![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado |
De fio a fondo
Antón F. Escuredo/ COMPOSTELA

Vinte metros cadrados. Con só vinte metros cadrados conta a Fundación Castelao para dar a coñecer a figura do histórico galeguista despois de 23 anos de funcionamento. Esta entidade de caracter privado creouse o 28 de decembro de 1994 por iniciativa de Ramón Martínez López e Avelino Pousa Antelo. Teresa Rodríguez, irmá de Castelao, foi a presidenta de honra ata a súa morte e na actualidade esta a cargo da entidade Pousa Antelo.
"Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é a única figura aceptada unanimemente por toda a Autonomía galega", sinala Alfonso Paz Andrade, vicepresidente da Fundación. "Vicente Risco, Otero Pedrayo, por exemplo, teñen moitos defensores pero non acadan esa unanimidade", engade. Ninguén pon en dúbida esta afirmación. A Xunta de Galicia hai anos instaurou as medallas que levan o seu nome como o máis alto galardón do país. Mália as diferencias ideolóxicas non se cuestiona a relevancia da súa figura. Así e todo segue sen contar cun lugar que centre a súa obra e a institución que traballa por dignificar a súa figura está sen recursos.
Onde está a súa obra?
A gran cantidade de produción cultural e política de Castelao (pinturas, debuxos, cartas, libros, ...) atópase espallada nos máis diversos lugares. Despois do golpe de estado do 1936 todas as súas propiedades foron embargadas "por responsabilidades políticas", segundo unha orde do gobernador militar de Pontevedra, "para que catro sinvergonzas da camisa azul as compraran por catro perras" en verbas de Pousa Antelo. A familia recuperou a casa grazas a Ramón Baltar que realizou a compra a través dun falanxista amigo seu. O Museo de Pontevedra é, na actualidade, a institución pública que conserva máis obra de Castelao pero ainda hai moita que está en mans privadas. Sen ir máis lonxe na última feira "Puro Arte" de Vigo vendianse dous debuxos do galeguista por 4.500 euros.
A casa
Un dos temas polémicos ao redor do patrimonio de Castelao é o futuro da súa casa . Moitos son da opinión que debería ser a futura sede a Fundación ou ben acoller un museo na súa memoria. "O concello ten intención de mercar a casa natal de Castelao", asegura Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo "se non o conseguimos iremos á expropiación". O rexidor ten en proxecto un gran conxunto museístico no que entrarían tamén as casas de Manoel Antonio e Rafaerl Dieste. A Fundación Castelao tentou tamén en varias ocasións convencer ao actual dono, Xavier Baltar, para que lles vendera a casa. A resposta foi sempre negativa. "Teresa queria cambiar o testamento pero xa estaba nos cen anos e pensamos que non merecía a pena complicarlle a vida. Pensamos que o herdeiro actual sería razonable e resulta que quere facer millóns e millóns a conta de Castelao", afirmou Pousa Antelo.
Na actualidade a Consellería de Cultura tenta declarala Ben de Interese Cultural (BIC) e o caso está en periodo de alegacións. Fontes non oficiais non descartan que en pouco tempo haxa novidades interesantes sobre este tema.
Fundación Castelao
"Galicia non se entende sen Castelao. É o noso José Martí", apunta Paz Andrade e engade que "é imprescindible na interpretación do noso país". Por este motivo non se entende a situación actual da Fundación que foi creada para manter e divulgar a obra do pensador galeguista. "Debería ter un edificio emblemático na capital do país, grande e con medios" di o vicepresidente da Fundación e alto cargo en Pescanova. Pousa Antelo é da mesma opinión. "En Santiago hai unhas cantas fundacións. Está a de Torrente Ballester ou a de Euxenio Granell cunhas cassa bastante dignas. En cambio de Castelao non se acorda ninguén".
A Fundación Castelao conta na actualidade cun pequeno local de 20 metros cadrados na rúa do Hórreo nº 37 e unha persoa que atende o seu arquivo. Os seus ingresos económicos veñen de doazóns e das cotas da Asociación de Amigos da Fundacións Castelao. Por motivos económicos e de falta de persoal deixaron de realizar algunhas actividades como as xornadas na Universidade ou de publicar os Cadernos Castelao. Pero ademais teñen un problema engadido: os dereitos sobre a obra de Daniel están en mans de Xavier Baltar, o herdeiro. "Agora se queremos facer algo enseguida aparece o herdeiro. Non hai solucións. Son lamentables as perspectivas que ten a Fundación", asegura Avelino Pousa Antelo. Unha das preguntas a responder sobre o futuro da Fundación é precisamente o seu papel en toda esta historia. Alfonso Paz Andrade ten a idea ben clara e pensa que "debería servir de corrente de opinión. A Fundación debería servir para explicar a mensaxe de Castelao". Do mesmo pensamento é Avelino Pousa Antelo.
O mes de xaneiro é o mes Castelao. Naceu o 30 de xaneiro de 1886 e morreu o 7 de xaneiro de 1950. Precisamente nestas datas na emigración americana organizan grandes actos en lembranza do que foi, e é, pai do nacionalismo galego. Tamén aqui, na Galiza territorial, foi protagonista de homenaxes. Aínda así hai moito camiño por diante na dignificación total do que é considerado por todos a gran figura do noso país.

-A Fundación Castelao, 23 anos despois do seu nacemento, segue sen ter un local en condicións...
-Contamos cos vinte metros cadrados do pequeno local que mercamos cando se celebrou o centenario do nacemento de Castelao, en 1986. Está na rúa do Horreo. Temos unha persoa de confianza que traballa cando pode alí. En Santiago hai unhas cantas fundacións. Está a de Torrente Ballester ou a de Euxenio Granell cunhas casas bastante dignas. En cambio de Castelao non se acorda ninguén.
-E en canto aos membros?
-Tivemos problemas cos estatutos e a nova incorporación de membros. Fixemos algunhas xestións pero agora coa nova lei temos impedimentos para integrar a novas persoas. Eu vou cumprir 94 anos… Morreron moitos dos fundadores, quedaremos uns 50. De todos os que figuran algúns non se preocuparon máis da Fundación e había tamén algúns oportunistas que só querian figurar. Si que poidemos crear a Asociación de Amigos da Fundación Castelao. Son algo máis de 100 persoas que aportaron algo coa súa cota e puidemos pagarlle a unha persoa para que atenda a Fundación.
-Como está a situación cos herdeiros de Castelao?
-Todo o que lle mandou Teresa que fixera, darnos facilidades para difundir a obra de Castelao… nada. Nós quixemos mercarlle a casa de Castelao en Rianxo. Dixémoslle que valorara a casa, sen chegar a especular, e nós fariamos unha suscrición popular a viven nacional galego para mercala. Non quixo.
Moita xente se aproveitou da obra de Castelao. Teresa queria cambiar o testamento pero xa estaba nos cen anos e pensamos que non merecía a pena complicarlle a vida. Pensamos que o herdeiro actual sería razonable e resulta que quere facer millóns e millóns a conta de Castelao. Non entendo como vivindo Castelao sempre dunha maneira moi humilde, dependendo dos amigos, agora o seu herdeiro queira sacar un beneficio económico. Ata ten os dereitos de autor.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986
O mes de xaneiro reúne varias homenaxes a Castelao na colectividade galega en Arxentina. Por un lado, a Federación de Sociedades Galegas organizou un acto na súa memoria que tivo lugar na praza que leva o seu nome...