![]() XORNAL GALEGO DE INFORMACIÓN XERAL
:::: EDICION DIXITAL Actualizado ás 10:40 |
|
|
cidades O Iberojazz 2008 repasará os 60 anos da historia do jazz na península
redacción A concelleira de Cultura da Coruña María Xosé Bravo, o asesor artístico de Iberojazz Alberto Conde e o compositor e guitarrista coruñés Pepe Evangelista, presentaron a terceira edición do festival Iberojazz, que se celebra na Coruña o próximo mes de xaneiro. Este evento, consolidado xa como unha cita cultural de carácter fixo na cidade, quere no 2008 facer un percorrido polo que foron os 60 anos da historia do jazz na Península Ibérica. O festival componse de cinco concertos e doutras catro jam sessions repartidas polos locais tradicionais de jazz da cidade. Os concertos desenvolveranse no Forum Metropolitano, agás o primeiro deles, que abrirá o ciclo no Teatro Rosalía de Castro o día 4 de xaneiro da man do saxofonista Pedro Iturralde, precursor do jazz flamenco e que presenta o traballo discográfico Etnofonías. Xa o día 10, o Forum acolle a presentación do primeiro disco da percusionista-baterista viguesa de Lucía Martínez, Soños e Delirios, que tocará acompañada dun grupo de músicos mozos portugueses. O día 17 de xaneiro da man do contrabaixista Horacio Fumero terá lugar o concerto homenaxe a Tete Montoliu, o seu acompañante musical durante 16 anos. Ao día seguinte, o venres 18, o terceiro dos concertos programados no Forum reunirá todos os ingredientes da filosofía do Iberojazz. Por primeira vez celebraranse intercambios musicais entre alumnos de distintas escolas superiores de música da Península Ibérica. A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo definiuno durante a presentación como “punto de encontro das novas xeracións de jazz”. O público poderá gozar de maneira gratuíta dunha sesión de jazz na que participa un combo seleccionado de cada un dos centros musicais participantes: o Conservatorio Superior de Música da Coruña e o Centro Superior de Música do País Vasco. O festival remata o día 31 no Forum co concerto de Pepe Evangelista, que en formación de cuarteto, presentará o seu último traballo Teima. As jam sessions serán os días 10, 17, 24, e 31 de xaneiro, en horario nocturno, repartidaspolos locais tradicionais de jazz da cidade, como son o Filloa, o Jazzvides ou o Garufa, coas actuacións de Abuña Jazz, Calixto Oviedo’s Band, Vi-Gop Quartet e Clifford 8.
Espalla esta nova
|
|
|
NESTA SECCION :: ![]() |
|
![]() ©2007 - Optimizada para 1024x768
©2007 Xornal A PENEIRA |
|