Advertisement
Puntogal
A aguia real volta ao Xurés PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 9
MaloBon 
Escrito por Silverio Cerradelo Gómez   
jueves, 23 de julio de 2009

Cría en cativerio de aguia real
Cría en cativerio de aguia real
No parque transfronteirizo Gerês-Xurés a aguia real non chegou verdadeiramente a extinguirse, pero das parellas que antano aniñaran nos seus penedos só quedou un exemplar, unha femia, asentada hoxe na banda portuguesa. No ano 2001 iniciouse no Parque Natural do Xurés (provincia de Ourense) un proxecto de reintrodución de aguiotos nacidos en cativerio, unha actuación máis dentro do programa que leva a cabo a Xunta para a recuperación da especie en Galiza.

A aguia real (Aquila chrysaetus) está en perigo de extinción na nosa terra. É un imperativo legal que cada especie así considerada posúa o seu programa de recuperación, coméntanos Alberto Gil Carrera, coordinador do Plan de Recuperación da Aguia Real da Xunta, con quen falamos para a redacción deste artigo. Actualmente crían unhas 6 parellas en territorio galego, todas elas en áreas fronteirizas das provincias de Lugo e Ourense.

Esta ave de rapina é particularmente sensíbel á presenza humana durante o período de nidificación. Os adultos axótanse e abandonan definitivamente os aguiares, como consecuencia por exemplo da apertura dunha devasa ou dun camiño nas súas proximidades. No espazo natural transfronteirizo Gerês-Xurés en concreto –engade Alberto– a especie minguou no pasado por causa da colocación de iscos envelenados ou da pillaxe de aguiotos, e mesmo aguias adultas foron abatidas.


Esforzos a ambos os lados da fronteira

Mais hoxe en día, súmanse os esforzos galegos e portugueses para tentar recuperar a aguia real na zona. No Parque Nacional da Peneda-Gerês, desenvólvense actuacións educativas destinadas á erradicación do veleno e á mellora do hábitat, e os gardas velan atentamente pola preservación da fauna. No Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, alén das tarefas educativas e de vixilancia, lévase a cabo o proxecto de reintrodución de aguiotos nados en cativerio. Os moradores da zona son conscientes de que a supervivencia das aguias implica un ecosistema equilibrado e a abundancia de presas, nomeadamente de coellos, outro dos obxectivos do P. N. do Xurés.

Desgrazadamente, non todas as actuacións son positivas para as aguias inclusive na actualidade. Unha das negativas foi a construción do parque eólico do Minho, abeirando o límite mesmo do P. N. da Peneda-Gerês. Os aeroxeradores comportan un alto risco de colisión para as aguias reais, que poden atinxir 2'30 m de envergadura.


Reintrodución de aguioto nados en cativerio

O proxecto da reintrodución de aguiotos coordínase principalmente co programa de reprodución en cativerio de aguia real do Grefa, Grupo para a Rehabilitación da Fauna Autóctona e o seu hábitat, con sede en Madrid, alén de contar con algún aguioto procedente doutros centros, como o de Sevilleja de la Jara (Toledo) ou Los Hornos (Cáceres). Todos os animais pasan un control sanitario no centro do Grefa, que inclúe a exploración clínica, a sexaxe, análises coprolóxicas e sanguíneas.

Desde o ano 2001, xa se teñen depositado máis de 10 exemplares nos niños axeitados para este fin nas penedías do P. N. do Xurés. Cada primavera é preciso arranxar o substrato do niño e colocar un tubo por onde se lles vai fornecer o alimento aos aguiotos, que se poñen alí cando teñen dous meses de idade, uns días antes de que comecen a voar. Axiña fan exercicio batendo as ás e ao cabo duns días bótanse fóra no seu primeiro voo. Logo de realizaren as primeiras revoadas aínda son alimentados polos vixiantes e axentes forestais do P.N., que deixan carne crúa nos arredores do niño até que as novas aguias aprenden a cazar e a sobrevivir de seu. Desta maneira, os animais identifican este territorio como se fose o seu lugar natural de nacemento.

 A historia da Eufemia

Eufemia é o nome dunha aguia real que naceu e foi criada polos seus proxenitores nas instalacións do Grefa, dentro do programa de reprodución en cativerio da especie. Despois de ser ceibada por primeira vez no P. N. do Xurés, no verán de 2008, permaneceu no parque até finais de outubro. Contra ao final deste mes, Eufemia iniciou a dispersión posnatal. Levaba un transmisor vía satélite, e grazas a el constatouse que atravesaba o norte de Portugal cara ao leste e que se instalaba nunhas devesas da provincia de Salamanca. Guiados polo transmisor, membros do Grefa achegáronse alá e descubriron que a zona era un couto de caza; atoparon a aguia pousada nunha cerca de pedra e cunha á caída. Procederon a capturala e axiña foi trasladada ao hospital de fauna salvaxe do grupo onde se comprobou que fora tiroteada. Logo despois, informouse ao Seprona, á Comunidade de Madrid (onde nacera), á Xunta de Galiza (promotora do proxecto de reintrodución) e á Comunidade de Castela-León (onde apareceu tiroteada).

Eufemia tivo que ser operada con urxencia de fractura aberta de cúbito. Desde entón até este verán, a aguia permaneceu en instalacións de rehabilitación, e no mes de xuño pasado practicou varios voos de musculación en campo aberto até recuperar completamente a capacidade de voar.

Felizmente, na clara mañá estival do pasado 8 de xullo, a xove Eufemia foi ceibada novamente no P. N. do Xurés, no mesmo lugar onde o ano anterior realizara os primeiros voos. A solta converteuse nun brevísimo acto social, onde estiveron presentes, entre outros, José Antonio Amoeiro, director do parque natual; Juan José Gómez, xefe do Servizo da Conservación da Natureza; Ricardo Vecillas, xefe territorial da Consellaría do Medio Rural; Rogelio Martínez, delegado da Xunta en Ourense; ou Javier Silva, representante de sectores locais implicados na caza e na xestión do monte.
 

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >