Actualizado ás 10:40
09 de maio do 2008

cidades

Trinta e tres persoas participan no curso de galego para inmigrantes organizado pola área de ensino da Deputación de Lugo




Participantes no curso

redacción

O responsable da área de Cultura e Ensino da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga Outeiro, visitou recentemente aos participantes no curso de formación para inmigrantes destinado á aprendizaxe do idioma galego. O curso está coordinado polo ILEA (Instituto Lucense de Expresión e Arte), dependente da área de Cultura da Deputación, e conta co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza e da Subdelegación do Goberno de Lugo.

Nesta II edición do curso que leva por título A Nosa Lingua ¡Faina Túa! están a participar un total de 33 alumnos/as procedentes de distintos países como Chile, Colombia, Arxentina, Ecuador, Arxelia, República Dominicana, Perú e Uruguai. Antonio Veiga compartiu unha breve charla cos asistentes ao curso que lle agradeceron o esforzo por establecer horarios que permitan a conciliación da vida laboral e familiar coa asistencia ás aulas de galego.

Dentro dos obxectivos do curso está a plena integración dos inmigrantes e dos emigrantes retornados na sociedade galega, evitando que o coñecemento do idioma poida converterse nunha barreira. É un deber das administracións facilitar ás persoas que chegan ao noso país os medios para a aprendizaxe do idioma galego. Nesta senso o responsable de Cultura, o nacionalista Antonio Veiga indicou que “debemos de poñer todos o medios precisos para que, tanto os que chegan como os que retornan, atopen as máximas facilidades para axeitar a súa vida á sociedade galega con toda normalidade”.

Tres xeracións comparten a aprendizaxe de galego
Na súa visita, ás aulas de galego, o responsable da área de Cultura e Ensino da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, puido comprobar como ata 3 xeracións comparten a aprendizaxe do galego. No curso participan fillos de galegos emigrados nos anos cincuenta que agora retornaron e que deixaron fillos e netos no seu país de orixe. Tamén son abundantes no curso persoas xoves que chegaron a Galiza para traballar e que agora comparten cos seus fillos a aprendizaxe do galego.

Espalla esta nova
Documento sin título

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986