Actualizado
Xullo do 2008

De fio a fondo

A Xustiza a debate
Sentenzas polémicas, folga de funcionarios e erros xudiciais están a poñer a un dos piares da democrácia nunha situación difícil. Hai sectores que solicitan xa cambios urxentes que solucionen a situación.

Antón F. Escuredo/Compostela


Semellaba un terreo pouco tratado a fondo pero os últimos acontecementos (sentenzas polémicas, folga de funcionarios e erros xudiciais) puxeron de actualidade todo o relacionado co mundo da Xustiza. Desde dentro xa hai sectores que solicitan cambios. As asociacións de xuíces e maxistrados Francisco de Vitoria, Xuíces para a Democracia e Foro Xudicial Independente advirten de que existe un "grave risco de erro e demora" na tramitación dos asuntos xudiciais, polo que é necesario acometer unha "auténtica" reforma da Xustiza.

Colapsos e retrasos
A xustiza galega é na actualidade a terceira máis colapsada do Estado, segundo datos do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) proporcionados pola Axencia Galega de Noticias. O ano pasado acumuláronse 6.424 máis asuntos pendentes de resolución, un incremento do 4,6% que no 2006.

Máis da metade deste aumento de asuntos pendentes produciuse na xurisdición contencioso-administrativa, cun incremento maior no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que pasou nun ano de ter 8.884 procedementos xudiciais por resolver a acumular 11.473 sobre as mesas dos seus maxistrados.
Na orde penal, a situación foi menos grave, cun aumento desde o pasado ano de 1.545 ata sumar xa os 60.851.

Sentenzas sen executar
As sentencias sen executar tamén medraron no noso territorio. A principios de 2007, as estatísticas xudiciais rexistraban un total de 76.093 fallos xudiciais sen cumprir en Galiza. Un ano despois, son xa 78.936. Delas, 53.661 (o 68%) corresponden á xurisdición civil, case todas ditadas por xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución.

Outras 20.550 sentencias sen executar pertencen á xurisdición penal (13.727 aos xulgados de o penal e outras 4.973 aos de instrución e primeira instancia e instrución, na súa maioría por xuizos rápidos).
Aínda que de menor importancia numérica, salientan polo seu alcance social as 41 sentencias penais pendentes de execución procedentes dos xulgados de violencia contra a muller, que chega ás 99 na orde civil.

Por último, quedaron sobre a mesa ao acabar 2007 outras 2.036 sentencias contencioso-administrativas, na súa inmensa maioría pertencentes ao TSXG, e 2.689 máis ditadas polos xulgados do social.

Caso 'Prestige'
O caso galego máis mediático que podería quedar impune é o do 'Prestige'. A maior catástrofe medioambiental do noso país está a eternizarse de xeito que poderían caducar algunhas das medidas ditadas pola xuíz de Corcubión. Cando se cumpren tres anos do accidente, no proceso que se segue aqui hai imputadas cinco persoas, mentras o estado español segue un litixio en New York no que reclama 1.000 millóns de dólares á empresa clasificadora do petróleo. Ata tres xuices pasaron polo caso e a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza xa solicitou e reclamou amparo ao Consello Xeral do Poder Xudicial. A día de hoxe a xuiz tomou medidas contra a sociedade ABS, encargada de certificar o bo estado do barco, imposibles de levar á práctica.

Inocentes na cadea…
Pero as situacións máis sorprendentes non sairon do noso país. En Granada a xuiz Adelina Entrena do xulgado de Motril mantivo na cadea ao longo de 455 días a un inocente. O caso aconteceu cando en 2005 se incorporou ao xulgado e no caso dun roubo o detido estaba en prisión preventiva. Tras declarar inocente ao daquela sospeitoso non se notificou a súa posta en liberdade.Neste caso a xuiz primeiro cargou contra os funcionarios do xulgado e despois alegou "sobregarga de traballo". O Tribunal Superior de Xustiza condenouna agora a un ano de suspensión de emprego ou cargo público e a indemnizar con 103.000 euros ao cidadán perxudicado.

Culpables en liberdade
Outro dos debates abertos na xustiza xurdiu despois do recente suceso que conmocionou á opinión pública: o asasinato de Mari Luz, unha cativa de cinco anos. O presunto culpable tiña que estar na cadea por dúas condeas por pederastia pero o xuiz que levaba o caso, Rafael Tirado, non ordenou executar as sentenzas. Este xa fora sancionado por neglixencia no 1995 polo CGPJ, nun caso de maltrato infantil. No 1995, a comisión disciplinaria do CGPJ multou con 50.000 pesetas (300 euros) a este xuíz por atrasar máis dun mes o exame forense dunha nena de dous anos supostamente maltratada polo seu pai. Hoxe este xuiz está expedientado.

Casos menos mediáticos pero alomenos curiosos hai unha morea. A Audiencia Provincial de Burgos absolveu a C. G., un conductor que foi condenado a seis meses de cárcere e dous anos de retirada de carné por ir por unha autovía a 260 quilómetros por hora, porque a súa "conduta temeraria" non supuxo un "perigo concreto" para ningunha persoa. Revocou así a sentencia ditada polo Xulgado do Penal número 1 de Burgos, que condenaba a home de 42 anos por un delito contra a seguridade do tráfico por condución temeraria. Noutro caso acontecido en Alacant a Fiscalía aceptou rebaixar seis meses de prisión a un pai que propinó unha malleira á súa filla de 17 anos durante unha discusión ao considerar que exerceu o seu dereito á corrección ou educación. O acusado foi finalmente condenado a tres meses de cárcere a pesar de que lle provocou catro hematomas á súa filla. Fontes da Fiscalía dixeron que é a primeira vez en Alacant que se aplica o artigo do Código Penal que permite moderar a condena a un acusado de maltrato cando cometeu o delito "polo exercicio lexítimo dun dereito". Tamén no sur do Estado, en Códoba, un xuiz absolveu a un vendedor de copias ilegais de Cd´s ao considerar que o facía "para subsistir".

Espalla esta nova
Ana María Gómez Bande, xuíz decana de Ponteareas

‘Faltan medios materiais e moito medio persoal’

A. Fernández/ PONTEAREAS

-É bo este rebumbio mediático actual ao redor da xustiza?
-Non. Moitas veces as novas non reflexan a realidade. Temos exemplos de casos que xulgamos e nos xornais non saen como son, terxivérsanse algunhas veces polos letrados. Nin todo é tan malo nin tan bo.

-Fálase de falta de medios...
-Faltan medios materiais e moito medio persoal. Hai, poderiamos dicir, unha falta de proporcionalidade nos funcionarios entre o volume de asuntos dos xulgado e o número de funcionarios que temos. Hai unha previsión por xulgado de dous oficiais, tres auxiliares e un axente. O que ocurre é que un xulgado que ten 400 asuntos civís non é o mesmo que un que ten 600, ademais dos asuntos penais que levamos. É imposible, necesitariamos máis funcionarios e que tiveran en conta o volume de asuntos en cada xulgado. Tamén hai o problema de que cando un funcionario está de baixa ás veces tárdase máis dun mes en reemprazalo. Mentras esa mesa está paralizada e seguen entrando asuntos novos. Aí temos un problema grave que depende da Dirección Xeral. Tamén ocorre cando hai traslados.

-As cifras din que hai poucos xuizes e moitos procuran traslados...
-En proporción co resto de España non somos tan poucos. Hai moitos que están de paso, supoño que pola propia particulariedade galega con pobos moi aillados. No caso de Ponteareas, por exemplo, se non es de aqui pois non terá tantos atrativos para ti. No fondo somos seres humanos e queremos estar cerca da nosa terra. Pode influir que os pleitos que temos aqui son de terras, herencias e non gustan tanto e dan moito traballo.

-A lingua é un problema nos xulgados?
-Cada vez menos. Evolucionamos en todos os aspectos. Si é verdade que a lingua empregada segue sendo preferentemente o castelán pero porque aínda se nos fai un pouco dificil falar en termos da administración de xustiza en galego. Se un administrado ou unha testimuña ven e fala en galego faise en galego. Hai profesionais que empregan o galego e ben. Coido que o idioma non é un atranco para os xuices, non é un idioma tan difícil de entender.

-Na sociedade séguese a ter a idea de que con cartos un pode escapar á lei...
-O xuiz é un mero aplicador da lei. Para que unha persoa poida entrar na cadea ten que cumplir uns requisitos. Ás veces aparece nos medios de comunicación que alguén que estafou tantos millóns e non entrou na prisión porque pagou unha fianza. Hai que saber que non depende da gravidade dese delicto económico esa medida. Se ten un domicilio coñecido e non ten antecedentes penais non existe esa proporcionalidade. Un estafador non ten porque seguir cometendo un delicto. Non é o mesmo que un homicidio. Temos o caso de Marbella onde si hai unha prisión preventiva e unha fianza moi importante.

-Ten que haber cambios legais para mellorar a xustiza actual?
-Coido que é unha suma de todo. Habería que solucionar a falta de persoal e logo tamén, en certos tipos de delictos como os abusos sexuais, deberían endurecerse máis as penas.


A MESA denuncia que a Xustiza continúa a vulnerar os dereitos lingüísticos

A.F.E./ COMPOSTELA

A lingua é outro dos temas de actualidade na xustiza galega. O relatorio elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, presentado estes días en Compostela denuncia as “continuas vulneracións na administración de Xustiza da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) do Consello de Europa, que foi ratificada por unanimidade polo Congreso dos Deputados do Estado”, segundo indicou Alba Nogueira, profesora de dereito na Universidade de Santiago de Compostela e membro do Observatorio de Dereitos Lingüísticos.

"Se a xustiza non vela polos dereitos lingüísticos, un dos piares do Estado de Dereito deixa indefensos aos cidadáns" asegurou Nogueira en referencia ás vulneracións da CELRM. Segundo o informe "apenas hai funcionamento da administración en galego, en boa parte debido a que os programas que utilizan non están traducidos á nosa lingua, e calquera xuíz que queira utilizar o galego ten que pasar o duplo de traballo". Por outra parte Alba Nogueira lamentou que "faltan por traducir unha grande cantidade de textos normativos ao galego, o que provoca dilacións que se acumulan ás dilacións habituais deste campo". A xurista denunciou "que mesmo se dan casos de xuízas perseguidas polo uso do galego, algo totalmente inadmisíbel", en referencia á denuncia da cadea COPE contra a maxistrada Ana López-Suevos.

A Coruña
Ademais desas eivas, fixo alusión ao "déficit de execución de sentenzas que amparan a cidadáns que defenden os seus dereitos lingüísticos", e puxo como exemplo o acontecido durante moitos anos co topónimo da Coruña. Recordou que mesmo hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza no que se asina "en la villa en la que este tribunal tiene su sede" para non empregar o topónimo en galego.