Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Actualizado 09:15
5 de xaneiro

Brest 08

Galiza presentou a súa tradición mariñeira en Brest
A botadura dunha dorna construida nos últimos días foi seguida por centos de persoas

Antón Fernández Escuredo/ Brest



A programación especial do Día de Galiza arrancou ás 11 da mañá co acto institucional no que participou a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, xunto co alcalde de Brest, François Cuillandre, e o vicepresidente da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), Víctor Fernández.

Ánxela Bugallo explicou a fonda relación que une a Galiza co mar, desde o punto de vista cultural, social e económico. “O mar é fonte da nosa economía, do noso traballo, xerou oficios e industria e aínda hoxe supón unha vía de riqueza para a nosa terra. Pero o mar é tamén cultura e patrimonio, sabedoría transmitida de xeración en xeración e que hoxe presentamos con gabanza nesta festa de Brest na que nos enchemos de orgullo de ser convidados de honra”.

A conselleira tamén resaltou as ligazóns do noso país con Bretaña, e agradeceu ás autoridades do país anfitrión por convidar a Galiza a ocupar un lugar tan destacado na Festa Marítima Internacional. Bugallo agradeceu o esforzo realizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial por manter vivo este patrimonio que ao longo desta semana se amosou ao mundo en Brest.

O alcalde de Brest resaltou que hoxe se podía comprobar que Galiza e Bretaña non están tan lonxe, como países curmáns cun pasado celta en común. Sinalou que na Festa Marítima Internacional de Brest teñen cabida os países que, como Galiza, teñen a cultura marítima como parte importante da súa cultura.
Pola súa parte, o vicepresidente da FGCMF, Víctor Fernández, subliñou que “a presenza galega en Brest foi un dos nosos maiores retos. Nunca antes levaramos tantos barcos tan lonxe para representar a nosa cultura, e creo que demos un exemplo claro de como traballar en colectivo”. Fernández agradeceu á conselleira “o esforzo da Consellería de Cultura nestes últimos anos para realizar un traballo conxunto e lograr que sexa recoñecida a cultura marítima e fluvial de Galiza”.

Voltar ao Índice

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986