Actualizado
Xullo do 2008

De fio a fondo

Na procura da arca perdida
Os novos gobernos municipais enfróntanse en moitos concellos a unha ardua tarefa: continuar coa xestión de goberno nunha situación orzamentaria precaria. Así acontece, por exemplo, e segundo denuncias dos gobernos entrantes nos concellos de Ourense e Vigo. En ambos municipios as anteriores corporacións, ambas do PP, deixaron as arcas valeiras. Os gobernos entrantes deben asumir agora, mediado o exercicio, ampliación de créditos e, no caso de Ourense, asumir a débeda do anterior goberno. Nesta situación vese envolta tamén a Deputación de Lugo.

Redacción

"Non hai ningunha dispoñibilidade orzamentaria para o actual exercicio, todo está totalmente consumido", denunciaba Abel Caballero logo de revisar as contas do concello. Caballero acusa do desvaraxuste, desta "herdanza francamente lamentable" a unha apresurada xestión do Partido Popular nos últimos meses da súa xestión municipal.

"O orzamento deste ano consumiuse en seis meses". No caso de Vigo o PSOE asegura estar sorprendido pola situación das arcas municipais, xa que nada ten que ver "con aquela tranquilidade orzamentaria que pregoaba o PP antes das eleccións de maio". Fai apenas tres meses, lembra Caballero, o PP aseguraba que había un remanente no concello de case 48 millóns de euros, pero "sabían que so quedaban 19.4 millóns, e agora quedan case 3.7 millóns". Unha cifra coa que terían que facer verdadeiros números para rematar o exercicio, polo que o actual goberno municipal tense que ver obrigado a pedir unha modificación de crédito de 7 millóns para que a xestión municipal non se paralice. A esta situación súmase, din dende o concello, que os cartos se van evaporando coa aparición de novas débedas.



Esta ampliación de crédito, aínda que habitual na xestión municipal, supón un traballo de xestión que o goberno de Vigo quixera ter que aforrarse, xa que deberá levarse a comisión informativa, a pleno, a exposición pública e ser aprobada de novo definitivamente pola corporación municipal. Eso sen contar con que o concello terá que pagala. Un traballo que sen embargo Caballero non se aforrará porque asegura que, a pesar do estado das contas, non quere renunciar nin a un so dos compromisos asumidos coa cidadanía de Vigo. Para elo están xa traballando tamén nos orzamentos do 2008. O PP de Vigo, o goberno saínte, lonxe de xustificarse se aplaude, e asegura que "que en xullo estea executado o orzamento é a mellor proba da eficacia e eficiencia na xestión". Unha actuación que denominan "brillante e excepcional".

Di José Manuel Figueroa, voceiro do grupo municipal do PP e anterior responsable de facenda, que Caballero "engana, mente e toma o pelo a cidadanía", mantendo que a súa foi unha moi boa xestión económica, conseguindo que Vigo fose o concello menos endebedado do Estado. "Fixemos unha xestión impresionante - asegura Figueroa - herdamos unha débeda de 108 millóns de euros e agora a deixamos en 66 millóns sen saírnos do orzamento, que como todo o mundo sabe é do 2005". O concello de Vigo está dende ese ano con orzamentos prorrogados.

Ourense
Unha situación semellante á de Vigo é a que está a vivir o concello de Ourese, que xa anunciou que non subsistirá ata decembro cos actuais fondos, non hai cartos, aseguran, nin tan sequera para pagar o alumeado público. As arcas están valeiras e xa nos tres últimos meses do mandato do PP o goberno, entón popular, tivo que recorrer a un recoñecemento de débeda e unha ampliación de crédito de 8 millóns de euros. A pesar desta entrada de capital "non hai cartos nin para cambiar unha bombilla" no alumeado público, segundo denunciou o actual tenente alcalde do municipio, Alexandre Sánchez Vidal. Ourense está en números vermellos, unha situación que Sánchez Vidal describe como "moi preocupante", xa non solo pola ausencia de cartos nas arcas, senón pola grande débeda que asumiu o concello nestes últimos anos. A única solución para este concello é unha ampliación de crédito para poder rematar o ano. Esta ampliación podería alcanzar os dous millóns de euros, segundo anunciou o alcalde da localidade, Francisco Rodríguez. A cifra exacta será decidida logo de coñecer o resultado final da auditoría interna e levada a pleno previsiblemente no mes de setembro. Polo momento os responsables de contas de Ourense sofren cada vez que chegan facturas que aínda deben pagar, como actividades do camiño de Santiago, publicidade en prensa ou gastos das festas.

Maside e Salceda
Pero esta situación non é exclusiva dos grandes concellos. Tamén nalgunhas vilas as corporacións entrantes estanse a atopar con pequenas sorpresas nas contas municipais. Un exemplo de elo é o concello de Maside, onde un informe económico ven de revelar a existencia dunha débeda de 500.000 euros, mentres a cantidade dispoñible para gastos non alcanza os 7.000 euros. Os socialistas, encabezados por Celso Fernández, acaban de entrar a gobernar este concello e tamén eles terán que superar os números vermellos para rematar o exercicio. Outro tanto pasa en Salceda de Caselas (Pontevedra). O nacionalista Xosé Manuel Suárez, responsable de Economía e Facenda, asegurou que “aínda temos facturas sen pagar de 1996”. O concello conta con 377.449,10 euros a día 16 de xuño, cando tomou posesión o novo alcalde Marcos Besada do BNG, pero ten pendentes 336.804,77 euros anteriores ao 1 de xaneiro do 2007. “Deste ano 2007 temos facturas pendentes por valor de 835.208,29 euros”, engadiu o concelleiro de Economía e Facenda, “sen contar coa débeda a amortizar coas entidades bancarias”.

Deputación de Lugo
Outro exemplo de sorpresa económica é a que se levou o BNG ao chegar á Deputación de Lugo, que acusou ao ata agora presidente Francisco Cacharro de facer "gastos elevados" nos últimos meses esgotando o orzamento provincial para este ano. Din os nacionalistas que a finalidade destes gastos, investidos en diversos vconvenios con algúns concellos da provincia, é "limitar a capacidade de decisión política do novo goberno", que estará formado por nacionalistas e socialistas. Antón Bao, voceiro dos nacionalistas, opona que algún destes convenios teñen "obxectivos oco claros" e dubida da súa urxencia, xa que en moitos casos foron feitos cando o goberno provincial atopábase "en funcións". A Deputación de Lugo pediu xa un crédito de 50 millóns de euros a pagar en dez anos, o que Bao considera " a mesma estratexia que fixo o PPdeG cando perseu o goberno da Xunta co fin de deixar hipotecado o orzamento do novo goberno provincial". Pola súa banda Cacharro, que se despediu no seu posto da Deputación o pasado 11 de xullo logo de 24 anos como presidente, non desaproveitou a oportunidade de facer fronte as críticas, aseguradno que son "rotundamente falsas". A situación queda en moi boa situación económica", dixo Cacherro, poñéndose a disposición do novo equipode goberno para "dar a información puntual que se me poidera requerrir". Con contas ou sen elas e ata a chegada dos novos orzamentos, os novos equipos de goberno non parecen ter as cousas moi doadas para chegar a fin de mes. Pasaralles agora como á maioría de familias galegas.

Espalla esta nova
As culpas quedan solteiras
*Marcos Besada

Dicía miña aboa que "do que che conten nada, e do que mires a metade". A verdade é que na herdanza económica que nos deixa en Salceda de Caselas o anterior alcalde, pagaba a pena que só se puidera ver a metade. Máis, por desgraza, os datos son tercos. Unha herdanza que se resume en máis un millón cen mil € , deles 835.208,29 de xaneiro a xuño deste ano, ou sexa , en periodo electoral; aos que hai que sumar outros 336.804,77 en facturas que se remontan ate o ano 1996. Con esta realidade, compre facer unha fonda reflexión sobre as maneiras con que as administracións públicas xestionan os cartos públicos. No caso de Salceda, a aguantar ate final de ano pensando nos novos orzamentos do ano 2008, e traballo arreo do Concelleiro de Facenda e da Tesoureiría Municipal para salvar a situación. Se o ex-alcalde levara a xestión económica da súa promotora como levou da súa man durante anos a facenda municipal, adeus á promoción... Urxe, pois, poñer coto legal aos gastos en periodo electoral, cunha lexislación demasiado permisiva, incluso nos periodos transitorios ate a constitución dos novos gobernos. Xa se sabe, lembrando outra vez a miña aboa, "que as culpas quedan solteiras porque ninguén as quere". Sobre todo cando llas podes endosar ao seguinte. Hipotecar o futuro dos que veñan non é, dende logo, a mellor herdanza que pode deixar un Alcalde que desexe sair pola "porta grande".

* Marcos Besada
é alcalde de Salceda de Caselas (Pontevedra)

Vista exterior do edificio onde se sitúa a Deputación de Lugo

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986