Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Actualizado 09:15
5 de xaneiro

Brest 08

Galiza, o mar e Brest

Antón Fernández Escuredo/ Brest



Os galegos e os bretóns temos moitos elementos en común. Ademais daqueles máis coñecidos como son o feito de contar cunha lingua minorizada e cunha identidade propia no marco doutro estado, tamén compartimos un profundo amor polo mar. A cidade de Brest é estes días unha boa mostra do que estou a dicir grazas á celebración da Festa Marítima Internacional na que Galiza conta cun espazo propio como país convidado. A delegación galega, situada no mesmo centro do evento, conta con carpas de exposicións que dan a coñecer o noso pobo e as nosas tradicións mariñeiras. Un carpinteiro de Ribeira e un cesteiro traballan en directo aos ollos dos visitantes mentras ao seu carón está a piques de rematarse unha dorna, a peza estrela do "village". Esta embarcación terá o seu bautismo mañá, día de Galiza en Brest.
 
Actuacións musicais
Todas das delegacións contan cunha mostra musical que complementa a mostra cultural dos diferentes países. No caso galego son os grupos Leilía e Treixadura os encargados de transmitir a nosa tradición cos seus instrumentos. As actuacións non só teñen lugar no escenario principal senón tamén de xeito libre, compartindo camaradería co resto de participantes. Como complemento do programa oficial todas as tardes hai cursiños de baile abertos a todos os visitantes.
 
Embarcacións
A mostra que aporta Galiza a este evento consta de 25 embarcacións tradicionais coidadosamente seleccionadas para amosar a diversidade da cultura marítima galega: gamelas, dornas, buceta, galeóns, traiñeira, barca de dornas, lancha do xeito, catraia, barca de paso e un barco de vapor orixinal, o Hidria II. Todas elas partciparán mañá nun desfile nouturno que promete ser moi espectacular. 

Voltar ao Índice

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986