidade fundamental: lograr estabelecer un circuito anualde catro grandes festivais internacionais en todo o país, que convirtan a Galiza en referente mundial do sector.
Neste caso concreto, a organización do festival correu a cargo da Concellaría de Cultura compostelana e foi patrocinado pola Dirección Xeral de Creación Cultural da Consellaría de Cultura e pola S.A. de Xestión do Xacobeo coa colaboración do Consorcio.

Un programa completo
Na que, sen dúbida, foi unha programación completa e ambiciosa, o pistoletazo de saída correu a cargo dun dos profesionais máis valorados a nivel europeo: o portugués Luis de Matos.
Matos, que realizou o seu espectáculo nunha atestada Praza do Obradoiro, xogouse a vida nun espectáculo de escapismo que emulou ao realizado nas primeiras décadas do século pasado polo gran Harry Houdini.
Así, o ilusionista luso logrou zafarse dunha camisa de forza pendurado a 30 metros de altura dun guindastre mentres o tempo corría da súa contra, xa que lle prenderon lume á corda que o sostiña unha vez izado…
A intensidade deste acto inaugural xa presaxiaba a calidade dunha celebración que contou, ao tempo, com ducias de espectáculos de rúa que ocuparon, incluso, o insólito (para estes menesteres) espazo da Praza de Abastos santiaguesa.
Xunto a Luis de Matos e un montón de magos e ilusionistas galegos encabezados polo excepcional mago Romarís de Negreira, participaron en Compostela Máxica outras grandes figuras da maxia mundial como o xaponés Mahka Tendo, o estadounidense Aaron Crown, o sueco Johnny Lonn e os tamén estadounidenses Armando Lucero e Kevin James (un dos mestres de David Copperfield).

Gala Internacional
Con máis de 10 actuacións cada día, as noites foron reservadas para os grandes escenarios composteláns. Tanto o Teatro Principal como o Auditorio de Galicia foron os únicos nos que se cobrou entrada por acceder.
O Principal colleu dúas galas, nas que interivon, entre outros, Kiko Pastur e Abe Rábade, Chrystyan Magic, Dylan Ace, Malo, el Malísimo, Vituco, Romarís, Cyrille Sinclair e Pedro Volta.
Mais a gran gala, a Gala Internacional Compostela Máxica , celebrouse no Auditorio de Galicia coa intervención de Aaron Crown, Armando Lucero, Jason Ace, Johnny Lonn, Kevin James e Mahka Tendo, con Pepe Regueira de presentador.
Foi este un broche de ouro para festexar o éxito dun conxunto de espectáculos que teñen intención de perdurar nas seguintes primaveras.

Satisfacción dos profesionais
Non se agardaba, desde a organización da cita, un éxito como o obtido. Desde a Asociación de Magos Profesionais de Galiza, o Mago Antón destacaba que, "a pesares de ser unha arte escénica en contínuo crecemento, é certo que, en xeral, é moi descoñecida para o gran público se nos vamos fóra dos 3 ou 4 nomes de éxito mediático".
Sen embargo, Antón destacou que o grande obxectivo das xornadas era o de "gozar deste gran espectáculo que tentou facer que os máis grandes se convertiran en nenos por unhas horas", e que ese obxectivo cumpriuse com creces.
Desde a Concellaría de Cultura, por outra banda, as palabras de valoración se achegan bastante ás que presentan os magos do país. A "Iª Semana Internacional de Ilusionismo de Galiza" convertiuse nun éxito de público que, sen dúbida, "será repetido en anos posteriores".
O concelleiro de Cultura de Compostela, Néstor Rego, destacou que "a Semana da Maxia se eu a sumar a outra serie de iniciativas que xa existían e que tentan incidir no proceso de achegar a actividade cultural á cidadanía e en faer de Compostela un referente cultural europeo e mundial".
A este respecto, Rego sinalou que esta actividade se une a outras iniciativas postas en marcha nos últimos tres anos como Sons da Diversidade, Festival d'Gorra, Festiclown… e a outras que xa existían como Cineuropa ou En Pé de Pedra.

Espalla esta nova
CoMposTela MáXica



Será Abril un mes máxico para Compostela. Ningún cidadán ou cidadá nin visitante poderá quedar á marxe do irremediábel halo de misterio que envolverá a cidade. Tanto será así, que os mellores magos do mundo deliberaron ata atopar o lugar que se fundou, segundo conta a lenda, sobre o bosque do Libredón.
A Primeira Semana Internacional de Ilusionismo en Compostela non esquece, segundo palabras de Albert Einstein, que "o máis fermoso sentimento que un pode experimentar e sentir é o misterio. Esta é a fonte de toda arte verdadeira, de toda verdadeira ciencia. Aquel que nunca coñecera esta emoción, que non posúa nin o don marabilloso de encantarse, máis vale que estivera morto: os seus ollos están pechados…"
Prazas, rúas, e espazos como o do Auditorio de Galiza, o Teatro Principal, os centros socioculturais da cidade e do rural, os centros de ensino…, serán tomados polos magos que crearán a ilusión de que algo imposíbel está ocorrendo. No programa veremos aparicións, transformacións, escapismo…, de xamáns que fan realidade o imposíbel desafiando a explicación racional.
En definitiva, unha invitación que desde a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela lle facemos a todos e todas para divertirse, entreterse e participar no espírito máxico do festival.


©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986