
:::: EDICION DIXITAL
Actualizado 09:07
12 de febreiro
comarcas
redacción

Os representantes dos sindicatos CIG, CC.OO e UGT e os empresarios do transporte de Pontevedra acordaron aprazar ata o mércores 30 de abril, a partir das 17.00 horas, a negociación dos aspectos máis substanciais do convenio colectivo para tratar de evitar unha folga indefinida que comezaría o próximo 5 de maio.
Despois de algo máis de dúas horas de reunión, os sindicatos concluíron que as diferenzas entre as partes "seguen sendo abismais", especialmente no que respecta a salarios e axudas de custo, polo que volverán reunirse na mesa de negociación a próxima semana.
O representante da CIG Xosé Fernández Piñeiro afirmou que a proposta presentada pola patronal é "absolutamente insuficiente e mesmo ridícula", e nela se formula unha suba lineal do salario de 50 euros mensuais, máis 40 euros dun plus de produtividade e outros 40 euros de compensación por convenio.
O responsable de UGT Cándido Rodríguez Graña advertiu de que esta suba non satisfai as demandas dos sindicatos, que reclaman un salario fixo "de polo menos mil euros". Así mesmo, confirmou que tampouco se produciron avances no referente ás axudas de custo para comidas e pernoctacións.
Así as cousas, os empresarios aceptaron, sobre a base dun documento presentado polos sindicatos, que contén uns 40 puntos, e, de acordo coa súa asemblea, que se celebrará o sábado, elaborar unha "contraoferta". Do mesmo modo, os sindicatos convocaron aos traballadores do sector para unha asemblea que se celebrará tamén o sábado ás 12.00 horas na Asociación de Veciños de Cabral.

©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986