Joan Manuel Tresserras, Miren Azkarate e Ánxela Bugallo anunciaron un marco de colaboración estable en materia de política cultural, que ten como obxectivos desenvolver programas comúns a partir de plans anuais, intercambiar información en materia de comunicación e estudo da realidade cultural .
O poema musicado de "Os Pinos" celebrou por todo o alto o seu centenario en La Habana, aínda que a verdadeira data do aniversario non será ata o próximo 20 de decembro. No mesmo escenario que entón, o Gran Teatro da capital cubana, volveu a interpretarse a música de Pascual Veiga e as palabras de Eduardo Pondal perante máis de mil persoas que enchían a platea e os palcos.
A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados deu luz verde á proposición do portavoz do BNG, Francisco Rodríguez, para que o Goberno presente, conxuntamente con Portugal e dacordo coa Xunta, as Tradicións Orais Galego-Portuguesas como candidata a Patrimonio Inmaterial da UNESCO.
A asociación A.S.C. Adellís organiza unha maratón cinematográfica que constará de sete filmes, un máis do que vén sendo habitual, cos que pretenden achegar a Silleda unha pequena escolma dalgunhas das películas máis destacadas e premiadas do panorama internacional recente.
Breves
Bugallo inaugurou a mostra 'Rostros da memoria' de Xurxo Lobato
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, inaugurou na Casa da Parra en Compostela a exposición ‘Rostros da memoria’ do fotógrafo Xurxo Lobato, un novo recoñecemento ás vítimas do franquismo en Galiza.
No acto interviron ademais do propio autor das imaxes, unha das protagonistas da mostra, Teresa Alvajar López; e estarán presentes o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, o concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego e unha vintena dos represaliados que cederon a súa imaxe para a exposición que permanecerá aberta ata o 30 de xaneiro.
O Cgac acolle unha exposición do artista vigués Lodeiro
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle ata o 24 de febreiro unha mostra antolóxica do artista vigués Lodeiro, falecido hai 11 anos. Trátase dunha ampla retrospectiva comisariada por Román Pereiro e Alberto González-Alegre, que inclúe litografías, debuxos e pinturas do autor.
A mostra inaugurarase ás 20 horas, coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o director do centro, Manuel Olveira; e os concelleiros de Cultura e Turismo de Vigo, Xesús López e Santiago Domínguez. Segundo o CGAC, con esta exposición pretende "facer xustiza cun artista" que "é un alicerce da arte contemporánea".
Teatro D2 estrea as súas ‘Flores Migratorias’ no Teatro Ensalle de Vigo
A xove compañía compostelana estrea en Galicia as súas "Flores Migratorias" no Teatro Ensalle de Vigo (www.teatroensalle.com) os días 14, 15, 16, 21, 22 e 23 de decembro. A vida, o día a día, as pedras cas que tropezamos que nos leva a tropezar con outras, os olores, as sensacións… Nada que perder. Flores migratorias é un espectáculo que fala da insatisfacción como unha sensación inherente ó ser humano, daquel momento que nos cambiou a vida, dos ratos nos que só hai lugar para a sinceridade e da placenteira sensación de volver a ser neno por uns segundos. E todo aliñado con grandes doses de humor ó ritmo de Elena Santonja.