Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Actualizado 09:15
5 de xaneiro

Brest 08

Vivir o mar día e noite
A botadura dunha dorna construida nos últimos días foi seguida por centos de persoas

Antón Fernández Escuredo/ Brest



Ata os máis pequenos participan

Nótase quen leva o mar no sangue. Da igual a idade ou a procedencia. Estes días en Brest moitos e variados pobos tiveron o mar como punto de conexión.

De día a convivencia tradúcese nos diálogos interminables sobre técnicas de navegación, materiais e coñecementos varios. 'Os noruegos teñen unha vela moi semellante á nosa', comenta un mariñeiro galego. Terá algo que ver coa presenza dos veciños do norte nas nosas costas hai xa séculos?

Á noite é a festa a protagonista da mesma relación. Nunha das dornas, a 'Nova María', tocaron onte uns gaiteiros, parte deles compoñentes do grupo Treixadura. Ao remate decatámonos que habia tamén gaiteiros bretóns. 'Tocade unha, veña', dixémoslles. Escolleron unha jota e unha muiñeira. A música tamén é intercambio.

Dia de Galiza

Galiza, país convidado de honra nesta edición, celebra hoxe o seu día de igual xeito que o fixeron o recentemente creado estado Croata ou mesmo Vietnam. A organización foi impecable. Despois do acto protocolario realizado no palco principal do 'village' galego e no que participaron autoridades bretonas e galegas o momento que todos agardaban: a botadura da Dorna. A embarcación que desde hai días collia forma primeiro en Galiza e logo no propio porto de Brest, foi levada ata o mar por unha morea de mans entusiastas.

De fondo as notas da Marcha do Antigo Reino de Galiza e as 25 embarcacións coas velas ao vento despois dun sinal do vapor Hidra II. No último momento os mariñeiros máis vellos pasaron a embarcación aos máis novos, sen dúbida a imaxe que mellor representou a presenza galega neste evento.

Voltar ao Índice

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986