No desenvolvemento desta actividade participarán un total de 32 desempregados
menores de 25 anos
Redacción

Pedro Borrajo asistiu á inauguración
A Consellería de Traballo subvencionará o acondicionamento e rehabilitación do contorno natural e patrimonial do concello pontevedrés da Guarda. O delegado provincial da Consellería de Traballo en Pontevedra, Pedro Borrajo Rivas, xunto ao alcalde do Municipio, Xosé Manuel Domínguez Freitas, inaugurou a escola obradoiro Manuel B. Portela V , promovida polo concello da Guarda.
Neste programa mixto de formación-emprego participarán un total de 32 desempregados menores de 25 anos. Os participantes desta iniciativa recibirán formación nas especialidades de cantería, carpintería, xardinería e axuda no fogar. Para acadar a formación prevista, os alumnos levarán a cabo unha serie de actuacións en diversos puntos do municipio.
O departamento que dirixe Ricardo Varela investirá na posta en marcha de Manuel B. Portela V un orzamento total de 627.770 euros.
Entre os traballos da escola obradoiro destaca o acondicionamento da praza de Salcidos, da fonte da Bisorca, do paseo marítimo e da praza ubicada entre a rúa Galicia e a rúa Longra.
Os alumnos-traballadores tamén se encargarán de rehabilitar a fonte do Castro e o lavadoiro de Camposancos, así como de mellorar a situación da praza de San Benito. Ao mesmo tempo, na escola obradoiro Manuel B. Portela V tamén se recolle como actuación a realización da carpintería interior das instalacións deportivas.
Axuda no fogar
Outro dos cursos que se impartirán na escola obradoiro será o de axuda no fogar, “o que posibilitará que oito persoas atopen traballo no marco da nova Lei de Dependencia”, apuntou Freitas.
Obxectivos e finalidade
A escola obradoiro Manuel B. Portela V ten como obxectivo a mellora das condicións de acceso ao mercado laboral dos desempregados participantes. As escolas obradoiro, ao igual que os obradoiros de emprego, constitúen unha ferramenta esencial na loita contra o desemprego, especialmente para aquelas profesións nas que se bota en falta unha certa formación teórico-práctica.
“Somos un goberno que aposta pola formación e o emprego”, apuntou o alcalde da localidade
A execución deste tipo de iniciativas responde a unha demanda real da sociedade, xa que son os programas que acadan un maior nivel de inserción laboral. De feito, arredor do 70% dos participantes un posto de traballo en pouco tempo. Ademais, este tipo de programas permite que a entidade promotora, neste caso o Concello da Guarda, mellore as súas dotacións e os servizos que presta.