![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado 10:15 |
|
|
cultura A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia estrea imaxe e web
O concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, e o director da MIT, Rubén García, presentaron na estación de tren da vila a nova imaxe, protagonizada pola compañía local Teatro do Vilar
redacción
Do 19 ao 26 de xullo Ribadavia celebrará a súa xa tradicional Mostra Internacional de Teatro (MIT). Nesta 24ª edición contará con nova imaxe e cunha páxina web que xa está operativa.
O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Ribadavia, Anxo Collarte, e o director da MIT, Rubén García, presentaron na estación de tren da vila ourensá o novo estilo do evento, e anunciaron a apertura da convocatoria para o Premio Abrente de Textos Teatrais. O Premio Abrente, contará neste terceiro ano de existencia cunha dotación económica de 3.000 euros para o gañador. Os orixinais, escritos en galego, deberán facerse chegar ao Concello de Ribadavia antes do día 30 . Collarte destacou que os Abrente son “un dos galardóns máis importantes do panorama da escrita teatral”, que premian a creatividade dos autores novos. As bases do Premio Abrente, coma o resto da información relativa á MIT, poderán consultarse na web www.mitribadavia.com, que funciona na súa versión renovada. A nova imaxe da MIT é a da compañía local Teatro do Vilar, retratada na estación de trens con indumentaria propia dos anos corenta. “Sempre quixemos que os carteis da Mostra tivesen unha impronta forte, e este ano quixemos que estivesen presentes tanto a vila coma os seus teatreiros”, explicou Rubén García, para quen a imaxe “reflicte as idas e vidas das xentes do teatro, as que viñan hai anos a facer as súas representacións ata o Cine Europa, o Cine Río ou as prazas”. Programación case pechada A web da MIT centralizará a información relativa ao evento. Nela darase a coñecer a programación para este ano, que practicamente está pechada, e que, como ocorre desde hai 24 anos, aposta pola programación de actores vivos e obras recentes, combinando os grandes nomes co teatro máis rompedor. A Casa da Cultura, as igrexas, as prazas, as rúas e o castelo de Ribadavia converteranse durante máis dunha semana nun gran escenario no que o público poderá gozar non só cos espectáculos, senón tamén coa historia e os atractivos turísticos da vila. Espalla esta nova
|
|
|
NESTA SECCION :: ![]() |
|
![]() ©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA |
|