Actualizado 10:15
5 de setembro

COMARCAS

Ponte...nas ondas ! ultima a reformulación do dossier da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués
Enviada a proposta ao Ministério de Cultura de Portugal

No  pasado mes de setembro,  a Unesco, en reunión celebrada en Tokio,  decidiu abrir o proceso para a inscrición na Lista Indicativa do Patrimonio  Inmaterial, segundo o novo procedemento establecido pola Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial. A Asociación Ponte...nas ondas! transmitiu aos respectivos gobernos de España e Portugal, así como á Xunta de Galicia, a nova oportunidade que se abría para inscribir a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas na futura Lista Indicativa que se proclamará en setembro de 2009.

Desde entón, Ponte...nas ondas! estendeu a chamada ao resto da sociedade para que apoiase novamente a presentación desta Candidatura. Para iso, máis de dous mil xoves das dúas beiras do Miño ocuparon as catro pontes internacionais sobre o Miño nunha cadea humana que procuraba chamar a atención das institucións e dos organismos responsábeis para que respaldasen novamente a Candidatura, a primeira en ser promovida por centros educativos de dous países.

O Congreso dos Deputados de España, aprobaba por unanimidade o 11 de decembro de 2009 unha nova resolución de apoio á presentación desta Candidatura, tal como fixera no proceso anterior no 2004,  nunha iniciativa promovida polo deputado do BNG Francisco Rodríguez.

En paralelo a estes apoios e actos, Ponte...nas ondas! vén realizando, coa coordinación dun grupo de especialistas de Galiza e do Norte de Portugal, pertencentes a varias universidades e institucións relacionadas co patrimonio cultural, a reformulación do dossier da Candidatura segundo as recomendacións formuladas pola propia Unesco.  O equipo coordinador da reformulación está composto por:

  • Álvaro Campelo, Doutor en Antropoloxía, Profesor da Universidade Fernando Pessoa do Porto e Director do Centro de Antropoloxía Aplicada, da mesma Universidade.
  • Xosé Manuel González Reboredo, Membro do Consello da Cultura Galega, Director do Instituto de Estudos das Identidades do Museu do Pobo Galego.
  • Alexandre Parafita, Doutor en Cultura Portuguesa pola      Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Investigador Integrado no Centro de Tradições Populares Portuguesas da Universidade de Lisboa.
  •  António Reigosa, especialista en Literatura de Tradición  Oral no Museo Provincial de Lugo. Escritor e Director do portal de Internet  sobre o patrimonio lendario galego “Galicia Encantada”.
  • Carlos Nogueira, Doutor en Literatura Portuguesa pola Universidade do Porto. Investigador de Literatura Oral Tradicional.

Este equipo está a traballar seguindo as indicacións do informe que a Unesco enviou a ambos  Estados onde se recomendaba voltar a presentar a mesma proposta de Candidatura e  centrar a atención nunhas poucas  manifestacións do conxunto do patrimonio inmaterial galego-portugués intensificando as medidas sobre esas expresións culturais. A proposta de reformulación foi remitida xa ao Ministério de Cultura de Portugal. Dado que o prazo para a presentación das propostas de incrición remata o 30 de agosto de 2008, desde Ponte...nas ondas! avánzase nos traballos para a mellora do dossier que deberá ser presentado en París. Ponte...nas ondas! ten solicitado unha entrevista co novo Ministro de Cultura de Portugal para poder abordar o novo proceso.

Volver ao índice

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986