![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado 10:15 |
De fio a fondo

Redacción
O Consello de Contas de Galiza é un dos primeiros organismos oficiais que se renovan desde a chegada do goberno bipartito. Como organismo independente non se modifica co cambio de poder, senón que depende das súas propias normativas. Por iso, ata o mes de xullo aínda formaban parte persoas nomeadas polo anterior goberno do PPdeG.
O pasado 17 de xullo tomaron posesión os seus novos compoñentes, froito dun consenso entre os tres partidos políticos con representación no Parlamento galego. A finais do mes pasado o Consello de Contas presentou o seu informe sobre as actuación en materia económica do goberno galego no ano 2004. Os resultados xa foron comentados por PSdeG-PSOE e BNG en comparecencias diante dos medios de comunicación. Ambas formacións coincidiron en criticar as actuacións do PPdeG nese período en que tiñan o poder na Xunta. Os datos económicos descubriron convenios millonarios con determinados medios de comunicación, subvencións sen control algún, escurantsmo e falta de transparencia.
Críticas do PSOE
O voceiro de Economía do PsdeG, Abel Losada, salientou que o informe do Consello de Contas de 2004 desvela "a paradoxa de que o anterior Goberno da Xunta incumpría mesmo as súas propias leis". Para os socialistas o informe deixa claro que as prácticas de actuación do Executivo anterior eran "a opacidade, a carencia de información sobre as distintas actuacións políticas, e a discrecionalidade, a falta de criterios obxectivos".
Losada sinalou que no ámbito das transferencias "sinálanse con claridade a non existencia dun Rexistro Xeral de Subvencións da Administración da Comunidade Autónoma", unha "carencia política que tivo que solventar o actual Goberno". Tamén afirmou que "se constata a falta da memoria dos expedientes de concesión de axudas", tanto sobre antecedentes como sobre razóns de oportunidades e obxectivos perseguidos. Losada salientou que o tema de razóns de oportunidade é "moi importante", porque "se entende que estas transferencias teñen que estar xustificadas en termos dunha necesidade obxectiva" e, na medida que non isto non se recolle, "ábrese a porta á discrecionalidade".
Por outra parte, tamén se establece dentro destas transferencias "unha porcentaxe de pagamentos anticipados superior ao establecido no propio decreto da Xunta", afirmou o político. É dicir, "a Xunta incumpre as súas propias leis". Ademais, nalgúns casos "superan os límites que existen sen a previa autorización polo Consello da Xunta", é dicir, en teoría algunhas destas transferencias "terían que pasar polo Consello da Xunta, e non pasaban".
Abel Losada afirmou que outra cuestión fundamental é que "non existe constancia das declaracións sobre outras axudas concedidas". Isto significa que un proxecto "podía recibir axudas de distintas consellerías para unha mesma actividade", explicou, o que supón unha xestión de fondos "cando menos discutible, sendo bastante maino".
No que fai ás recomendacións do Consello de Contas, o deputado socialista sinalou que "van na liña de que hai que corrixir todos estes defectos, axustarse á lei vixente". Isto significa "corrixir o tema das memorias, das razóns de oportunidade, pasar polo Consello da Xunta todas aquelas subvencións que superan o limite establecido".
No caso da contratación, o representante do PsdeG afirmou que "por unha parte os centros xestores de gasto non remiten unha copia dos contratos ao Rexistro Central de Contratos da Comunidade Autónoma", o que significa "a falta de control centralizado". Ao seu xuízo, trátase dun tema "enormemente grave" xa que, seguindo os datos do Consello de Contas, os criterios recollidos nos baremos defínense de modo xenérico, indicando o máximo de puntos pero sen especificar a súa puntuación.
As recomendacións do Consello sobre contratacións "van na liña dos problemas presentados", sinalou Abel Losada. Así, por unha parte estes órganos deben cumprir co deber de informar dos contratos recollidos no Rexistro de Contratos Centralizado da comunidade Autónoma e, por outra, os criterios recollidos nos baremos deben especificar a súa puntuación e a súa ponderación.
É dicir, as persoas que se presenten "teñen o dereito de coñecer co maior detalle posible cales son os baremos da Administración Pública para contratalos", afirmou o socialista. Ademais, advertiu que a Administración debe de actuar "con dilixencia" co obxectivo de "reservar a tramitación de urxencia para os casos acordes coa súa natureza".
Así mesmo, apuntou que "se detectaba unha sobreutilizacion dos procedementos de urxencia, que diminúen os mecanismos de control", polo que o Consello de Contas esixía que devanditos procedementos se destinasen a aqueles casos cuxa urxencia estivese motivada e lexitimada.
Losada sinalou que a través do estudo destes dous ámbitos de actuación, as transferencias e a contratación, "notificamos que a aposta do novo Goberno pola transparencia era absolutamente necesaria na práctica política galega". De feito, subliñou que "tanto a Lei de Transparencia como a Lei de Subvencións e a creación do Rexistro de Subvencións, aparecen recomendadas polo propio Consello de Contas", ademais de que a decisión política deste Goberno "está absolutamente lexitimada".
Críticas do BNG
O viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Bieito Lobeira, vén de asegurar en declaracións aos medios de comunicación que o informe do Consello de Contas sobre a Cidade da Cultura “vén dar a razón ao apuntado polo BNG”. Para Lobeira proxectos como o da Cidade da Cultura “desde a súa xénese tivo unha grande dose de ocultismo, sobre todo do ponto de vista orzamentario”, de tal xeito que nestes anos “triplicouse o orzamento previsto inicialmente” e pasouse dos 180 millóns de euros iniciais a máis de 373.
O deputado do BNG denunciou, asemade, o feito de que “toda a demanda de información feita non deu lugar a ningunha comparecencia. Nunca deron información do que se pretendía facer e agora o Consello de Contas vén dar dados reais sobre a inexistencia de proxecto e a falla de conexión co sector da cultura en Galiza”.
Por outra banda, o nacionalista insistíu en criticar a actitude do PP, agora na oposición, e que pretende “responsabilizar ao BNG das decisións do señor Manuel Fraga e o señor Pérez Varela”. Neste sentido, o nacionalista destacou a “transparencia” coa que está a actuar a nova reponsábel do departamento de Cultura, Ánxela Bugallo, con varias comparecencias no Parlamento para falar sobre este asunto, “a iniciativa propia”.
No informe do Consello de Contas sobre a xestión do goberno de Manuel Fraga Iribarne no 2004 aparecen 14.081.070 euros distribuidos en varios convenios con empresas de medios de comunicación.
As máis beneficiadas foron La Voz de Galicia(1.865.420 euros), El Correo Gallego (1.708.980 euros), Faro de Vigo (921.650 euros) e El Progreso (887.080 euros). Segundo o Consello de Contas moitos destes convenios presentan defectos de forma e irregularidades ademais de non ter presente criterios de selección.
Algunhas das características que salientaban estes acordos asinados por empresas e a Xunta era o papel de “contribución ao desenvolvemento, mellora e difusión da lingua galega”. Ademais de prensa escrita diaria accederon aos convenios emisoras de radio, revistas, medios dixitais, etc.

O informe crítico do Consello de Contas sobre a Fundación Cidade da Cultura durante a etapa do anterior goberno coincide co que a Consellería de Cultura leva afirmando desde o cambio de goberno, segundo fontes do departamento que dirixe Ánxela Bugallo En distintas comparecencias parlamentarias e informacións aos medios fíxose referencia á falla de planificación, ao ocultismo na comunicación do proxecto, á falla de conexión co sector cultural de Galiza e á ausencia dun verdadeiro proxecto cultural por parte do goberno do Partido Popular.
O informe do Consello de Contas fai referencia á xestión desenvolvida pola Fundación Cidade da Cultura desde o seu nacemento en 1999 ata o 31 de decembro de 2004. Desde o cambio de goberno, en agosto de 2005, a Consellería de Cultura e Deporte tomou cartas no sistema de xestión do proxecto e elaborou un verdadeiro contido cultural.
Transparencia
Para o deseño deste proxecto de contidos a Consellería sustituíu o sistema de ponencias asesoras, cuxo resultado criticou no seu informe o Consello de Contas, e implicou o sector cultural galego e ás principais institucións culturais do país. A Fundación contou coa implicación de institucións de cabeceira como o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986