Actualizado 10:15
5 de setembro

COMARCAS

Nenos da parroquia tomiñesa de Barrantes fan unha sementeira de Carballos
Máis de 200 landras foron sementadas

Redacción



A alcaldesa ao carón dos organizadores

O pasado 5 de decembro tivo lugar na parroquia tomiñesa de Barrantes unha sementeira de carballos, a cargo dos nenos e nenas do colexio público de Barrantes e promovida pola Fundación Mátrix e Fundación + Árboles co patrocinio de Caixa Galicia e Comunidade de Montes de Barrantes, e a colaboración do Laboratorio de Ecoloxía Aplicada da Universidade de Vigo.

A pesar da choiva, medio centenar de nenos e nenas do colexio de Barrantes sementaron landras de carballo nunha parcela da comunidade de montes da parroquia situada xunto a estrada Tomiño-Cristelos.

Os alumnos, dos cursos superiores de Primaria, sementaron as landras baixo as indicacións de Javier Montalvo (director da Fundación Mátrix e patrono da Fundación + Árboles), e contaron coa axuda de seis estudantes de Bioloxía da Universidade de Vigo.

Polas malas condicións meteorolóxicas, non foi posible sementar todas as landras preparadas, aínda que máis de 200 foron colocadas baixo terra, con todos os coidados para que comecen a medrar nesta primavera.

A actividade foi cualificada de éxito polos organizadores do evento, a xulgar pola alegría dos cativos ao sementar árbores autóctonos coa finalidade de repoboar os montes.Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, que estivo presente no acto xunto aos organizadores da actividade, salientou a iniciativa, considerándoa interesante e útil. "Esperamos que xunto coas novas políticas da Consellería de Medio Rural, que van nesta mesma liña, sexamos capaces de facer de Tomiño un referente a seguir no coidado e repoboación dos montes e bosques autóctonos", sinalou.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986