Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Actualizado 09:07
12 de febreiro

corpus ´07

Vintecinco anos alfombrando Ponteareas con terra do Teide
Ademais de cumprir 150 anos de memoria, as alfombras e alfombristas de Ponteareas teñen o pracer de festexar os vintecinco anos de irmanamento coa vila canaria da Orotava. Non podían imaxinar naqueles tempos, que tantos anos despois seguirían adornando a Praza da Igrexa coas súas terras volcánicas.

Redacción



Alfombra da Orotava

Estes vintecinco anos de convivencia e intercambio serviron para que tanto os veciños de Ponteareas como os da vila da Orotava puideran conocer novas terras e alfombrar rúas nas que xamais pensaron traballar. Deste xeito foron moitas as veces que os veciños da vila do Corpus viaxou á Orotava non só para traballar nas súas festas senón tamén para coñecer a vila e a illa de Santa Cruz de Tenerife e mesmo participar en congresos como o de “Arte Efímero de Confección de Alfombras de Flores y Tierras Naturales”.

Así mesmo, os veciños da vila tinerfeña aproveitaron as súas viaxes do Corpus para percorrer unha boa parte de Galiza e levar a nosa historia, gastronomía e paisaxe como bo recordo. Este ano son máis de douscentos veciños da Orotava os que visitan Ponteareas con motivo do 25 aniversario, motivo polo cal as autoridades locais farán unha recepción na casa do concello á que convidan a tódolos veciños. Ademais este ano tamén actuará un grupo da localidade tinerfeña, Patafísica, que actuará o venres día 8 de xuño no parque da Feira Vella.

Semella que nos últimos anos os veciños da Orotova están de celebración en celebración porque xa o 2006 tamén foi un ano especial na historia do alfombrismo orotavense. Ese ano a Asociación de Alfombristas da Vila da Orotava, en combinación co concello da mesma auspiciou a celebración dun evento de carácter internacional que tivo como principal obxectivo a celebración dun Congreso de promotores, deseñadores e executores de alfombras de terras naturais e flores. A idea básica era reunir na Orotava durante as festas patronais ao maior número posible de persoas que tivesen por costume a realización de alfombras por algún motivo relixioso ou cultural.

A tal efecto a organización fixo unha estricta selección da que resultaron convidados os alfombristas de Genzano di Roma, Italia; de Huamantla de MéxicoM Bruselas, Bélgica; Mühlenbach de Alemania e Kobe por Xapón. Ademais convidouse aos monxes tibetanos e a membros destacados da Nación Navaja provenientes de Texas, Arizona para que amosaran as súas habilidades artísticas con terras. Como representantes do arte alfombrista hispano solicitouse o traballo dos mestres de Sitges, Toledo e, como non, Ponteareas. Durante o encontro puideron falar da historia, técnica e arte das alfombras. Nicomedes Rodríguez Expósito, membro da asociación, lembra a primeira vez que visitou a vila ponteareana para alfombrar a saída da igrexa. Dende entón non deixou de vir ningún ano e sóbranlle palabras de agasallo para os veciños de Ponteareas dos que destaca a súa hospitalidade e o arte co que alfombran as súas rúas.

Nicomedes é sempre un dos primeiros en chegar á vila do Tea e sempre que pode aproveita para realizar excursións e percorrer a xeografía galega. Son moitas as diferencias entre as técnicas empregadas polos tinerfeños e os ponteareáns pero , á vez, un único xeito de desfrutar: engalanar as rúas con pétalos de cores. Os da Orotava apostan case sempre polos motivos relixiosos, as terras volcánicas e distintas flores. Os galegos apostan polo mirto, o pampullo, árnica, hortensia e as flores que nesas datas resulten máis vistosas. En todo caso e pese a estas diferencias de técnicas, motivos e materiais, os alfombristas ponteareáns e os da Orotova desfrutan vendo pasar á procesión por enriba das súas alfombras. Estas dúas vilas irmáns celebran este ano o aniversario da primeira vez que compartiron experiencias e auguran un futuro igual de fructífero que os vintecinco anos vividos.

 

Espalla esta nova

©2007 - Optimizada para 1024x768 ©2007 Xornal A PENEIRA
Edicións A Peneira-Condado.S.A. - R. Sarmiento Rivera, 17 - 36860 Ponteareas (Galiza) - Teléfono e Fax: 986 660 986