Actualizado ás 10:40
09 de maio do 2008

a diada

A "Diada" Nacional de Catalunya
César Guzmán López*




Concentración durante a "Diada"

A Diada conmemora a ocupación de Barcelona o 11 de setembro de 1714 polas tropas franco-españolas do duque de Berwick, coa conseguinte derrota de Catalunya, que tomara parte polo bando austracista na Guerra de Sucesión. O resultado para o pobo catalán foi a supresión do elevado grao de autonomía que conservaba dentro da monarquía hispánica. Após a derrota, e como castigo do Borbón Filipe V, viñeron o Decreto de Nova Planta, a supresión dos dereitos históricos, a perda das institucións propias e a súa substitución por un sistema centralizado á castelá, e especialmente a reclusión da lingua catalá ao ámbito popular e familiar. Isto supuxo para os cataláns a incorporación manu militari ao estado centralista español, feito que no noso caso xa consumaran uns séculos antes os Reis católicos coa súa “doma e castración do Reino de Galiza”. Neste senso, para o pobo catalán a celebración da Diada non é só a lembranza dunha derrota, senón sobre todo unha xornada de afirmación da vontade colectiva e de reivindicación da identidade catalá contra vento e marea. “Som i serem gent catalana, tant si es vol com si no es vol”, di a letra da coñecida sardana La Santa Espina. Tanto se se quere, coma se non.

Dende os inicios das relacións entre os movementos nacionalistas de Galiza e Catalunya, as respectivas celebracións foron momentos de encontro, de apoio e de reivindicación común. Xa o foran na etapa republicana, e foi precisamente en Compostela, no Día da Patria de 1933 cando se constituíra Galeusca, o primeiro acordo entre as forzas políticas nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya. Despois da morte do ditador Franco a presenza do nacionalismo galego na Diada de Catalunya foi continua. En moitos dos actos do día estivo e segue a estar presente o nacionalismo galego mediante os convites institucionais que os partidos cataláns (CiU e ERC) fan a representantes do Bloque Nacionalista Galego, este ano coa asistencia da deputada Olaia Fernández Davila e de Rosana Pérez. Tamén cómpre sinalar a asistencia de galegas e galegos residentes en Catalunya ás manifestacións onde non deixan de ondear un ano tras outro, as cores da bandeira galega. E mesmo, ás veces, soa a gaita...

As celebracións comezan coa ofrenda floral no monumento de Rafael Casanova, Conseller en Cap de Barcelona en 1714. Durante a véspera e toda a mañá do día 11, sucédense os actos no Fossar de les Moreres, antigo cemiterio onde foran enterrados moitos dos mortos na defensa da cidade contra as tropas de Filipe V. Pola tarde, celébrase a manifestación que remata precisamente diante do monumento de Casanova co canto d’Els segadors. Nos últimos anos, na conmemoración da Diada deuse unha tendencia á institucionalización da xornada, ás veces acompañada pola minimización do carácter nacionalista da festa por parte dos partidos estatalistas. Doutra banda a vertente reivindicativa cada vez ten un máis marcado carácter independentista nos actos de ERC e doutras formacións.

A comunidade galega de Catalunya celebrará este ano a Diada na lembranza, aínda fresca, do acto de conmemoración oficial do noso Día da Patria por primeira vez organizado pola Generalitat, e presidido por Josep Lluís Carod-Rovira. O vicepresidente pediu aos galegos e galegas que aquí vivimos que, integrados en Catalunya, tamén manteñamos e defendamos con orgullo a nosa lingua e a nosa identidade, pois dixo que estaba convencido de que esa capacidade de integrar na diversidade é un dos mellores logros da nación catalá.

*César Guzmán López é profesor

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986