Actualizado ás 09:15
14 de maio do 2008

cultura

A Consellería de Cultura inaugura o 28 de marzo a Biblioteca Pública de Compostela
Ten de inicio 60.000 volumes e levará o nome de Ánxel Casal

redacción



Vista exterior da biblioteca


Para o día 28 de marzo está prevista a apertura de portas da Biblioteca Pública de Compostela.

A consellería de Cultura e Deporte inaugurará nesa data a nova biblioteca, que levará o nome de Ánxel Casal, recoñecendo así a importancia deste destacado intelectual galeguista e alcalde republicano da cidade, fusilado en 1936, peza fundamental do rexurdimento do libro e da cultura galega no primeiro tercio do século XX.

O novo centro permitirá que Compostela conte cunha biblioteca pública moderna e ben equipada, na que os libros conviven cos novos soportes da cultura e a información.

Abrirá cuns fondos de 60.000 exemplares, que inclúen libros (cunha numerosa colección de obras dirixidas ao público infantil), unha ampla sección de dvds (centrada en documentais, cine independiente e cine galego), cds musicais, programas informáticos, publicacións periódicas (xornais e revistas), e unha bedeteca cunha presenza especial da banda deseñada galega.

Eses fondos iniciais cos que se abre o centro serán ampliados de forma paulatina, co obxectivo de garantir unha oferta de títulos sempre actualizada. A Consellaría inviste, entre 2007 e 2008, 500.000 euros na adquisición de fondos, dos cales 300.000 investíronse o ano pasado, e os restantes 200.000 investiranse este ano.

Neste momento están traballando xa no centro as 37 persoas.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986